O concurso deste mes é moi sinxelo: só tes que escoller a túa palabra favorita en galego e explicar por que a escolliches. Pero apura, porque o prazo remata o 20 de maio
05 may 2026 . Actualizado a las 15:36 h.Maio é sinónimo de letras galegas, e tamén dunha nova proposta dentro dos concursos mensuais de Prensa-Escuela. Nesta ocasión, o alumnado está convidado a participar en A nosa palabra, un reto que pon o foco na lingua e na relación persoal que cada quen ten coas palabras.
A dinámica é sinxela, pero moi suxestiva: escoller a túa palabra favorita en galego e explicar por que é especial para ti. Pode ser un termo que evoque lembranzas, que describa un sentimento, un lugar ou mesmo unha forma de ver o mundo. O importante é compartir o seu significado e o valor que ten para quen a escolle, nun exercicio que convida tamén a reflexionar sobre a riqueza e a diversidade da lingua.
O concurso está dirixido a estudantes de ESO, FP e bacharelato de toda Galicia e a participación é individual. Os traballos deberán enviarse ao correo concursos@prensaescuela.es, acompañados dos datos básicos do participante:
- Nome completo.
- Centro educativo.
- Idade.
- Curso.
- Nome do profesor ou profesora.
- E un número de contacto, que poderá ser o do propio centro.
O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 20 de maio. O nome da proposta gañadora darase a coñecer o 27 de maio.
En edicións anteriores, este reto deixou unha ampla variedade de palabras escollidas polo alumnado, moitas delas ligadas á natureza, aos afectos ou ás tradicións. A última gañadora foi Alba Arias, alumna do colexio San José de Lugo, que escolleu a palabra trapallada e a definiu así: «Unha trapallada é algo tan sinxelo coma unha cousa mal feita. As trapalladas son algo tradicional e moi vello, xa que sempre existiron os trapalleiros. Esta é unha das miñas palabras preferidas, xa que na miña experiencia os trapalleiros son os máis riquiños. Trapallada non é unha palabra, é un xeito de vida».