Ana Seijas: «A mirada de En Marea é social e galega, outros teñen a da Meseta»

ESPAÑA

Ana Seijas, candidata de En Marea
Ana Seijas, candidata de En Marea Sandra Alonso

«Agardo que nos voten os alcaldes da Coruña e de Santiago, porque nós somos o voto útil galego», asegura a cabeza de lista de En Marea pola Coruña

26 abr 2019 . Actualizado a las 00:16 h.

Contrapón o camiño galego, social e de rexeneración que atribúe a En Marea co «mesetario» e coas formas de vello partido con que identifica a En Común Unidas Podemos. Ana Seijas (Santiago, 1973), cabeza de lista de En Marea pola Coruña, conta con recibir o voto dos alcaldes coruñés e compostelán e que non opten polas listas da proposta que encabeza Pablo Iglesias.

-Canto tempo está a dedicar nesta campaña a explicar por que rompeu En Marea?

-Non moito. Dedicámonos a explicar a nosa proposta de rexeneración democrática, que é o que seguimos a defender. Somos a candidatura herdeira do 15M en Galicia, da maioría cidadá, ética e de progreso, cousa que non conseguiron nin os partidos clásicos nin as formacións novas, que enseguida se adaptaron ás formas dos vellos partidos. Esa é a diferenza.

-Pero que pasou para que organizacións que comparten escanos no Parlamento galego non logren ir xuntas ás xerais?

-Algúns seguimos co mesmo camiño que nos trouxo a organizármonos, outros terán que responder por que o abandonaron. Nós seguimos querendo sumar e que os problemas da xente guíen as políticas das institucións.

-O cainismo histórico da esquerda prendeu na dereita tamén.

-Hai xente que está a aproveitar a precariedade que eles mesmos crearon. O noso é o espazo do entendemento social e a cooperación, axentes que teñen que levar a superar o mirar para un. Nós tratamos de mirar polo ben común desde Galicia, que non estivo nos debates destes días. A nosa mirada social é galega, outros teñen a da Meseta. Temos que ter voz propia disposta a chegar a acordos con outros territorios.

-Foi rendible para En Marea apoiar a moción de censura de Pedro Sánchez?

-Tiñamos claro que a apoiariamos. Non se poden acadar políticas progresistas cun goberno de dereitas. Foi un momento de ilusión, de poder mudar as cousas, pero non foi un cheque en branco, senón a cambio de que se tivesen en conta as realidades dos galegos. Sempre temos a man tendida para avanzar.

-E cre que Galicia avanzou?

-Pois ese progreso para Galicia non se viu reflectido nos Presupostos. Eran sociais, aínda que hai que seguir a mellorar o salario mínimo, ou baixar a idade de xubilación... Pero necesitamos un desenvolvemento económico en Galicia, e iso non estaba nos Presupostos, e Galicia ten que ter futuro por si mesma, con ferramentas e infraestruturas, non recibir subsidios.

-Cal sería o prezo concreto de En Marea se fose decisiva na investidura?

-Hai que reverter uns Presupostos que supoñían un 40 % menos de inversión no país, e concretar cuestións como a transferencia da AP-9 -que ten que ser galega e gratuíta-, mellorar a rede ferroviaria, que os nosos portos sexan máis competitivos ou que se condone a débeda do da Coruña, no que coincidimos con Marea Atlántica. Non se respectou aos galegos e a nosa é unha voz propia e algúns non o entenderon. Nós somos o voto útil.

-Coincidirán con Marea Atlántica, pero o seu alcalde e o de Santiago eluden aclarar se votarán a En Marea ou a Podemos.

-O alcalde da Coruña xa dixo que apoiará aos que defenden a maioría de progreso e os intereses de Galicia e da Coruña, e esa voz é En Marea claramente. Agardo que nos voten.