Premios a traballos individuais do Corgo, Arzúa, A Coruña, Santa Comba e Ribadeo

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

ESCUELA

Á esquerda, gañadores da categoría Infantil-1 e á dereita, os segundos clasificados. Uns e outros son alumnos de Alejandra Doval no CEIP do Corgo. Todos son da aula de tres anos, os máis pequenos do cole

Os alumnos demostran destrezas na redacción xornalística

04 jun 2026 . Actualizado a las 17:27 h.

O concurso Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil xa ten gañadores neste 2025/26, e veñen de recunchos de media Galicia: de Ribadeo á Coruña, de Santa Comba ao Corgo. Ao xurado —formado polo director adxunto de La Voz de Galicia, César Casal; a xefa de Márketing do diario, María García de Dios; a redactora xefa de Opinión de La Voz, Sofía Vázquez; a xefa de Suplementos do xornal, Sandra Faginas; e a responsable de Prensa-Escuela, Sara Carreira— foille moi difícil: houbo un par de empates que se resolveron con moito debate, aínda que remataron con unanimidade.

Á esquerda, gañadores da categoría Infantil-1 e á dereita, os segundos clasificados. Uns e outros son alumnos de Alejandra Doval no CEIP do Corgo. Todos son da aula de tres anos, os máis pequenos do cole
Á esquerda, gañadores da categoría Infantil-1 e á dereita, os segundos clasificados. Uns e outros son alumnos de Alejandra Doval no CEIP do Corgo. Todos son da aula de tres anos, os máis pequenos do cole

Infantil-1

Valorar o traballo dos máis pequenos, ata 2.º de primaria, resultou unha tarefa tan divertida como complexa, pero ao final o xurado decantouse polo presentado polos rapaces de 3 anos titorizados por Alejandra Doval no CEIP O Corgo, que ilustraron de forma conxunta os nenos: o primeiro posto foi para o titular «Rescate de vellas palabras en perigo de extinción», que os nenos converteron nunha árbore de ramas sonoras; e o segundo, para outro grupo da mesma clase que deu forma de xeito diferente ao titular «Os heroes de catro patas», sobre o Día dos Cans, noticia que saíu neste suplemento.

Á esquerda, o traballo gañador da categoría Infantil-2; é de Jacobo Ferreiro alumno doCPR Calasanz, da Coruña, baixo a dirección de Ana Martínez. Á dereita, o de Claudia Vilariño, estudante do CEIP Eusebio da Guarda (A Coruña) e titorizada por Sonia Hermida, que gañou o segundo posto.

Infantil-2

Os nenos dos demais cursos de primaria e os de educación especial son os máis participativos, e 15 dos seus traballos chegaron á final. Gañou Jacobo Ferreiro, alumno de 12 anos do CPR Calasanz da Coruña titorizado por Ana Martínez Chacón, pola súa interpretación da noticia «Mujer de 72 años atacada gravemente por 10 perros en Tomiño», unha nova escrita con precisión e ilustrada con coidado. A segunda posición foi para Claudia Vilariño, alumna de Sonia Hermida no CEIP Eusebio da Guarda, tamén na Coruña, que elixiu a nova «Encuentra a su hijo 43 años después», descrita con corrección e ilustrada por un sinxelo pero impactante debuxo.

Á esquerda, a entrevista de Hugo Recarey, do IES Terra do Xallas, de Santa Comba, quen gañou na categoría Infantil-1 (ESO) dirixido pola súa profesora Maricarme García Ares. Á dereita, a entrevista que quedou de segunda, feita por Regina Sesar, do CPR Nosa  Señora do Rosario (Arzúa) titorizada por Xosefa Silva

Xuvenil-1

Na categoría para os alumnos da categoría xuvenil-1, os que cursan a ESO, na que tiñan que facer unha entrevista, gañou a presentada por Hugo Recarey, do IES Terra do Xallas (Santa Comba), onde a profesora Maricarme García Ares é moi activa neste concurso desde hai anos. No caso de Hugo, o entrevistado foi José María, un emigrante galego a Brasil que deixou un titular, duro e directo, do que presumiría calquera xornalista: «Volver foi máis difícil ca marchar». Empatada a puntos, pero en segundo lugar, está a entrevista de Regina Sesar, estudante do CPR Nosa Señora do Rosario, de Arzúa, que se presentou grazas a súa profesora Xosefa Silva: Regina foi quen de facer preguntas moi interesantes á astrofísica Ana Ulla, para quen «en ciencia sempre hai que estar preparados para explicacións inesperadas». 

Á esquerda, o artigo gañador, firmado por Noa Gueimonde, do IES de Ribadeo, que estivo dirixida por Carmen Castelao; á dereita, a segunda foi Paula Meijide, do CPR Esclavas (A Coruña) presentada pola súa profesora Mercedes Comba

Xuvenil-2

O concurso remata cos artigos de opinión dos alumnos de bacharelato e de FP. O xurado quedou conmovido polo firmado por Noa Gueimonde, estudante do IES Dionisio Gamallo (Ribadeo) titorizada por Carmen Castelao, quen fixo unha reflexión moi madura sobre o abandono do medio rural baixo o título «Rapaza de aldea». A segunda posición foi para Paula Meijide e o seu «A actitude, o motor da vida», unha valoración da vontade como clave para saír das máis complicadas situacións. Alumna do CPR Esclavas (A Coruña), participou da man da profesora Mercedes Comba.

Malak Amajoud Ait Ouazgour, estudante do CEIP Vista Alegre de Burela tivo unha mención (non hai premio) na categoría de Presentación por este traballo dirixido por Diego Otero.
Malak Amajoud Ait Ouazgour, estudante do CEIP Vista Alegre de Burela tivo unha mención (non hai premio) na categoría de Presentación por este traballo dirixido por Diego Otero.

Presentación

Houbo unha mención, sen premio, para a presentación de «Non sexas cómplice: alta a túa voz contra o acoso», de Malak Amajoud Ait Ouazgour, de 11 anos e estudante do CEIP Vista Alegre (Burela) na aula que dirixe Diego Otero.