Paulo Carlos López: «Son parte desa xeración que lle din tirada ao lixo, pero non me resigno»

Gabriel Lemos REDACCIÓN / LA VOZ

ESPAÑA

<span lang= gl >Un xornalista comprometido coa política</span>. Licenciado en Xornalismo e Ciencias Políticas, o candidato de CxG non deixou de lado o seu traballo nun gabinete de comunicación pese a que a campaña lle come boa parte da xornada. O seu paso pola política, asegura, é só temporal.
Un xornalista comprometido coa política. Licenciado en Xornalismo e Ciencias Políticas, o candidato de CxG non deixou de lado o seu traballo nun gabinete de comunicación pese a que a campaña lle come boa parte da xornada. O seu paso pola política, asegura, é só temporal. Paco Rodríguez< / span>

O candidato de Compromiso por Galicia chama á participación dos mozos para decidir o seu futuro nas urnas

19 may 2014 . Actualizado a las 12:05 h.

Paulo Carlos López (Bergondo, 1985) concorre como número seis na lista da Coalición por Europa, a alianza política que Compromiso por Galicia comparte con CiU e PNV de cara ás europeas.

-Pertence a unha xeración de mozos que viron frustradas as súas perspectivas laborais, ¿como os convencería para que voten?

-Hai que facer moita pedagoxía. Aínda que Bruxelas e Estrasburgo queden lonxe a nivel xeográfico, as súas políticas tócannos moi de preto, sobre todo a esa mocidade que ten que emigrar porque non ten perspectivas vitais e de traballo en Galicia. Temos que indicarlle que as decisións en Europa tamén inciden á hora de desenvolver as políticas no seu concello, en Galicia e na Administración central; pero, sobre todo, que ten que valorar a democracia e ser dona do seu destino. Temos que loitar contra a desafección, dar un paso adiante e asumir responsabilidades. Eu síntome parte desa xeración que algúns cualifican de tirada ao lixo, son un mozo que ten dificultades de acceso ao mercado laboral, pero non me resigno, non quedo na casa, dou un paso adiante e asumo a responsabilidade de encabezar unha candidatura ao Parlamento Europeo. Coma min, todas as persoas deben encabezar a súa vida.

-¿E que se pode facer en Bruxelas para reactivar a economía real?

-Temos que ter voz directa como país, iso é primordial para mudar a arquitectura institucional da UE e que non escollan os estados algunhas políticas que atinxen ás rexións. Que estas teñan capacidade lexislativa e de acceso ao Tribunal de Xustiza e hai que dotar de capacidade de decisión ao Comité das Rexións. E para que a economía real se reactive debemos abandonar o dogma da austeridade e apostar polo incentivo, por desenvolver figuras tributarias como a taxa Tobin, os eurobonos, políticas que fomenten o crédito ás pemes ou outras que a través do Banco Europeo de Investimentos fomenten a economía produtiva.

-Fala da necesidade de contar cunha voz galega en Europa. pero son tres forzas competindo polo espazo electoral que antes copaba o BNG, ¿por que non callou unha candidatura galega conxunta?

-O noso espazo electoral non é só o do BNG e AGE. Eles diríxense, lexitimamente, a un 20 % da poboación e nós ao 90 %. Nós entendemos no seu momento que era positivo ter chegado a un acordo coas forzas políticas galegas, do cal non excluiamos ao PSdeG e a EU, para levar unha voz progresista, conxunta e sen intermediarios ao Parlamento Europeo. Non puido ser pola cativeza política das catro formacións. Das catro. Pero agora temos un proxecto político para Europa moi diferenciado do de BNG e AGE, porque eles representan a anti-Europa e nós somos europeístas. Non acreditamos na Europa de PP e PSOE pero si en Europa como espazo político para desenvolvernos como pobo e desenvolver outra política social e económica.

-¿Que teñen en común con CiU e PNV, os seus socios de coalición?

-CiU, PNV e Coalición Canaria [que tamén vai na coalición] son partidos diferentes, que chegaron a un acordo por unha decisión política de PP e PSOE que puxeron a circunscrición estatal, e nós como unha forza política de diálogo abrimos unha canle de negociación co PNV para participar da candidatura que propiciara este partido, á que logo se sumaron CiU e CC. Era unha obrigación porque queremos competir en igualdade de oportunidades. Logo sentámonos nunha mesa a negociar un programa no que nos sentimos moi a gusto, con tres piares fundamentais: defensa dos nosos territorios e do autogoberno, defensa dos servizos sociais e defensa da democracia.

-No actual Parlamento Europeo, os membros desta coalición se dividen entre o grupo do Partido Popular Europeo e o dos Demócratas e Liberais. ¿En que familia europea se encadrarían vostedes?

-Nós aínda non o temos decidido, é unha decisión colectiva que se tomará nun congreso posterior. Pero eu, a nivel individual, apostaría por unha familia claramente europeísta e progresista, que propugne outra política económica: Partido Demócrata Europeo ou Alianza Libre Europea.

-No caso de non acadar escano, ¿como chegará a voz dos seus electores a Bruxelas?

-Temos máis posibilidades que o BNG de ter escano. As enquisas danlle a Os Pobos Deciden entre 0 e 1 e a nós practicamente todas nos dan tres deputados. E hai un acordo interno da coalición polo cal hai posibilidade de que o terceiro escano e, seguro, o cuarto, roten entre Unió, Coalición Canaria e Compromiso por Galicia. Nós non descartamos ter eurodeputado propio un tempo. E no caso hipotético de que non poida ser, temos un acordo co PNV para introducir demandas galegas no Parlamento Europeo a través da súa eurodeputada. A voz dos galegos estará representada a través de Compromiso.

Paulo Carlos López candidato de compromiso por galicia