Sabedes que unha lei obriga os cidadáns a traballar para a democracia?
09 nov 2026 . Actualizado a las 18:14 h.No ano 2004, como ocorrerá neste no que estamos, celebráronse eleccións ao Congreso dos Deputados e ao Senado. Aquela vez fun convocado para presidir a mesa electoral da sección na que me tocaba votar. A mesa electoral son dúas cousas á vez: un moble, unha mesa sobre a que situamos a furna de votación, e un órgano xurídico que forman un presidente e dous vogais ao que lle corresponde dirixir da mellor maneira o proceso de votación. Cando a un lle toca participar nunha mesa electoral debe cumprir con ese deber, e se non o fai, e non ten unha boa escusa, pode cometer un delito penado con ata un ano de prisión.
Se a Lei electoral, aprobada en 1985, falase como unha persoa, diría algo como: «Ollo, cidadáns, que nun sistema democrático as eleccións son a cousa máis importante, e con iso non se xoga». Tan importante que, para garantir o seu bo fin, entre outras medidas, existen unha chea de delitos chamados delitos electorais, para castigar severamente calquera acto que poida perturbar o proceso; entre outros, as coaccionar a un elector para que vote o que non quere, votar dúas veces, facer propaganda electoral fóra do período autorizado, alterar a orde no colexio electoral, manipular o censo de votantes ou falsear dalgún xeito o reconto de votos.
Daquela presentárase na casa unha funcionaria de Correos coa notificación e cun manual de instrucións para o manexo do procedemento e das incidencias que poden ocorrer nunha xornada de votacións, que son moitas. Eu coñecía os fundamentos do dereito electoral, porque é un dos contidos centrais da materia de Dereito Constitucional que cursara na carreira. Pero iso non era o mesmo que participar na organización, ademais en condición de máximo representante do Estado no local electoral, nada menos, con mando sobre as forzas de orde pública e con poder ata para suspender a votación en caso de desordes graves.
A Administración electoral é unha organización complexa que se activa cando hai eleccións e cuxa tarefa é garantir que todo sexa correcto. O órgano máximo é a Xunta Electoral Central, que vixía o proceso en todo o país; por debaixo están as xuntas electorais provinciais e as xuntas de zona, formadas por expertos en leis e que resolven recursos e reclamacións, e na base, milleiros de mesas electorais atendidas por veciños, a quen nos corresponde o máis importante: asegurar que todos poidan votar e, ao final, contar os votos.
E por se fose pouco, recibín un soldo por aquel día de traballo que non só me permitiu comer nun bar veciño do colexio, senón que me alcanzou para un par de libros. Non se me ocorre mellor plan para un domingo.
Entendíchelo?
Cal destes non é un delito electoral:
- Coacción a un elector.
- Votar dúas veces.
- Non ir a votar.
- Falsear o reconto de votos.
-------------------------------------
Álex Martín é avogado.