Xosé Manuel Pérez Bouza, número 1 do BNG ao Congreso por Ourense, denuncia que o Senado converteuse «nun centro de día»
12 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Despois do seu paso polo Senado, Xosé Manuel Pérez Bouza (Caracas, 1970) aspira agora a entrar no Congreso representando a Ourense. Enfermeiro de profesión, bota contas e explica que na súa provincia se escollen só catro deputados. Ata o de agora, dous eran socialistas e dous populares. «No ano 2000, quedamos a novecentos votos de conseguilo -explica-, cunha incidencia bastante alta do voto emigrante que, este vez, non se vai dar. Sería a primeira vez, desde que ocupara un escano Otero Pedrayo nas Cortes da República, que Ourense contara cunha persoa que vai a Madrid co corazón, pensando en defender a nosa provincia».
-Pero si que houbo nestes anos representantes de Ourense no Congreso e no Senado...
-Pero tamén é certo que o seu traballo foi escaso.
-Obxectivo, Madrid, logo, pero con outro escenario...
-O espírito e a misión son os mesmos: defender á provincia de Ourense. No caso do Senado, a misión era defender o conxunto de Galiza porque eu era senador elixido polo Parlamento galego.
-A que se montou cando Fraga pediu a palabra nun pleno do Senado e lle dixo iso de: «¡No le consiento que me dé lecciones de nada, y mucho menos de galleguismo!»...
-Foi histórico e vou ter a honra, seguramente, de ser o que provocou a primeira e última intervención de Fraga na súa etapa no Senado.
-Vostede dixo que a Cámara alta se está a converter nunha especie de «centro de día»...
-Díxeno con absoluta naturalidade. O Partido Popular ten convertido o Senado nun centro de día ao que mandan a vellas glorias a ter un retiro dourado, nun espazo cómodo que ten aire acondicionado no verán e calefacción no inverno. Por iso non teñen ningún interese en darlle unha reforma e tampouco queren que se visualice ese Estado plurinacional. Aos poucos días de chegar ao Senado dinme conta de que, tal como está configurado, é unha Cámara absolutamente inútil. Urxe unha reforma das súas competencias, das súas funcións e do xeito de elixir aos senadores.
-¿Como chegou vostede á política e ao nacionalismo?
-Por influencia do cura do meu pobo, da miña parroquia, Manuel Crespo González, un militante do galeguismo dos anos setenta que foi alcalde do meu concello, A Porqueira. Meu pai morreu cando eu tiña 4 anos e el preocupouse moito por min. Á forza de pasar moito tempo xuntos fun interiorizando cousas e acabei nunha forza política como o BNG.
-Tamén puido acabar no seminario...
-A pesar da nosa grande amizade, nunca me falou desa posibilidade. E estou seguro de que, de telo feito, exercería unha certa influencia sobre min.
-Fáleme da súa familia...
-Estou casado e teño unha filla de dous meses e dúas semanas, Sara. Escolleu mal momento para nacer a pobre, entre a precampaña e a campaña. Véxoa moito menos do que quero, pero confío en recuperar o tempo perdido.
-Que non lle deu tempo nin a mudar cueiros...
-Si que deu, si. Son enfermeiro e teño unha certa experiencia en tratar con persoas, digamos, nunha situación de debilidade, aínda que sexan maiores. Din que os maiores volven ser nenos, ¿non?
-¿Futboleiro?
-Xoguei moito tempo ao fútbol cun amigo meu que era do Barcelona, así que non me quedou outra que ser do Real Madrid. Seguín ao Madrid durante tempo e levei moitos desgustos. Deixeino e agora volvín gozar co fútbol que fai o Barcelona.
xosé manuel pérez bouza número 1 do BNG ao congreso por ourense
ACTIVIDADE. Enfermeiro en excedencia. Senador na pasada lexislatura.
PATRIMONIO. Pérez Bouza declara unha casa unifamiliar en Lobios de Sever (A Porqueira), un piso en Ourense e un Audi A-4. Ten tamén algunha finca herdada, 205 accións de Zeltia (322,95 euros) e 45 de Telefónica (612,67 euros).
-Unha posibilidade: Vostede sae deputado e goberna España o PP...
-O transcendental é que unha forza política cen por cen galega teña a forza suficiente para condicionar as decisións que tome o Goberno.
de contexto