O luns pola noite celebrouse a gala dos premios individuais máis importantes do fútbol, na que moitos españois foron galardoados
27 oct 2026 . Actualizado a las 22:47 h.O luns pola noite celebrouse a gala do Balón de Ouro, un dos acontecementos máis importantes do calendario futbolístico. O deporte tamén é noticia e, por iso, os xornais e outros medios de comunicación contan o que sucede nas competicións dentro da sección de deportes, e esta gala é un exemplo de como o fútbol esperta interese en todo o mundo, con millóns de espectadores da retransmisión.
Que é o Balón de Ouro?
É un premio que recoñece a algúns dos mellores futbolistas do mundo polo seu rendemento durante a tempada. Entrégase en dúas categorías principais: unha feminina e outra masculina. Para elixir os gañadores téñense en conta aspectos como a calidade do xogo, os goles, as asistencias, a regularidade e os logros conseguidos cos seus equipos. O premio creouse en 1956 e, desde entón, converteuse nun dos recoñecementos máis importantes para un futbolista. Para entregalo organízase unha gala.
E quen o entrega?
O premio organízao a revista francesa France Football, especializada neste deporte. Desde o 2024, a UEFA, o organismo que dirixe o fútbol europeo, colabora na organización da cerimonia. Aínda que é un premio individual, o fútbol é un deporte colectivo. Proba diso é que todos os futbolistas laureados sempre dan as grazas ao seu equipo, e din que non estarían aí de non ser por todo o grupo.
Onde se celebrou?
No London Palladium, un coñecido teatro de Londres, a capital do Reino Unido. Foi unha edición especial porque, por primeira vez nos seus 70 anos de historia, a gala tivo lugar fóra de Francia.
Come se elixen os gañadores?
Non se deciden polo número de afeccionados que os seguen nas redes sociais nin por unha votación aberta ao público. A elección depende de xornalistas deportivos especializados de distintos países. Cada un analiza aos nomeados e ordena aos seus favoritos. Súmanse os resultados de todos os votos, e o xogador e a xogadora que obteñen a maior puntuación gañan.
Quen o gañaron?
Na categoría feminina, a gañadora foi a española Alexia Putellas, que volveu recibir o recoñecemento máis importante do fútbol feminino. Suponlle o terceiro Balón de Oro, despois dos do 2021 e o 2022. O gañador masculino foi o inglés Harry Kane. O francés Kylian Mbappé quedou segundo e o español Lamine Yamal terceiro.
Gañaron máis españoles?
Así é. Na categoría masculina, Lamine Yamal, futbolista catalán do FC Barcelona, gañou o Trofeo Kopa ao mellor novo talento por terceiro ano consecutivo; a madrileña Vicky López recibiu o Trofeo Kopa feminino; o vasco Unai Simón gañou o premio ao mellor porteiro, e a balear Cata Coll foi recoñecida como mellor porteira. Por outra banda, Luis de la Fuente recibiu o premio ao mellor adestrador dun equipo masculino, e Pere Romeu, ao mellor dun feminino. Ademais, o FC Barcelona foi elixido mellor equipo feminino.
O fútbol masculino está moito mellor pagado
Homes e mulleres xogan ao fútbol de xeito profesional, pero non reciben o mesmo salario. Por exemplo, comparamos os dous futbolistas mellor pagados no noso país: Kylian Mbappé, do Real Madrid, e Aitana Bonmatí, do Fútbol Club Barcelona. Segundo estimacións publicadas, Mbappé cobra uns 15 millóns de euros ao ano, mentres que Bonmatí gaña un millón. Ambos salarios son moi elevados, pero de onde sae esta diferenza? Unha das razóns principais é o diñeiro que move cada competición. O fútbol masculino adoita xerar máis ingresos pola venda de entradas, os dereitos de televisión, a publicidade e os patrocinios. O feminino, aínda que creceu moito nos últimos anos, aínda recibe menos ingresos en moitos destes ámbitos.
Son excesivos os salarios millonarios dalgúns deportistas?
Non só os futbolistas teñen salarios altísimos. O mesmo sucede con outros deportistas, como tenistas e pilotos de fórmula 1 ou de MotoGP. Son cifras incribles, especialmente se se comparan co soldo dos traballadores medios. Por iso moitas veces xorde o debate de se realmente merecen cobrar tanto polo seu traballo.
Hai quen pensa que si, porque así é o negocio do deporte de elite. Con todo, outras persoas cren que algúns deportistas cobran demasiado. Pensan, por exemplo, que un médico, que pode salvar vidas, ou un bombeiro, que arrisca a súa para rescatar a outras persoas, realizan traballos moito máis importantes para a sociedade. Tamén están os profesores que ensinan aos futuros adultos. Que opinades? Que di da nosa sociedade esa diferenza de salarios?
Actividade básica
A diferenza
Nesta páxina falamos da diferenza entre os salarios dos futbolistas. A muller incorporouse ao fútbol máis tarde. Por que credes que foi? Que impacto ten isto no seu deporte como negocio?
-------------------
As actividades están deseñadas por L. Cancela
Unha carreira con caducidade
A vida dos deportistas profesionais esixe esforzo, renuncias e preparación para unha retirada que pode chegar antes do esperado
Moitas veces, cando falamos de persoas que se gañan a vida co deporte profesional, dise que o seu traballo non é un traballo. Está claro que algúns deles cobran moitísimo diñeiro, pero non sucede en todos os deportes. De feito, hai disciplinas minoritarias e outras que non xeran a atención suficiente como para ter salarios millonarios, e os deportistas viven grazas ás bolsas.
Pero convén mirar máis alá do salario que teñen, porque chegar ao deporte de elite esixe moitos sacrificios. Hai que adestrarse durante horas, coidar a alimentación, descansar ben e renunciar a plans con amigos ou a celebracións familiares. Tamén hai que aprender a convivir coa presión, as críticas e o medo a lesionarse. E ademais perden partidos, cometen erros á vista de todos e en ocasións o esforzo termina nunha derrota, o que enfada á afección, que pode insultalos.
A todo isto súmase outro factor: que a súa vida laboral é moi curta comparada con outras profesións. En Europa, os futbolistas adoitan retirarse entre os 35 e os 38 anos porque o corpo ten límites e o seu rendemento físico é menor que cando son máis novos. Algúns tamén senten que prefiren parar e pasar máis tempo coa súa familia, no canto de estar a viaxar cada fin de semana alterna. O contraste cunha vida laboral regular chama a atención. En España, a idade de xubilación sitúase entre os 65 e 67 anos. Despois, unha persoa que tivo un traballo regular dedícase a descansar, pero que lle ocorre a un deportista? Moitos saben que a súa carreira non durará para sempre e se preparan para o futuro. Algúns estudan unha carreira universitaria, outros crean empresas, invisten parte dos aforros ou se forman para ser adestradores, comentaristas deportivos ou representantes. Ademais, en ocasións pode ser complicado despedirse. Algúns deportistas queren continuar mentres teñan forzas, aínda que o seu nivel non sexa o mesmo. Temos o exemplo de Cristiano Ronaldo, quen acaba de protagonizar unha polémica coa súa selección ao abandonar a concentración enfadado porque o seu adestrador non o puxo a xogar.
Ser nai ou ter a menstruación adoitan influír na muller deportista
En setembro, a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) anunciou un acordo para facilitarlles a conxelación de óvulos ás futbolistas. A iniciativa pretende axudalas a decidir cando queren ser nais sen ter que renunciar a súa carreira deportiva. Por que é noticia? O fútbol profesional esixe anos de adestramento e un alto rendemento físico, mentres que a fertilidade feminina diminúe coa idade, polo que algunhas poden atoparse coa dificultade de compatibilizar os seus plans de maternidade cos anos de competición. Ademais, ter un fillo non supón só unha pausa durante o parto: o embarazo esixe adaptacións do adestramento, e despois do nacemento é necesario un período de recuperación. Neste sentido, a conxelación de óvulos permite extraelos e conservalos para intentar utilizalos no futuro mediante técnicas de reprodución asistida. A iniciativa tamén xerou críticas, como as da atleta galega Ana Peleteiro, que pedía que se protexan os contratos durante o embarazo para conciliar a maternidade.
Outro exemplo diferencial na é a menstruación, que nalgunhas provoca dor intensa, cansazo ou falta de enerxía e pode afectar ós adestramentos e ás competicións. Os síntomas varían moito dunha muller a outra, pero coñecer como inflúe o ciclo menstrual no corpo pode axudar a adaptar a preparación física ás necesidades de cada deportista.
Actividade media
Insultar non é criticar
No deporte, a afección insulta moitas veces os xogadores. Como credes que se sente un deportista cando recibe insultos tras perder un partido? Que diferenza hai entre criticar o seu rendemento e faltarlle ao respecto? Poñede exemplos.
ENTENDER
A maior parte dos nenos só serán «amateurs»
- Cada fin de semana, miles de mozos e mozas xogan ao fútbol, ao baloncesto ou ao tenis coa ilusión de chegar algún día todo o máis alto. Con todo, só uns poucos chegarán a profesionais.
- Vexamos o exemplo de Nadja Manjón Mihalic. Esta galega empezou a xogar ao tenis con 5 anos e desde pequena tivo o soño de chegar a ser profesional. Cando tiña 9 anos, a súa familia decidiu apostar pola súa carreira e trasladouse de Galicia a Mallorca para que puidese adestrarse nas mellores academias. Pero o camiño non foi como esperaba. Aos 17 anos decidiu deixar o tenis porque non acadaba o máximo nivel da competición. É a historia que conta no seu libro «Os que non chegaron».
- Como credes que debería ser o camiño de acompañar a un mozo para que sexa profesional? É necesario formar aos deportistas para que asuman que poden non chegar a selo?
PROFUNDAR
A saúde mental, o peso que pode frear unha dedicación profesional se non se coida
- A saúde mental é unha parte fundamental da vida de calquera persoa, e tamén do deportista, aínda que non sempre se lle dea a mesma importancia que á preparación física. No deporte de elite, a presión por gañar, as expectativas do público e o medo a decepcionar poden afectar ao benestar de quen compite.
- Por iso, cando un deportista prioriza a súa saúde mental sorprende. Un dos casos máis coñecidos foi o de Simone Biles, unha das mellores ximnastas da historia. Nos Xogos Olímpicos de Tokío do 2020 (celebrados no 2021), sorprendeu ao mundo ao retirarse de varias probas para coidar a súa saúde mental.
- Mesmo o deportista olímpico máis laureado da historia se pronunciou. O nadador Michael Phelps contou que sufriu depresión e atravesou momentos moi difíciles despois dalgunhas competicións. Durante anos custoulle falar do que sentía, en parte porque cría que debía mostrarse forte.
- Unha das razóns para falar de saúde mental é a enorme esixencia á que está sometido o deportista profesional. Adéstrase durante horas e está baixo presión, ao que se suma a necesidade de conseguir resultados. Tamén inflúen as lesións, o esgotamento e a incerteza sobre o futuro.
- Ás veces o problema agrávase porque a contorna deportiva premia a resistencia e o sacrificio. Por sorte, cada vez máis equipos contan con psicólogos que coidan os deportistas.
Actividade avanzada
O reto que lanza Brais Méndez
O futbolista galego Brais Méndez e Prensa-Escuela impulsan un certame para que os estudantes contedes que vos axuda a afrontar as dificultades. Pode ser un relato, un cómic, un artigo de opinión ou unha creación visual. Participade!