Ana Miranda: «O voto útil é o do BNG, porque AGE xa vai ter escano cos votos de fóra»

Carlos Punzón
Carlos Punzón VIGO / LA VOZ

ESPAÑA

«Se temos só unha acta, Bildu presentará o que lle mande a Miranda»

21 may 2014 . Actualizado a las 09:28 h.

Asegura que xa ten mercado o billete de avión para ir a Bruxelas o día 26 para negociar o reparto de traballo no gabinete da coalición que o BNG forma con Bildu nas europeas. «No Bloque non manda ninguén», di Ana Miranda (Cuntis, 1971), rexeitando que o pacto cos vascos sexa máis que un acordo de enxeñería electoral para facer fronte á circunscrición única. «Máis tarde ou máis cedo o nacionalismo galego volverá a unirse», agoira, pero mentres pide aos que estean nese arco político que aposten por ela. «Somos o voto útil, os outros [por AGE] teñen o escano garantido ao ir nunha lista estatal», mantén.

-Preséntanse como o voto da rebeldía, da alternativa nacionalista, do soberanismo. ¿Son as mellores credenciais para Europa?

-Nós defendemos os intereses galegos, a nosa produción, a unha sociedade que ten 653.000 persoas en situación de pobreza e exclusión social. Estamos ao lado dos problemas galegos e, en Europa, se está o BNG está Galiza, e Galiza está porque está o Bloque. E rebeldía, porque a xente o 25 de maio ten que escoller entre os mangantes e os currantes coma os do BNG, que imos aos Parlamentos a traballar duramente, sen privilexios e pagando os impostos aquí, non coma outros.

-Non é por amolar, pero dos sinais de identidade dos que fai gala o BNG escasa pegada deixou cando tocou poder na Xunta.

-O Bloque estivo en minoría nun Goberno no que a maioría das consellerías eran socialistas e non tiñamos o poder para tomar decisións en tódolos ámbitos. E ademais ao Bloque pedíuselle moitísimo en catro anos se o comparamos cos vinte e pico do PP nos que está a levar a este país ao suicidio. Pero fíxeronse cambios, aínda que se cometeron erros, por suposto, pero é que non houbo tempo.

-¿Ten que ver o BNG de agora co do bipartito? ¿Ou é outra versión?

-É un tempo diferente, pero segue moita xente de antes, outra nova, outros xa non están e moitos que somos independentes. Onde estamos é nun tempo de optimismo e nótase na militancia. Na campaña das autonómicas estabamos en horas baixas, de dó porque marchara papá [por Beiras]. Agora nesta executiva estamos nun tempo de conciliación, un novo estilo.

-Feijoo advirte que «un tal Josu» [Juaristi, cabeza de lista da coalición de Bildu co BNG] non vai defender a Galicia en Bruxelas.

-O señor Josu vai ter que presentar as preguntas que lle mande a Miranda, porque o BNG vai ter unha persoa traballando no Parlamento Europeo, que son eu, aínda que a coalición só acadase un escano. No Bloque non manda ninguén. Así o fixemos neste mandato no que presentei 80 iniciativas a través de Oriol Junqueras [ERC] e logo 274 máis nos 18 meses que fun eurodeputada. Millán Mon [PP] en dez anos presentou 217. É vergoñento.

-Di que os votos que acade o BNG en Galicia son só para o BNG, pero un voto dun señor de Granada a favor de Los Pueblos Deciden ¿para quen é?

-O importante é que cantos máis votos teña o BNG aquí máis tempo terá o escano o Bloque. Se só temos un se repartirán os cinco anos proporcionalmente, cun mínimo dun ano para nós, e se temos dous, pois un para Bildu e outro para nós. E os votos de fóra repártense entre os dous.

-¿Por que poden entenderse con Bildu, coa aragonesa Puyalon de Cuchas ou con Alternativa Nacionalista Canaria, que van na súa coalición, e non con Anova?

-Eses son acordos previos de Bildu con outras formacións. Nós tentamos por tódolos medios facer unha candidatura galega e non foi posible. Pero antes ou despois hai que tirar pola unión do nacionalismo galego, ¿ou vai estar separado toda a vida?

-¿Podería haber acordos seus con Lidia Senra [AGE] en Bruxelas?

-É bo que saiamos as dúas, como mulleres e como persoas da terra, e sempre traballarei con quen defenda os intereses galegos, non teño intención de competir niso. Pero o que está claro é que eles non precisan dos votos galegos, pois coa lei D?Hondt sérvense dos votos de todo o Estado. Nós estamos suando a camiseta porque o voto útil en Galiza é votar ao BNG, e AGE xa vai ter escano cos votos de fóra.

-¿Por que non houbo acordos neste mandato entre os cinco eurodeputados nin no «tax lease», as rías ou os portos?

-Non foi porque o BNG non o intentara. Mandeilles cartas a todos eles co do porto de Vigo, e non me responderon nunca. Pero hai que explicar que o PP e o PSOE coinciden no Parlamento votando o mesmo no 77 % dos temas, e en políticas de cohesión, nun 96 %, e en política medioambiental, outro 80 %. Teñen consenso para defender o modelo bipartidista e non teñen visión de país nin cariño por Galiza, é o que máis me doe. Son brillantes os eurodeputados que rompen a disciplina de voto pola súa terra, que por certo os socialistas se cargaron a todos nestas listas.

-¿Pero non falan nin no avión?

-Non é posible, non imos xuntos. Ana vai en turista e Millán Mon en bussines, que teño ollos e vexo, coma Willy Meyer ou Sánchez Presedo, que ás veces ía en turista e outras non. E Carmen Fraga tamén viaxaba en primeira, pero non me vou meter con ela, que é a única currante e decente de todos eles.