Unha actividade promovida por unha docente dende hai catro cursos
03 jun 2026 . Actualizado a las 17:24 h.O tempo de lecer no instituto Sanxillao de Lugo transformouse dende hai xa catro cursos nun fervedoiro de creatividade e artesanía. O alumnado de secundaria e bacharelato cambia o fútbol e os patios polo traballo manual grazas a un innovador obradoiro de coiro que xa se converteu nunha cita obrigada durante os recreos.
Esta iniciativa naceu da man de Ruth Fernández, profesora de Lingua Castelá e Literatura do centro, co obxectivo de ofrecer un espazo de inclusión. Nel, os mozos e mozas atopan un lugar idóneo para conectar con compañeiros que comparten as súas mesmas afinidades e inquietudes. De feito, o éxito do proxecto é rotundo e proba diso é que a gran parte dos participantes repite curso tras curso, mentres que novos rapaces se van sumando á actividade ao longo do ano de xeito fiel.
Agora, co remate do curso á volta da esquina, o obradoiro prepárase cunha festa de despedida. Como broche de ouro, os participantes expuxeron ante toda a comunidade educativa as pezas elaboradas con coiro de curtido vexetal e pel tinguida: carteiras, chaveiros, estoxos, fundas de móbil e axendas que demostran o talento do estudantado.
Ademais, o interese traspasou as aulas e o interesas dos adolescentes, e motivou actividades de formación para o propio profesorado do centro. A docente Ruth Fernández impartiu sesións formativas para que outros profesores aprendesen as técnicas básicas deste oficio. Así, o Sanxillao despide o ano demostrando que na escola tamén se aprende «coireando».