Guillerme Vázquez: «O noso futuro político vai depender dun intenso traballo social»

La Voz

ESPAÑA

02 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O pasado 21 de outubro o BNG recibiu un durísimo revés electoral que o colocou como cuarta forza política do Parlamento galego. Un resultado que o devolvía a máis de vinte anos atrás. A fronte viña dunha fractura na asemblea de Amio, celebrada en xaneiro do 2012. Un ano despois, a organización vese na obriga de organizar un novo congreso que vai determinar o futuro político máis inmediato.

-O Bloque concorreu ás últimas autonómicas no peor dos escenarios posibles. ¿Pensa que o resultado do 21-0 reflicte o chan real do BNG?

-Evidentemente a nosa situación non era nada boa. Viñamos dunha saída da Xunta e de explicitar as diferenzas internas nunha situación na que a sociedade perdoa pouco. Máxime cando percibe que unha formación é unha gaiola de grilos. Pero eu creo que os teitos e os chans non están predeterminados. Oriol Junqueras, de ERC, contaba o outro día aquí como a súa formación subiu e baixou e como iso é un proceso normal das forzas en democracia. Pero o noso futuro político vai depender dun intenso traballo social por todo o país. E de facer comprender á sociedade galega que o que nós propoñemos é bo para Galicia, para a súa maioría social.

-¿Que BNG vai saír da asemblea de marzo?

-Eu agardo que sexa unha asemblea democrática. E que a libre decisión dos afiliados determine o rumbo da organización. Estivemos facendo un proceso participativo, aberto, de abaixo arriba, e agora as teses están a debate. Espero que salga un Bloque máis capaz de actuar neste contexto tan difícil porque o poder ten moito interese en desprestixiar as nosas alternativas.

-¿Pode a posición de Abrente romper a necesaria imaxe de cohesión interna?

-Non o creo. Eu remítome ademais ao que ten expresado o propio Carlos Aymerich en entrevistas concedidas aos medios de comunicación. Pero a min non me gusta facer de comentarista. Admito os posicionamentos de todo o mundo e a crítica e partir de aí pouco máis hai que engadir. Do que si estou seguro é de que a maioría determinará o que ten que ser o Bloque do futuro.