Nas súas cancións aprendín cousas que despois atopei ao estudar Dereito
10 jun 2026 . Actualizado a las 18:15 h.Joaquín Sabina publicou o seu disco El hombre del traje gris en 1988, cando cursabamos terceiro de BUP, o curso no que cumpriamos os dezasete. Naquelas cancións había un montón de historias nas que aprendín cousas que despois atopei ao estudar Dereito. Por exemplo, o que era un squatter, que é iso que hoxe coñecemos como okupa e que entón non tiña nome no noso idioma. Ou o que era un precinto, a medida coa que o xuíz de instrución sela ou inmoviliza un ben, que pode ser un vehículo, ou un inmoble, para evitar a súa manipulación durante unha investigación. E até coñecín en que consiste coller o "último tren", que aínda que non é un concepto xurídico, é algo que recoñecín despois en moitos xuízos por delito.
O último tren, máis que un concepto, é unha metáfora que identifica a sensación de que, a partir dun certo momento na vida, xa non van presentarse novas oportunidades e que aquilo que non fixemos xa non o poderemos facer, porque non hai tempo e ademais xa non estamos nas mesmas condicións. Esa idea provoca ás veces urxencias emocionais e, sobre todo, malas decisións. Na canción de Sabina, quen collía o último tren era un marido que, despois de toda unha vida, marchaba de casa para ennoivar cunha muller máis nova.
Para recoñecer a psicoloxía do último tren non é necesario esperarmos toda a vida. Abonda con presenciar un xuízo penal. O noso proceso penal contén un conxunto de actos rituais que simbolizan as garantías esenciais do noso sistema de axuízamento criminal. Un deses ritos é o da última palabra, manifestación do dereito de defensa. Cando a vista conclúe, unha vez practicadas todas as probas e escoitados os alegatos, o tribunal pregunta ao acusado se hai algo máis que queira engadir antes de que o xuízo quede visto para sentenza.
Ese trámite, imprescindible pero máis simbólico que sustancial, é coma o último tren. Aínda que nese momento a sorte adoita estar botada, o acusado pensa que non debe deixar pasar esta derradeira oportunidade, que hai algo máis que el pode achegar e que o beneficie, aínda que non saiba ben o que nin como transmitilo. E entón poden producirse escenas algo estrambóticas. Lembro a un que pensou que o mellor era mostrarse moi amable e dedicou a última palabra a darlle as grazas ao fiscal por pedir para el só un ano de prisión e non dous; e a outro que, incapaz de quedar calado, recitou unha poesía amorosa da que era autor. Malas decisións, por máis simpáticas que resultasen.
Os avogados acostumamos advertir que a última palabra, mal empregada, pode arruinar un xuízo. Pero é coma o último tren, que case sempre leva a ningures, e que ás veces non podemos evitar que o noso defendido o colla.