Saídas profesionais: Medicina, no top das vocacións

L. Cancela LA VOZ DE LA ESCUELA

ESCUELA

Simulacro de examen mir el pasado mes de enero en la Facultade de Medicina de Santiago
Simulacro de examen mir el pasado mes de enero en la Facultade de Medicina de Santiago PACO RODRÍGUEZ

O grao universitario dura seis anos, pero a formación dos médicos non remata aquí, teñen que facer o mir e ser residentes

10 jun 2026 . Actualizado a las 11:35 h.

A semana pasada, esgotáronse todas as prazas mir en Galicia. O último médico en elixir, o posto 14.601, escolleu a única vacante que quedaba en España: medicina de familia na área sanitaria de Ferrol. É dicir, o médico de cabeceira ao que acudimos cando estamos enfermos. Con esta praza, pechábase este proceso de adxudicación dos que serán os nosos futuros doutores. Polo momento, son residentes, e esta semana todos incorpóranse aos seus respectivos postos de traballo para formarse durante catro ou cinco anos en función da titulación e especialidade. Para entender que implica todo isto, imos por partes.

É difícil entrar nesta carreira?

Si, moito. Medicina é unha das carreiras máis difíciles de entrar en España. Cada ano, miles de estudantes queren facela, pero hai menos prazas que persoas interesadas. O sistema español prioriza as notas, tanto de bacharelato como tamén da PAU (Proba de Acceso á Universidade que coñecemos como selectividade). Na Universidade de Santiago de Compostela, a nota necesaria supera o 12,6 sobre 14. Iso significa que quen soña con ser médico ten que estudar moito desde o instituto e manter moi boas notas, algo así como máis dun 9 en todas as materias.

É unha carreira complicada?

Todo depende de que che guste, pero non é sinxela. Ao final, teñen que aprender a curar todo os problemas do corpo humano. Alén de memorizar, tamén deben aprender a tomar decisións rápidas, traballar con outras persoas e tratar ben aos pacientes.

E cando se gradúan, xa poden traballar de médicos?

Cando alguén termina a carreira é graduado en Medicina pero non médico como podemos pensar. Pode realizar algúns traballos relacionados coa saúde, como ser responsable dos recoñecementos médicos nas empresas, en residencias de maiores ou nas unidades móbiles de doazón de sangue. Tamén poden ser investigadores ou traballar na xestión de hospitais, por exemplo. Pero en España, para converterse en pediatra, médico de familia ou cardiólogo é obrigatorio facer o mir.

Que é o mir?

Significa médico interno residente. É un exame moi importante que fan os médicos despois de terminar a carreira e despois de estudar, por regra xeral, un ano. Nesa proba compiten miles de persoas de toda España para conseguir unha praza de especialidade. O resultado do exame (o 90% da nota obtida máis un 10% do expediente na universidade) decide a orde no que cada médico poderá escoller especialidade.

Que pasa cando o aproban?

Cando saen as notas, cada médico recibe un número de orde e van elixindo por esa orde: cada persoa vai escollendo especialidade e hospital ata que se esgotan as vacantes dispoñibles. Cada hospital ten unhas prazas dispoñibles para cada especialidade. A medida que avanza o proceso, os postos máis desexados vanse esgotando. Quen queda para o final, ben pode elixir do que hai o presentarse o vindeiro ano ao exame para mellorar a súa nota.

 

De catro a cinco anos para converterse en especialista

Para que un médico se converta en residente, debe elixir unha especialidade, como cirurxía ou médico de familia e, despois, empeza a formarse nela durante catro ou cinco anos. É como un adestramento: os residentes aprenden vendo traballar a médicos con máis experiencia, pero tamén facendo tarefas reais.

Ao principio non están sós, pero pouco a pouco asumen maiores responsabilidades. As súas tarefas son como as de calquera outro: algúns días visitan cuartos dos pacientes ingresados; outros días atenden consultas, axudan en operacións ou traballan en urxencias. E, algo moi importante: tamén fan gardas de 24 horas. Ademais, estudan e van a cursos. A medicina muda todo o tempo. Así, ao rematar a residencia, son médicos especialistas oficialmente.

E ollo, teñen o título, pero non a praza. Para iso teñen que buscar centros con vacantes e presentarse para a plaza. Se queren un posto fixo teñen que facer unha oposición, como calquera funcionario.

Os dous modelos da sanidade nos que traballan os médicos en Europa

En Europa existen dous modelos sanitarios: o modelo Beveridge e o modelo Bismarck. O modelo Beveridge é o de España ou Reino Unido. Neste sistema, a sanidade finánciase cos impostos dos cidadáns e as persoas poden ir ao médico sen pagar directamente. O outro gran modelo é o Bismarck, que existe en Alemaña ou Bélxica. Neste caso, a sanidade funciona a través de seguros médicos obrigatorios. Os traballadores e as empresas achegan diñeiro a aseguradoras sanitarias que despois pagan a atención médica dos pacientes.

Actividade básica

Sucede o mesmo

Como vedes, para ser medicos son necesarios máis de dez anos de formación. Pensade en que outras carreiras é necesario continuar estudando tras rematar o grao e por que.

-------------------

As actividades están deseñadas por L. Cancela

Un sector moi tensionado

Imaxe de arquivo das protestas médicas en Vigo.
Imaxe de arquivo das protestas médicas en Vigo. Oscar Vázquez

Desde hai meses, miles de médicos de toda España participan en xornadas intermitentes de folga para reclamar melloras nas súas condicións laborais. O principal motivo destas mobilizacións é que esixen un estatuto marco propio e está a ser complicado chegar a un acordo co Ministerio de Sanidade, que onte anunciou un estatuto común para todos os traballadres do sistema nacional de saúde (SNS). Trátase dunha norma que regula as condicións de traballo dos profesionais sanitarios públicos e recolle cuestións como a xornada laboral, as gardas, os descansos ou os permisos. Os médicos consideran que polas características do seu traballo necesitan un proxecto propio. Recordan que a medicina esixe unha formación moi longa, unha elevada responsabilidade e xornadas de traballo que a miúdo se prolongan máis aló do horario habitual.

Por exemplo, unha das súas principais queixas ten que ver coas gardas, que son quendas de 24 horas: un médico entra un martes ás 8 da mañá no hospital e sae o mércores ás 8 da mañá; e volve o xoves ás 8 da mañá. Que un hospital atenda de tarde e noite é lóxico e fundamental, pero os sindicatos médicos denuncian que esas horas non están ben pagas (cobran menos que nunha hora normal e segundo protestan non contan para a xubilación) e que xeran unha gran carga física e mental.

Con todo, a situación é complexa porque a sanidade española está descentralizada. Aínda que as normas xerais dependen do Goberno central, a xestión de hospitais e centros de saúde corresponde ás comunidades autónomas. Isto levou a que algunhas rexións negocien acordos propios para mellorar determinadas condicións laborais. É o que ocorreu en Galicia. Tras semanas de mobilizacións, a Xunta e os sindicatos médicos alcanzaron un acordo que permitiu desconvocar a folga autonómica e outras medidas de presión. Entre os compromisos está a aplicación da xornada laboral de 35 horas semanais e o obxectivo de que as gardas sexan voluntarias nun prazo máximo de cinco anos, entre outras.

As folgas repercuten na sociedade, pero son un dereito democrático

Cando un sector fai folga, os seus efectos chegan máis lonxe e afectan a toda unha sociedade. Un exemplo recente son as protestas dos médicos en España. Como consecuencia, algunhas consultas, probas diagnósticas e operacións non urxentes tiveron que aprazarse. Isto tamén fixo que crecese a presión sobre os profesionais que continuaron traballando para garantir os servizos mínimos. Houbo pacientes que se enfadaron porque, ao final, esta folga traduciuse en máis tempo de espera para recibir atención médica.

Con todo, as consecuencias dunha folga non son necesariamente un efecto secundario indesexable. Precisamente, unha das razóns polas que as folgas poden ser eficaces é porque fan visible un problema. Se unha protesta non tivese ningún impacto, sería máis difícil que a sociedade, as empresas ou as administracións prestasen atención ás reivindicacións dos traballadores. En España e en moitos outros países democráticos, o dereito de folga está protexido pola lei. É un dereito. Son unha ferramenta que permite aos traballadores defender os seus intereses e reclamar cambios. Isto non significa que durante unha folga todo detéñase, porque en traballos esenciais, como a educación, a sanidade ou a policía, hai servizos mínimos e por exemplo nas urxencias adoitan ser do 100 % (ninguén pode ir á folga).

Actividade media

Solucións sen consecuencias

Dividide a clase en grupos e cada un que estude como se lograron os avances sociais para os traballadores: o papel dos sindicatos, das folgas e dos partidos. E un grupo que estude as condicións de traballo de hai 100 anos en España e as de hoxe. Teríamos chegado onde estamos hoxe sen protestas?

 

 

ENTENDER

Ser médico na sanidade pública e na privada

  • En xeral, en España, existen dous tipos de sanidade: a pública, que é a que financiamos os cidadáns cos nosos impostos e está xestionada polo Estado; e a privada, á cal se pode acceder pagando directamente ou mediante un seguro médico (unha especie de suscripción sanitaria mensual). Ademais, en España, un médico pode traballar en ambos os modelos. Por exemplo, pasar consulta pola mañá nun hospital público e, pola tarde, nun privado.
  • A lei permíteo, pero algunhas persoas consideran que compatibilizar ambos os empregos pode xerar conflitos de intereses. Por exemplo, cren que un médico pode verse tentado a dedicar máis tempo ou esforzo á actividade privada, onde en ocasións os ingresos son maiores.
  • Quen o defende argumenta que non existen probas de que traballar en ambos os sistemas empeore necesariamente a atención pública e que, desta forma, suman experiencia.Actividade avanzada

Os avances que salvaron vidas

Vacinas, radioloxía, analxesia, cirurxía robótica, antibióticos... Cal destes avances da medicina cres que salvaron máis vidas? Argumenta a túa resposta. Que dificultades credes que terían os médicos antes de descubrilos?

PROFUNDAR

O papel e a forma de traballar do médico mudaron nas últimas décadas

  • A medicina está a cambiar e a forma na que exercen os médicos esta profesión. A tecnoloxía, as novas ferramentas ou internet están a mudar o panorama xeral.
  • Se o falades cos vosos avós, seguro que están de acordo coa seguinte sensación que moitos teñen: antes, os médicos falaban máis co seu paciente e tamén tiñan máis contacto físico. Isto é así porque o diagnóstico dependía en gran medida da conversación entre médico e paciente e da exploración física. Por exemplo, escoitar o corazón, ou os pulmóns ou palpar o abdome eran pasos esenciais para entender o que estaba a suceder.
  • As probas diagnósticas existían, pero eran máis limitadas. En cambio, hoxe, teñen un peso maior. Isto ten unha razón: os avances tecnolóxicos permitiron dispoñer de análises, resonancias, TAC, resonancias, PET, ecografías... probas cada vez máis precisas. Con todo, é un avance que pode ter unha parte negativa, como que os médicos sexan máis dependentes de probas complementarias e que, mesmo, os propios pacientes as esixan.
  • No noso día a día, é habitual buscar información en internet antes de visitar o médico. Algunhas persoas consultan páxinas especializadas, foros, vídeos ou ferramentas de intelixencia artificial. Todo isto fai que haxa pacientes que chegan convencidos de cal é o seu diagnóstico e do tratamento que necesitan, e que mesmo pidan probas ao médico. Credes que é correcto?