«No avión pido xanela, non me canso de mirar o que hai aquí»

ESPAÑA

Di que nos últimos anos aprendeu a non sufrir de máis co fútbol

05 nov 2011 . Actualizado a las 10:39 h.

A súa nai chamábase Libertad Leonor, Nora, porque naceu un primeiro de maio de 1911, un día moi sinalado para a clase traballadora e a liberdade dos obreiros. Olaia Fernández Davila (Castrelos, Vigo, 1954), a filla da señora Nora e o señor Enrique, é a primeira persoa de Castrelos que chega ao Congreso dos Deputados. E confía en repetir.

-Que unha nai se chame Libertad ten que imprimir carácter á familia...

-Cando menos, a bastantes si. O meu avó estivo moi implicado na época da República. E meu irmán foi delegado sindical en Citroën tamén. Na miña casa sempre se falou de política.

-¿Dá medo escénico o Congreso dos Deputados?

-Cheguei despois de estar dez anos no Parlamento de Galicia e teño que dicir que a miña primeira impresión foi que me pareceu moi pequeno. A segunda sorpresa é que, cando subín ao estrado, estaba moito menos nerviosa que cando subín ao estrado do Parlamento galego. De todos os sitios onde teño estado, o que máis medo escénico me deu foi o Concello de Vigo.

-Todo o mundo destaca o traballadores que son vostede e máis Paco Jorquera no Congreso, como se traballar fose a excepción...

-Os primeiros anos ía almorzar á cafetería que hai detrás do hemiciclo e sempre había quen dicía: «Vamos a invitar a esta mujer a desayunar porque trabaja mucho» [Ri].

-Vendo como viven algúns deputados en Madrid, vostedes, os do BNG, parecen os parias do Congreso...

-Vin algunha reportaxe dun sibaritismo tremendo. Nós, tendo o mesmo soldo, temos un compromiso económico coa organización política que non teñen outros deputados; o BNG non vive de comisións, senón da aportación que fan os militantes.

-¿E o de «Lali»?

-Son Olaia. Josu Erkoreka non sei onde o escoitou unha vez e sempre me chama Lali.

-¿Fai de embaixadora de Vigo e de Galicia en Madrid?

-Teño mandado moita xente, incluso cun itinerario turístico que lles fago nuns folios. Dígolles que instalen o cuartel xeral en Vigo e logo, un día cara o norte; outro día cara ao sur... Por suposto, que non deixen de visitar Pontevedra. Cando a xente me di: «¡Que bonita, Pontevedra!», eu digo: «Claro, porque ten un alcalde do BNG». Quedan encantadísimos, isto non o hai en ningunha parte do mundo. No avión sempre pido xanela porque non me canso de mirar o que hai aquí. Síntome tan desta cidade, de Vigo, que ata a desorde me parece bonita.

-Din que, a quen Deus non lle dá fillos, o demo dálle sobriños...

-Teño sobriños e sobriños netos, cunha relación moi estreita. Xa non lles dou paga, pero non me porto mal [ri]. Fago bromas con que deixo sen herdanza aos que non falan galego. E estou conseguindo que, cada vez, haxa máis implicación. As xeracións novas son as que falan moi ben galego, dá gusto pensar que algo fixemos nesta vida. Aínda que non tiveramos fillos, incidimos nos sobriños.

-¿Sofre co Celta?

-Sufrín moito. O de Sevilla foi tan forte, durou tanto, que decidín que había que relativizar máis. O fútbol non é máis que fútbol e, en todo caso, hai que saber aproveitar as cousas para que te fagan feliz, para divertirte. Se van ben, gozo; se van mal, padezo, pero sen sufrir.

-¿Que música leva no seu coche?

-Milladoiro; Uxía; Dulce Pontes; Pablo Milanés; Silvio... Nesta última campaña electoral hai unha música que me deu moita forza, e foi Labordeta. Un cedé que el mesmo me deu.

-¿Goza e vibra se gaña un partido a selección española?

-Gústame o fútbol; a paixón só me sae co Celta. Vin todos os partidos do Mundial e gocei do seu fútbol porque é o fútbol de Guardiola.