«Para min, a moqueta do Parlamento vai ser un espazo de loita, como a rúa»
22 may 2014 . Actualizado a las 09:19 h.É, ante todo, labrega. E logo muller, amais de histórica do sindicalismo. Tamén nacionalista. Pero agora Lidia Senra (Pobra do Brollón, 1958) anda noutras leas. É a principal candidata de AGE ao Parlamento europeo, número cinco na lista que lidera IU.
-¿Por que é a hora do pobo?
-Porque o pobo estamos fartos de soportar unhas políticas que están levándonos á exclusión social, á miseria, á pobreza. É unha boa oportunidade para votar por un cambio radical das políticas e das institucións europeas, para convertelas en verdadeiramente democráticas e para a cidadanía.
-¿E por que é a de Lidia Senra?
-¡Ai! A hora de Lidia Senra iso vaino dicir o 25 a xente, se queren que sexa a súa hora ou non.
-Pois todas as enquisas dan a La Izquierda Plural, no peor dos casos, cinco escanos o domingo. É dicir, que vostede entrará no Parlamento. Que si será a súa hora. ¿Medo a confiarse?
-Eu son das que penso que non se pode vender o peixe antes de pescalo. A enquisa é a do 25.
-Esas sondaxes atribúen entre cero e un eurodeputado á coalición Bildu-BNG. ¿Que prefire: que obteña escano o Bloque ou non?
-O Bloque non é o noso inimigo. Non temos problema con iso.
-Problema si que teñen con que, por unanimidade, a demoscopia dea como vencedor das eleccións ao PP. ¿Como poder ser que, no peor dos escenarios, gañe?
-Posiblemente porque desde a esquerda non esteamos sendo capaces de transmitir a nosa mensaxe, de chegar a todo o mundo e de facernos entender. Tamén penso que hai un interese moi grande para que non haxa participación, para que se dispare a abstención e se manteñan os dous partidos do sistema. Estas eleccións semella que non existen. E así é difícil transmitir que temos que romper con estas situación, romper con esta Unión Europea para poñer as bases dunha nova.
-Sosteñen que PP e PSOE son o mesmo. ¿E iso?
-Hai datos e, ante os datos... No 70 % das ocasións en Europa votan o mesmo, sosteñen as políticas económicas, estiveron de acordo en aprobar o tratado da Acta Única, puxeron en marcha o tratado de Maastricht, reproducen a doutrina neoliberal que lle interesa ás grandes corporacións, en España pactaron a reforma do artigo 135 da Constitución para priorizar o pago dunha débeda ilexítima e recortar os servizos públicos, tumbaron no Congreso a iniciativa para parar e someter a referendo o acordo de libre comercio entre os Estados Unidos e a UE...
-Vostede militaba no BNG cando gobernou co PSOE en Galicia. Dado que son o mesmo, tamén podían ter gobernado co PP, ¿non?
-De iso non opino. Terá que preguntarlle ao Bloque por que tomou esa decisión. Hai moito tempo que non formo parte del.
-E na coalición de agora, con IU, ¿aí está cómoda?
-Si, porque teño claro que estamos nunha situación de emerxencia, con 636.000 familias en risco de pobreza e exclusión social, con mozos e mozas que saen do país porque aquí non poden traballar, con empregos case sen remunerar, con destrución de postos a diario, con deslocalizacións de empresas... O importante nese escenario penso que é articular alianzas para parar as políticas do capitalismo.
-Vamos, mellor buscar os espazos comúns que mirar para as diferenzas.
-É o momento dos espazos comúns. E iso, aquí, calla en AGE. E, a nivel europeo, nunha fronte moi ampla da esquerda rupturista, co Bloco de Esquerda de Portugal, a Syriza de Grecia, a Fronte de Esquerda de Francia...
-¿E como se ve Lidia Senra con esa xente alá no Parlamento?
-Imaxínome intentando converter o Parlamento na caixa de resonancia das loitas da cidadanía. Véxome tamén integrada nesa gran coalición da esquerda, intentando sumar a forza suficiente para romper con esta UE e poñer as bases dunha nova que respecte o dereito a decidir dos pobos, o dereito das persoas e o dereito das mulleres á igualdade.
-¿Pódese ir de outsider na moqueta?
-A ver... A moqueta para min vai ser un espazo de loita, como foi sempre. Levo participado moi activamente en distintas frontes e teño andado moito pola moqueta en representación de colectivos para defender os seus intereses. Para min, é o mesmo. A moqueta vai ser un espazo de loita, exactamente igual que o é a rúa.
-¿Ha de colgar o sacho ou non?
-Non de todo. Todo o mundo que saiba o que é unha casa labrega sabe que, independentemente do tempo que teñas para dedicar a unha cousa ou outra, cando chegas alí, tes que coller o sacho. Así que non o vou colgar.
-É dicir, vai baixar do business, e poñer as botas na leira.
-¿Business? ¿Que é iso do business? Non penso andar en business. Viaxei moito e nunca tiven falta de facelo nesa clase. Así que non o vou facer agora.
-¿A Juncker, o candidato popular a presidir a Comisión, que lle vendería: uns repoliños ou uns limóns deses ben acedos?
-Máis que venderlle nada, intentaría sacalo dese organismo, para poñer aí a Alexis Tsipras.
-Pedra angular do seu discurso é a horta, a soberanía alimentaria. Para legos, ¿que é, exactamente?
-É o dereito dos labregos e labregas de cada pobo a producir a alimentación básica do seu país. E tamén o dereito de cada pobo en xeral a decidir a política agraria e alimentaria segundo as súas necesidades. Como a alimentación é a base da cidadanía, non pode estar nunca no poder das corporacións transnacionais.
-¿Pero de que pobo fala: do galego ou do europeo?
-Estamos a falar de que cada pobo teña dereito a decidir e que Europa garanta ese dereito na súa política agraria e alimentaria.
-Será con certos límites...
-Claro. Aínda que gastamos 900 millóns ao ano en importar comida que podiamos producir nós, non estamos negando que haxa un certo comercio internacional. Por exemplo, se queremos comer plátanos ou tomar café, temos que compralos, porque aquí non hai. Pero sempre tamén cunha clave: que calquera produto que nós non dispoñamos del ten que ser comerciado sen hipotecar a terra de orixe.