Laura Castro, catedrática en construcións navais: «Creo que en tres ou catro anos teremos os primeiros parques eólicos mariños flotantes»
ESCUELA
A primeira catedrática en construcións navais de Galicia compartiu a súa traxectoria profesional e coñecemento cos alumnos do IES Francisco Aguiar de Betanzos no programa «De 0 a 100» que La Voz realiza en colaboración coa Consellería de Educación
26 oct 2026 . Actualizado a las 11:57 h.Laura Castro recorda a súa etapa no instituto «con moito cariño». Sobre todo, ao seu profesor de química, que espertou nela o amor polas ciencias. De feito, esta foi un factor clave para que acabara elixindo o grao de enxeñaría industrial e non o de telecomunicacións. A día de hoxe é a primeira catedrática en construcións navais de Galicia e a segunda de España, por detrás da investigadora e profesora da Universidade Politécnica de Madrid (UPM), Teresa Leo Mena. Ademais, Castro é profesora na Universidade da Coruña e coordinadora do Grupo Mares no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (Citeni). Unha paixón polas enerxías renovables mariñas que compartiu cos alumnos do IES Francisco Aguiar de Betanzos, lugar onde naceu e reside, ao ser a primeira convidada dunha nova edición do programa De 0 a 100, que La Voz realiza en colaboración coa Consellería de Educación co fin de acercar profesións científicas e tecnolóxicas á rapazada galega.
A betanceira confesou que non tiña moi claro a que rama dedicarse unha vez rematada a carreira, pero si que mostrou interese pola enerxía renovable. O seu proxecto de fin de grao sobre a repotenciación de dous parque eólicos na comunidade foi premiado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia. «Eramos unha potencia mundial en enerxía eólica e xa se falaba de que os parques que tiñamos eran antigos, de 0.33 megavatios (MW)», comentou. Equivalentes a 330 quilovatios (kW), hoxe en día pertencen ao segmento da «minieólica» ou eólica de mediana potencia. As grandes instalacións comerciais actuais utilizan turbinas multimegavatio, de dous a seis megavatios, pero seguen presentes os de 0.33. «Si, agora estanse facendo as repotenciacións en Galicia», confirmou a experta.
No ano 2009, en plena crise económica, Castro remata a carreira, e aínda que a súa idea inicial era traballar nunha multinacional, as «casualidades» acabaron derivando en que acabase no ámbito da investigación. «Se o penso, ata me veu ben», dixo entre risas ao alumnado do bacharelato tecnolóxico do IES Francisco Aguiar.
Naquel momento, o sector naval tampouco se encontraba nunha boa situación. «Creo que foi importante darlle unha volta a ese sector porque agora hai moito traballo en Ferrol, de todas as enxeñerías. De feito, para nós e imposible contratar xente para investigar. É moi complicado encontrar xente que se quede», explicou, facendo referencia a inestabilidade que existe no ámbito da investigación, en comparación co sector privado. «Aínda que tamén se mellorou neste aspecto», matizou.
Enerxías eólicas mariñas
A enerxía eólica mariña divídese en dous tipos: a de cimentación fixa e a flotante. A primeira utilízase en aguas pouco profundas, xeralmente ata os 50 ou 60 metros de profundidade e as estruturas están ancoradas directamente ao fondo do mar. «En Galicia, no caso de que se instalara algunha, van ser flotantes. O seu impacto no medio ambiente é diferente, pero tamén descoñecido, porque aínda que existen estudos, a maior parte deles son do Mar do Norte —situado ao noroeste de Europa— e son sistemas que van ancorados ao mar. Este tipo non se pode instalar na comunidade», detallou Castro.
O Goberno aprobou, fai arredor de dous anos, a nova regulación da eólica mariña e as enerxías renovables do mar. «Tivéronse en conta zonas medio ambientais protexidas. Por exemplo, nas illas Cíes ou nas rías non podes montar parques; tampouco a certa distancia da costa ou nunha zona de navegación ou militar, se a houbera. Porén, hai entidades que non estiveron de acordo e que recorreron esa normativa». Castro recoñece que poden existir riscos de carácter ambiental. Remarca que se deben medir, pero defende «unha compatibilidade de todos os usos do mar» e os beneficios que esta industria podería dar tanto á hora de xerar enerxía, como de oportunidades de emprego na comunidade.
Incluso se atreve a dar unha data na que este tipo de parques sexan unha realidade: «Creo que dentro de tres ou catro anos, veremos este tipo de parques eólicos mariños flotantes. Diría que o primeiro vaise instalar en Canarias e o segundo, aquí en Galicia. Pero haber que sucede finalmente».