Violencia na infancia: xeracións cheas de golpes

L. Cancela LA VOZ

ESCUELA

Unha campaña da Fundación ANAR en contra da violencia infantil.
Unha campaña da Fundación ANAR en contra da violencia infantil. fundacion ANAR

O CIS publica a primeira enquisa sobre a opinión dos españois respecto a situacións de abuso vividas cando eran pequenos

27 oct 2026 . Actualizado a las 22:41 h.

Todos os nenos teñen dereito a crecer sen violencia, a sentirse seguros, a recibir coidados e a ser escoitados, e que isto se faga realidade é unha tarefa e obrigación que ten toda a sociedade. E por que dicimos isto? O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), vén de publicar os resultados dunha enquisa que tira unha conclusión moi triste: case a metade dos adultos españois afirman que foron castigados con labazadas ou golpes cando eran nenos ou adolescentes.

Unha enquisa?

Si. O CIS é un organismo público que ten a función de coñecer a opinión dos españois respecto a distintas cuestións. Nesta ocasión, centrouse na violencia infantil. Para iso, fixo un estudo con máis de 6.000 enquisas a persoas adultas, maiores de 18 anos.

E por que sobre este tema?

No 2021 aprobouse a «Lei orgánica 8/2021, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia», coñecida como Lopivi. Esta regulación establece que o CIS debe realizar enquisas anuais sobre as opinións da poboación adulta, infantil e adolescente acerca da violencia contra os menores de idade. O certo é que coñecer estas serve para abordar mellor os problemas, observar como evolucionan co tempo e axudar a deseñar medidas que permitan previr a violencia e protexer a quen a sofren desde as institucións.

Vale, que conclúe entón?

Un dos datos máis reveladores é que o 49 % dos participantes lembran que recibiron labazadas ou golpes como castigo durante a súa infancia ou adolescencia. Ademais, o 32,5 % recoñecen que alguén os golpeou, os empuxou, lles tirou do pelo ou lles lanzou obxectos para facerlles dano ou darlles medo, e o 17 % sufriron patadas ou malleiras.

A enquisa tamén revela que o 49 % dos españois adultos lembran que durante a súa infancia ou adolescencia os insultaron ou lles fixeron sentir que non valían nada, e o 23,4 % afirman que alguén os controlou de xeito excesivo ou intimidatorio, por exemplo, para saber onde estiveran e con quen.

Isto pásalle a todo o mundo?

Non exactamente. Estas cifras reúnen experiencias de persoas de diferentes xeracións; non significa que a metade dos nenos de hoxe reciban golpes como castigo, senón que case a metade dos adultos enquisados lembran que os recibiron de pequenos. A violencia é máis común cantos máis anos atrás miremos.

Di algo máis?

Si. Este traballo é moi amplo e aborda outras situacións, como a seguridade dixital. Entre os participantes menores de 40 anos, o 26 % lembran que sufriron insultos, acoso ou ameazas por internet ou nas redes sociais. Tamén fai preguntas relativas á violencia sexual. Entre os participantes menores de 40 anos, o 30 % lembran que viron comentarios, insinuacións ou comportamentos de carácter sexual que lles fixeron sentirse incómodos. E aquí hai algo moi importante que lembrar: todas as persoas temos dereito a que se respecte o noso corpo. Ninguén debe obrigarnos a facer algo que non queremos.

 

Preocupación dos adultos polo uso da tecnoloxía na xuventude

Protexer a infancia non consiste soamente en evitar os golpes. Tamén significa garantir que os nenos reciban os coidados que necesitan e medren nunha contorna segura. Neste sentido, a enquisa do CIS amosa que aos adultos lles preocupa como crecen os nenos. O 19 % sinalan as pantallas, os videoxogos e os móbiles como o principal problema da infancia. O certo é que a tecnoloxía ofrece moitas oportunidades, pero tamén hai que utilizala con equilibrio. Entendedes esta preocupación?

Outra conclusión da enquisa do CIS é que o 70 % cren que os nenos vivirán peor que os seus pais cando sexan adultos. En cambio, o 16 % pensan que vivirán mellor. Por que credes que teñen esta idea? Preguntádelles aos vosos maiores.

As sondaxes, unha forma de coñecer as opinións da sociedade

Preguntácheste algunha vez como podemos saber que pensa a maioría da xente sobre un tema? Ou como se descobre cales son os problemas que máis preocupan á xente? Unha das ferramentas que utilizan os investigadores para sabelo son as enquisas sociolóxicas. Consisten en facer preguntas a un grupo de persoas sobre as súas opinións e analizar as súas respostas para comprender mellor a sociedade. Con todo, facer unha enquisa non consiste simplemente en preguntar algo a unhas cantas persoas. Para que os seus resultados sexan útiles hai que elixir ben os participantes, preparar preguntas claras e evitar que estean redactadas de xeito que inflúan nas respostas. Tamén é importante contar cun número suficiente de persoas e que o grupo represente a poboación que se quere estudar.

Actividade básica

Non son o mesmo

En clase podemos ter desacordos cos nosos compañeiros. Pero hai que diferenciar entre unha broma, un conflito ou unha situación de violencia. Entre todos, reflexionade sobre a diferenza.

-------------------

As actividades están deseñadas por L. Cancela

 

Hoxe a crianza é respetuosa

Varias nenas na entrada ao colexio.
Varias nenas na entrada ao colexio. Sandra Alonso

Cando os vosos pais e avós eran pequenos, existía a idea de que o medo significaba autoridade e era unha forma habitual de educar

Durante moito tempo, en moitas familias e escolas críase que os castigos físicos, os berros e as ameazas eran formas eficaces de educar. Expresións como que a letra con sangue entra reflectían unha idea moi estendida: que os nenos debían obedecer sen cuestionar a autoridade dos adultos e, se se comportaban mal, un castigo duro lles ensinaría a facelo ben. Por iso eran máis habituais cousas como unha labazada.

Loxicamente, non sempre era así, pero había unha idea xeneralizada de que o medo era o camiño para educar. Por iso moitas persoas que foron educadas así repetiron despois eses métodos cos seus fillos, convencidas de que era o mellor para eles. Con todo, co paso do tempo, os avances en psicoloxía, unha maior investigación sobre o desenvolvemento infantil e o recoñecemento dos dereitos da infancia contribuíron a cambiar esta mentalidade tan equivocada.

En cambio, hoxe en día gañaron importancia novas formas de crianza que defenden que educar significa acompañar os nenos mentres aprenden a comprender o mundo. Unha delas é a crianza respectuosa, cuxo nome resume moi ben o que defende. Baséase en tratar os nenos con dignidade, escoitar as súas necesidades e establecer unha relación de confianza. Isto non significa permitirlles facer todo o que queiran nin evitar os conflitos, porque cando crecemos necesitamos normas, límites e certa orientación das nosas familias —vós ben o sabedes—, pero a diferenza está en como se poñen os límites. En lugar de recorrer a unha ameaza ou á violencia, explícanse as razóns das normas. Porque todos aprendemos mellor se coñecemos o porqué.

Outra idea importante destas novas formas de crianza é que admiten que todas as emocións son válidas, aínda que non todos os comportamentos sexan aceptables. Antes existía o pensamento de que un neno que choraba moito ou tiña perrenchas frecuentes era moi malo, pero hoxe, como se sabe máis dos mecanismos do cerebro e da neurociencia, enténdese que estes comportamentos forman parte do proceso de maduración.

A educación das familias non son só normas, senón tamén o exemplo

Hoxe en día somos unha sociedade con maior educación e formación e isto reflíctese na forma de comportarnos. É certo que a violencia como resposta é moito menor ca no pasado e que hai unha maior condena dela. Está peor vista. Agora ben, isto non significa que desaparecese. Proba diso é que a Xunta acaba de anunciar que vai facer unha regulación que permita poñer multas de 300 a 15.000 euros aos pais de alumnos que agridan os seus profesores. O obxectivo é protexer os docentes, para o que, alén de sancións económicas, se prevén outras medidas, como a limitación temporal de acceso ao centro. Aínda non está aprobada, pero está previsto que se faga nos vindeiros días.

Se é necesario protexer os docentes, é porque hai familias que son agresivas con eles. E esta cuestión ten un matiz de fondo: as persoas que son agresivas nunha contorna probablemente o sexan noutras. Así, se un neno ve que, para o seu pai, é normal responder con violencia e considera que así é como se conseguen as cousas, entenderá que así se debe comportar. É dicir, se crece nunha contorna onde os berros, as ameazas ou os golpes se utilizan para resolver os problemas, o neno pode chegar a interiorizar estas condutas. En cambio, se aprende a dialogar e respectar, terá máis ferramentas para relacionarse pacificamente. Educar consiste en dar exemplo.

Actividade media

De que maneira o fariades?

Por parellas, escollede unha situación que antes se resolvía con berros ou con violencia e explicade como se podería afrontar hoxe desde a crianza respectuosa. Que pensades que cambiou e que segue sendo necesario na educación?

 

ENTENDER

Unha xeración de cristal que non tolera o non?

  • Cada vez é máis habitual oír que os mozos de hoxe pertencen á chamada xeración de cristal: unha xeración que, segundo din, é máis sensible, que se ofende con facilidade e ten dificultades para aceptar as críticas. Algúns relacionan este fenómeno coa crianza respectuosa, coma se escoitar os nenos os convertese en persoas incapaces de enfrontar as dificultades.
  • A realidade é outra. O problema aparece cando se confunde a crianza respectuosa coa permisividade. Un neno necesita que as súas emocións sexan escoitadas, pero tamén aprender que non sempre pode saír coa súa. Dicir non tamén é educar. De feito, a investigación sobre os estilos de crianza destaca a importancia de combinar o afecto cunhas normas claras e coherentes (e cumprilas).
  • Polo tanto, a crianza respectuosa crea unha xeración de cristal? Non hai probas suficientes para afirmar que sexa así. E vós que pensades?

PROFUNDAR

No seo das familias non inflúen só as ganas, senón tamén a situación socioeconómica dos pais

  • Con frecuencia pensamos que educar ben consiste en ter paciencia, saber escoitar e poñer límites. Pero é igual de doado facelo cando se chega a casa despois dunha xornada interminable, apenas se durmiu ou as preocupacións económicas non deixan descansar?
  • Aquí hai que entender unha realidade: non todas as familias educan nas mesmas condicións.
  • Por exemplo, un estudo realizado en 1995 atopou diferenzas na forma de comunicarse cos nenos segundo o contexto socioeconómico das súas familias. Nos fogares con menos recursos os nenos escoitaban, de media, menos palabras e recibían menos comentarios positivos e máis mensaxes de desaprobación que os nenos de familias profesionais. Outra investigación posterior, do 2003, observou que os nenos cuxas nais utilizaban unha linguaxe máis variada e elaborada tendían a desenvolver un vocabulario máis amplo.
  • Imaxinemos a unha persoa que chega a casa esgotada, preocupada por pagar as facturas e sen apenas tempo para descansar. É posible que teña menos paciencia para explicar as cousas aos nenos ou para axudalos cun problema.
  • Isto non significa que todas as familias con dificultades económicas eduquen dese xeito, nin que ter máis estudos garanta unha mellor crianza. Significa que as circunstancias poden facelo máis complicado.

Actividade avanzada

Os profesores tamén educan

Centramos a atención na educación en familia. Agora ben, os colexios e institutos tamén son moi importantes na evolución persoal. Como credes que pode influír un profesor no teu carácter? De que forma inflúe na súa clase as condicións de traballo?