O videoxogo creado no instituto coruñés para promocionar a lingua galega gaña o primeiro premio de de Innovación Educativa en Dinamización Lingüística
03 jun 2026 . Actualizado a las 17:25 h.Atréveste a escribir unha palabra en galego de nove letras? Se estás a practicar para os exames finais de Lingua, tendes unha nova ferramenta para practicar xogando. Chámase ArgaQuest, foi creado por alumnado de diferentes cursos do instituto Fernando Wirtz Suárez da Coruña e acaba de recibir o primeiro premio de Innovación Educativa en Dinamización Lingüística.
Outros anos, nas clases de informática deste centro xa se realizaban pequenos proxectos para facer as materias máis entretidas, «pero este curso queriamos algo máis grande que involucrase a máis alumnos», explica Fernando Rodríguez Diéguez, profesor de informática e coordinador do proxecto.
Decidiron que sería interesante vinculalo á lingua, dado que é un centro cunha ampla representación de alumnado inmigrante a quen lle custa máis falar en galego. Ademais, conta coa vantaxe de ser un centro con formación profesional da familia de Informática.
Así, organizaron as diferentes tarefas para crearen entre todos case unha auténtica empresa tecnolóxica: o grupo do ciclo de Desenvolvemento de Aplicacións Web aproveitou a materia de Emprendemento e realizou unha análise de mercado; descubriron que había poucos xogos sobre o galego, que os que había tiñan unha interface pouco atractiva, e que non permitían partidas multixogador.
Os estudantes de cuarto da ESO foron os encargados de elaborar as normas do xogo e os de terceiro crearon a parte visual, como o logo. O alumnado de FP dual foi o encargado de desenvolver a aplicación, coa dificultade engadida de ter que rematala antes de marzo, cando comezaron as prácticas na empresa.
E, finalmente, o grupo de FP básica tivo a importante tarefa de validar o xogo. «Incluíron ademais un módulo de IA para escoller as palabras, e puideron comprobar que o galego está moi pouco desenvolvido nestes modelos preditivos», remarca o profesor. Por suposto, tamén foi obra do estudantado o nome do xogo: «Tiveron moito debate», recoñece Rodríguez, que revela que finalmente se decantaron por unha palabra froito da suma da galega «argallar» e a inglesa «quest» (procura).
Ademais do orgullo de ver recoñecido un traballo que se engadiu ás tarefas cotiás da aula entre novembro e marzo, o premio da Xunta supón unha dotación económica de 2.000 euros para o centro e a concesión do Primeiro Premio de Innovación Educativa ao profesorado implicado activamente no seu desenvolvemento. Fernando Rodríguez xa pensa na seguinte edición, coa idea de poder desenvolver un proxecto máis amplo que involucre a varios centros educativos.