Esperade, aínda non recollades as mochilas! Estes meses de descanso tamén vos serven para coñecer o mundo que vos rodea
17 jun 2026 . Actualizado a las 12:43 h.O curso está a chegar ao seu fin. Despois de moitos meses de clases, exames, deberes e espertares moi cedo, as vacacións de verán están ao virar a esquina. Para moitos de vós, iso significa máis tempo para facer o que máis vos gusta: xogar, ir á praia ou á piscina, pasar tempo cos vosos seres queridos, ler, ver unha película ou viaxar. Despois de tanto traballo, está claro que no verán hai que descansar. Pero tamén é un bo momento para seguir aprendendo dunha forma diferente. Cada día suceden cousas interesantes no mundo que poden axudarnos a entender mellor o que nos rodea.
Durante este curso falamos moito da intelixencia artificial, unha tecnoloxía capaz de crear textos, imaxes ou vídeos que parecen reais. Aínda que pode ser moi útil, tamén ten algúns riscos. Un deles é que, en ocasións, pode xerar contidos que nos fagan crer que algo ocorreu cando en realidade non é certo. Por iso é tan importante saber distinguir entre os feitos e os enganos.
Podedes ser xornalistas
Neste punto, é onde entra o xornalismo. Este curso moitas das actividades de La Voz de la Escuela fixéronvos ser xornalistas, e esperamos que cumprisen á hora de transmitir a misión deste oficio: comprobar a veracidade da información, buscar todas as versións dun feito, e contalo. De igual forma, e para que saibades como funciona este traballo, fixémosvos protagonistas. Moitos participastes nas actividades que organiza Prensa-Escuela, que leva máis de corenta anos propoñendo concursos cos que entender á nosa sociedade.
Xornalismo na escola convértevos en reporteiros. Trátase dun concurso no que, organizado por grupos, os alumnos traballan un asunto en profundidade. A temática destas reportaxes foi moi variada: a tradición da pesca, como funciona e o valor económico do peixe; as enfermidades crónicas, complexas e mesmo letais que afectan os nenos; o valor do patrimonio local a través das fábricas de papel de Lousame; as múltiples perspectivas do deporte, que na actualidade pode ser un espectáculo ou saúde; a polarización ou os incendios forestais, entre moitas outras.
Xornalistas naturais-Caderno de Campo pretende que analicedes os cambios na natureza que rodea voso colexio, mediante un caderno de campo só de observación. Isto é xornalismo en estado puro, porque observa o que sucede e o narra. O certame de Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil, que se fai de xeito individual, explora distintos formatos da información: a parte gráfica, a importancia de resumir, a entrevista ou o artigo de opinión. Unha noticia é o fiel reflexo da realidade, sen embargo, recolle unha información que ten que estar de actualidade. En ocasións, unha historia explícase a través dunha fotografía. Outras veces utilízanse ilustracións ou infografías, que serven para explicar datos, cifras ou temas complexos. Tamén existen os artigos de opinión, nos que unha persoa comparte o seu punto de vista sobre un tema de actualidade para invitar os lectores a reflexionar. E están as entrevistas, que son unha conversa para coñecer algo ou alguén. Precisamente, moitos de vós tamén participastes nos concursos mensuais, nos que hai que facer fotos, relatos, noticias, cartas ao director ou pódcast.
A maiores, este ano, tamén vos visitamos. Para celebrar a Semana da Prensa na Escola, organizamos charlas sobre que é un xornal, e sobre a intelixencia artificial e as redes sociais.A maiores tamén vos visitamos. Para celebrar a Semana da Prensa na Escola, organizamos charlas sobre que é un xornal, e sobre a intelixencia artificial e as redes sociais. E co Plan Social de Ence vos falamos da diferenza entre xornalismo e fake-news.
Xa vedes, no só aprendestes a noticias senón tamén a facervos preguntas, pensar por vós mesmos e a entender mellor a realidade.
Case trinta suplementos para entender o mundo
Durante este curso escolar, La Voz de la Escuela (LVE) chegou cada mércores lectivo ás vosas aulas. Aquí deixamos un resumo do que aprendestes.
01/10/2025
Incursión de drons en ceo europeo. As incursións de avións non tripulados no espazo aéreo dalgúns países europeos, como Polonia ou Dinamarca, activaba todas as alarmas da OTAN.
08/10/2025
O banco BBVA fixo unha opa ao banco Sabadell. Un banco grande (o primeiro) intentou comprar un máis pequeno, pero finalmente, os accionistas do Sabadell non o aprobaron.
15/10/2025
O perigo das redes sociais. Dúas adolescentes de Nova York perderon a vida durante a perigosa experiencia de surfear no metro seguindo a proposta dun reto.
29/10/2025
Roubo no Louvre. Uns ladróns entraron neste museo, un dos máis importantes do mundo, e se levaron un botín de valor incalculable. Aínda non se atoparon.
05/11/2025
Risco de crise de microchips. Un desacordo entre os Países Baixos e a China sobre a xestión dunha empresa preocupou a todo tipo de industrias polo risco de que non houbese chips.
19/11/2025
Confinamento das galiñas. Para evitar que as aves criadas ao libre puideran infectarse coa gripe aviaria, o Goberno decretou que non podían estar ao exterior. O confinamento foi levantado en abril.
26/11/2025
Medio século da morte de Franco. Nesta data lembramos o falecemento do ditador, que encabezou un golpe de Estado contra a República e gobernou España desde o final da Guerra Civil, en 1939, ata 1975.
03/12/2025
Ataques en augas internacionais por parte dos Estados Unidos. O goberno de Donald Trump levaba desde setembro disparando contra lanchas venezolanas ás que acusaban de narcotráfico no Caribe.
10/12/2025
España non participa en Eurovisión despois de sesenta anos. O noso país decidiu non formar parte do festival máis importante da música en Europa porque a organización permitiu que Israel concursase.
14/01/2026
Os Estados Unidos detiveron a Nicolás Maduro e tutelan Venezuela. Donald Trump cambiou o taboleiro internacional coa intervención das Forzas Armadas do seu país neste Estado de América Latina.
21/01/2026
Unión contra a homofobia. O xogador do Celta de Vigo Borja Iglesias recibiu insultos dos seareiros rivais por levar as uñas pintadas (fíxoo en defensa dun compañeiro), pero as críticas só serviron para que o seu equipo e os seus afeccionados o apoiaran pintándose as uñas.
28/01/2026
Accidente de Adamuz, Andalucía. O 18 de xaneiro tivo lugar na alta velocidade española un grave accidente con dous trens implicados no que faleceron 45 persoas.
04/02/2026
España regulariza os inmigrantes cunha nova lei. O Goberno aprobou dar un permiso inicial de residencia dun ano, o que lles permite traballar ou alugar un piso en situación legal.
11/02/2026
Ter 16 anos para estar en redes sociais. Soubemos que o Goberno traballaba nunha lei que non permitirá o acceso a redes sociais ata unha ideade e culpará aos operadores se non o controlan.
04/03/2026
Alerta polo marisco morto. Os mariscadores galegos confirmaron que a redución de salinidade na auga do mar provocaba a morte de especies como ameixa, mexillón ou navalla. Foi unha crise.
11/03/2026
Ser unha sociedade informada. Celebramos a Semana de Prensa na Escola falando da desinformación, que medrou co auxe das redes sociais, e como esta pode manipular a opinión pública segundo certos intereses.
18/03/2026
A guerra entre Estados Unidos e Israel con Irán. Empezou o conflito en Oriente Medio con consecuencias económicas a nivel mundial.
25/03/2026
Filipe VI admitiu que houbo abusos na conquista de América. O rei dixo en conversa co embaixador de México en España que hai controversias éticas sobre a extensión do Imperio español hai centos de anos.
08/04/2026
Novos nomes para doce concellos. A Xunta aprobou unha modificación de varios topónimos: algúns engaden un artigo e outros perden o guión entre palabras.
15/04/2026
Ola de novo, Lúa! Cincuenta anos despois, os seres humanos volvemos á Lúa. A misión Artemis 2 é historia da humanidade e tivestes a sorte de vivila. Ocorreu entre o 1 e o 10 de abril e estivo liderada pola NASA, aínda que con colaboración europea.
22/04/2026
Melloras nos comedores escolares. En España entrou en vigor o novo real decreto de comedores escolares saudables e sostibles, que reforma o do 2011. Supón que os estudantes teñan que tomar máis froita, verdura e legumes, e menos ultraprocesados.
29/04/2026
Lograr unha xeración sen fume. Reino Unido aprobou unha lei que prohibe fumar ás persoas nadas despois do 2008. Está previsto que entre en vigor no 2027.
06/05/2026
A intelixencia artificial, a xuízo. Os Estados Unidos acollía un proceso xudicial moi polémico. Elon Musk levou aos tribunais á empresa de intelixencia artificial OpenAI, dirixida por Sam Altman, acusándoa de desviarse da súa misión orixinal, que era crear unha IA aberta e segura.
13/05/2026
Día das Letras Galegas. A Real Academia Galega decidiu dedicar esta efeméride á xornalista e escritora Begoña Caamaño (Vigo, 1965-Santiago de Compostela, 2014), autora de obras como Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmella (2012).
20/05/2026
A crise de Hantavirus que se controlou. A Organización Mundial da Saúde recibiu o 2 de maio o aviso dun brote deste virus nun barco, con tres falecementos, pero a colaboración internacional evitou que se propagase.
27/05/2026
A historia de Shakira con Facenda. O Estado español reclamou a Shakira pagos cuantiosos por impostos non pagados, pero a Xustiza obrigouno a devolver parte do diñeiro. Este problema serviu para falar de impostos e da Facenda pública.
03/06/2026
Medicina, no top das vocacións. As prazas mir en Galicia, esgotáronse, e o último posto, 14.601, escolleu a única vacante en España, que era a de medicina de familia na área sanitaria de Ferrol. Este tema levounos a falar do grao universitario,que dura seis anos, pero a formación dos médicos non remata aquí, teñen que facer o mir e ser residentes. O estudo é constante nesta profesión.
10/06/2026
O papa León XIV visita España. A súa viaxe comezou en Madrid. Reuniuse alí cos reis de España e coas principais autoridades, como o presidente do Goberno, Pedro Sánchez; tamén con entidades sociais. Despois viaxou a Barcelona, onde inaugurou unha das torres da Sagrada Familia, e finalmente, estivo nas Illas Canarias para apoiar á migración.