As teorías filosóficas son fillas do seu tempo

África López Souto

ESCUELA

Imaxe do fresco titulado «A escola de Atenas», que Rafael Sanzio pintou para as estancias do papa no Vaticano. Nel aparecen os principais personaxes da historia, moitos deles filósofos, como os dous protagonistas. Saberías dicir quen son?
Imaxe do fresco titulado «A escola de Atenas», que Rafael Sanzio pintou para as estancias do papa no Vaticano. Nel aparecen os principais personaxes da historia, moitos deles filósofos, como os dous protagonistas. Saberías dicir quen son? Rafael Sanzio

Comezamos o curso xogando: pon os feitos e personaxes políticos e artísticos xunto cos pensadores nas diferentes épocas. Así todo ten máis sentido

03 nov 2026 . Actualizado a las 19:20 h.

As teorías filosóficas —que tratan de explicar quen somos, que nos rodea e mesmo se hai algo que nos transcenda— non xorden da nada nin de mentes ultrabrillantes illadas do mundanal ruído. Máis ben son froito de cerebros inquietos e inquisidores imbuídos nun mundo con millóns de circunstancias concretas que lles condicionan e coas que o seu pensamento está intimamente entrelazado.

Un exemplo: a estrutura da obra Suma Teolóxica de Tomé de Aquino, no século XIII, época do Gótico é completamente comparable á das catedrais que se estaban a construír na súa época. Outros: o vitalismo de Nietzsche non se entende sen os avances da teoría da evolución de Darwin no XIX, nin O segundo sexo, de Simone de Beauvoir sen as bases previas da primeira e segunda onda do movemento feminista.

Os sistemas filosóficos aos que nos achegamos na ESO e, sobre todo, en bacharelato, son os máis recoñecidos e nomeados da cultura á que pertencemos, a cultura occidental, da cal, dunha ou outra maneira, sabemos —sabedes— máis do que parece... É por iso que gusto de propoñervos facer un esforzo de memoria para rescatar algúns personaxes e acontecementos de diferentes eidos que estudastes e aprendestes en materias e lecturas varias (e en películas e series, redes sociais, conversas...) e as poñades á par dos principais filósofos e filósofas que estades a estudar para preparar as PAU ou simplemente para achegarvos á historia da filosofía máis ensinada.

Indo ao cadro. Como vedes, cada peza ou anaco ten un número, polo que no cadro só tedes que poñer as cifras correspondentes á peza. A modo de suxestión, antes de poñerse a esta tarefa de encaixe de anacos, pódese lembrar en grupo grande os tempos que convencionalmente abrangue cada idade histórica. A continuación, de xeito individual ou en pequenos grupos vanse ordenando as pezas deixando de lado o medo a equivocarse ou meter a pata. Finalmente, é moi importante que na posta en común e corrección ou revisión, vos fixedes en que fallastes e intentedes fixar datos na vosa mente, a fin de poder utilizalos cando vos conveña sen errar. Recomendo posta en común antes que revisión individual, e mesmo deixar «botar a lingua a pacer» un pouco, ou dito doutra maneira: soltarnos a comentar sen excesivo freo.

As pezas a inserir son infinitas. Aquí vos propoño as que me pareceron máis básicas. E sería unha estupenda idea engadir cando menos unha peza propia (que pode ser do eido do deporte, do cine...), e mesmo, se vos animades, algunha outra columna (de inventos, de curiosidades, doutros continentes e culturas, etcétera).

Esta actividade ten como obxectivo funcionar como un aperitivo para espertar saberes almacenados, e especialmente para abrir boca, para suscitar a curiosidade e preguntas en torno a última columna repleta de nomes en maiúsculas, que vos aseguro que albergan ideas moi aproveitables e sorprendentes a día de hoxe. Iso si, mergullarse neses nomes ten o prezo de ter que esforzarse e esmerarse sen temor ás novas palabras e a algún que outro quebradeiro de cabeza. Adiante!

 SOLUCIÓNS

Compróbaas aquí.

-----------------------------------

África López Souto, Profesora de Filosofía (IES Urbano Lugrís, en A Coruña).