José Lopez Orozco, alcalde de Lugo: «Eu nunca recibín sobres, pero non poño a man no lume máis que por min»

O rexedor pediu ir declarar ante a xuíza para demostrar a súa inocencia


lugo / la voz

José Clemente López Orozco (Foz, 1947) proclama que nunca recibiu un sobre de cartos. «Nin sequera un céntimo. Nunca. Endexamais». Cando foi declarar, quizá escoitou as gravacións telefónicas ante a xuíza nas que algúns individuos falaban dos sobres de billetes. Igual que as escoitaron outros imputados. Quizá o filósofo Orozco sospeite que os sobres existen, pero non quere falar doutros. El defende só a súa inocencia.

-¿Recibiu sobres con cartos da empresa da grúa en Lugo?

-Nunca recibín ningún sobre con diñeiro. Nunca. Nin dous mil euros nin dous céntimos. Nin desta empresa nin doutra. E desta, por sorte, só coñezo a un dos que parecen ser socios, porque ese rapaz foi alumno meu hai anos. Aos outros dous nin os coñezo. Xa digo, nunca recibín nada. Por iso me sinto tan fortalecido, porque é unha mentira completa e absoluta.

-Vostede tivo oito anos como man dereita a Fernández Liñares, que foi quen introduciu a empresa da grúa en Lugo, con graves irregularidades e supostos subornos, segundo o último auto da xuíza De Lara. Sorprende que non sospeitase nada do seu edil máis próximo.

-Pois é así. E teño que usar a presunción de inocencia. Non son xuíz para xulgar a ninguén e durante os anos que traballou aquí no Concello nunca deu ningunha mostra do contrario.

-¿Sigue poñendo a man no lume por Liñares?

-Non. Neste momento non poño a man no lume máis que por min. Non coñezo nada máis que o que se publica. Se me permite unha expresión filosófica, teño suspendido o xuízo sobre Liñares.

-Sorprende que o chamase o mesmo día que saíu do cárcere.

-Desde que foi detido chamei á muller semanalmente ou quincenalmente por se necesitaba algo. E o día que saíu libre quixen saber como se atopaba, e non quixen saber nada máis. Eu podo ter a miña opinión persoal, pero non son xuíz para emitir un xuízo sobre o que se publicou porque non coñezo os feitos.

-Parecería lóxico que lle preguntase se había algo de certo en todo o publicado.

-Pareceume prudente e humano facer só o que fixen, porque se podía entender de moitas maneiras, por exemplo, que eu quixera saber.

-¿Non pode pensar a cidadanía que así encubre a corrupción?

-Non é a primeira vez que me acusan de recibir sobres e de dar licencias irregulares, e todo foi sobresido. Se me pasou a min, tamén pode pasar con el.

-¿Non sabía tampouco das súas compras de terreos e fincas durante a aprobación de plan xeral de urbanismo?

-Eu só tiven coñecemento dun problema que alguén denunciou ao lado da súa casa no barrio da Ponte. Iso resolveuse nunha comisión, e nunca houbo máis.

-¿Non sabía que Liñares formaba parte da empresa de publicidade dos buses urbanos de Lugo?

-Vino publicado, pero non sei se é verdade. Eu nunca o faría. Pero non sei se é verdade.

-¿Sigue sen pensar en dimitir?

-Sentíndome inocente, sería un acto de covardía.

-¿Tamén foi un acto de covardía o do alcalde de Ourense?

-Cada circunstancia é diferente, e hai que respectala. Eu non o farei, pola institución, pola cidade, e tamén por min e polos que me coñecen [mostra moitos mensaxes de apoio no teléfono, dende Pepe Blanco ata Rubalcaba].

-¿Non debería terlle dado xa o seu apoio Pachi Vázquez antes de que vostede o pedira?

-Xa o fixo. Houbo comunicado e chamoume xa varias veces.

-Se non hai sobres, tampouco haberá patrimonio. ¿Apetécelle facer un striptease patrimonial?

-Si. Teño o piso no que vivo na rúa Pastor Díaz de Lugo dende 1981. Un apartamento en Sanxenxo, que comprei no 98, antes das municipais que me levaron á alcaldía [1999]. Non teño participacións en empresas nin en sociedades nin ninguén da miña familia as ten, só un plan de pensións. Teño un coche comprado no 2011, tras vender outro. Todo é ganancial coa miña dona. E teño dúas prazas de garaxe en Lugo e dúas en Sanxenxo, froito das herdanzas de meu pai e da miña sogra. E nada máis. Non teño un piso na esquina da rúa da Raíña con Santo Domingo [no centro de Lugo] nin outro nas torres do Seminario, nin sei xogar ao póquer nin aposto cartos, como se dixo por aí.

-¿Qué pensa cando a xuíza di que a empresa da grúa facía facturas falsas?

-Iso son asuntos internos da empresa. Non podemos entrar. Agora co mandato xudicial, saberemos máis cousas.

-Hai meses, a xustiza investigou ata se construtores de Lugo participaron na redacción do plan xeral. ¿Que lle parece?

-Falso. Só participaron funcionarios, os grupos políticos e a empresa de Madrid que o redactou. E houbo seis mil alegacións.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

José Lopez Orozco, alcalde de Lugo: «Eu nunca recibín sobres, pero non poño a man no lume máis que por min»