En novembro réndese homenaxe a esta danza que naceu para entreter a nobreza
04 nov 2026 . Actualizado a las 12:09 h.Como unha forma de entretemento e espectáculo para as persoas da nobreza, así foi como naceu o ballet. A danza existe dende hai moito tempo: dende a prehistoria, usabamos o movemento para comunicarnos e expresar os nosos sentimentos. Os primeiros bailes formaban parte de rituais, como nacementos ou vodas. Tal e como o coñecemos hoxe, o ballet orixinouse nas cortes de Italia durante o Renacemento, sobre o século XV (entre os anos 1400 e 1600), e chegou até Francia durante o reinado de Luís XVI, cando se fixo máis profesional. No mes de novembro réndese homenaxe a esta expresión artística coa celebración do Día Mundial do Ballet, no que as principais compañías de todo o mundo (destacan as de Australia, Reino Unido, Rusia, Estados Unidos e Canadá) retransmiten pezas e conversacións entre bailaríns, compartindo experiencias.
A primeira escola de ballet foi a Académie Royale de la Dance, fundada en Francia en 1661. A popularidade desta danza, que se executa de forma individual ou en grupo sobre un escenario, decaeu despois de 1830, aínda que seguiu practicándose en Dinamarca, Italia e Rusia. Foron precisamente as academias deste último país quen fixeron que o interese crecera de novo en Europa, sobre todo durante a Primeira Guerra Mundial.
Co tempo, o ballet foi evolucionando e foron xurdindo diferentes estilos. Nos primeiros tempos as variacións delimitábanas o lugar de orixe, como o ballet ruso, francés ou italiano. Despois foron aparecendo os estilos como contemporáneo ou neoclásico, que combina o ballet clásico con movementos e técnicas máis modernas.
Ademais do movemento, o que chama a atención no ballet é o vestiario dos bailaríns, non vos parece? Algo moi característico son as zapatillas de punta, un calzado especial que pode ser de lona ou de pel, coa sola partida ou enteira, que protexe o pé e facilita os movementos. Logo as mulleres levan a prenda axustada de algodón ou elastano; as medias (sempre en tons rosas ou color carne, ás veces en negro), e complementos como tutús e quentadores. Os homes tamén levan mallas ou pantalóns axustados mais unha camiseta cinguida. O vestiario tamén pode cambiar dependendo do estilo do ballet.
Igual algún de vós e un bailarín ou bailarina. A formación nesta disciplina esixente comeza cedo, a partir dos 6 anos, porque require un control de movementos alto, desenvolvéndose a capacidade de concentración para executar e memorizar os pasos. Que por certo, sabedes algún?
Hoxe pasamos á acción: poñede música, bailade e cando se pare, quedade como estatuas mantendo o equilibro nos vosos nocellos. Como bailaríns!