«Tarambaina», a palabra gañadora do reto de maio de Prensa-Escuela

La Voz

ESCUELA

Olivia Prieto González, alumna de 2º da ESO do CPR María Inmaculada de Verín, impúxose cun texto no que presenta este termo como algo máis ca unha definición: «Non é só unha palabra, é unha personalidade enteira»

27 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo apertas, morriña, bicos, retranca, nostalxia, afouteza, avós e ata filloas, pero finalmente a palabra que convenceu ao xurado no reto de maio foi tarambaina. A autora da proposta, Olivia Prieto González, alumna de 2.º da ESO do CPR María Inmaculada de Verín, impúxose cun texto no que presenta esta voz como algo máis ca unha definición: «Non é só unha palabra, é unha personalidade enteira».

A estudante describe unha tarambaina como alguén divertido e creativo, pero tamén como unha forma alegre de vivir, e salienta o valor emocional e cultural dunha expresión que lle lembra «as palabras de antes, nas avoas falando na aldea», ao tempo que reivindica a capacidade do galego para expresar matices difíciles de traducir.

Entre as palabras finalistas do concurso estivo enxebre, escollida por Juan Fernández Sindín, alumno do CPR Santo Ángel Calasancias de Ourense, quen relaciona o termo coas súas raíces familiares e coa autenticidade.

Tamén foi recoñecida pillabán, proposta por Xabier López, do IES Pedra da Aguia (Camariñas) porque «soa a infancia e a mans manchadas». Lareira foi a favorita de Noa Trasmonte, alumna do CPR Manuela Rial Mouzo de Cee, e luscofusco a de Manuela Lage, do FEC San José de Lugo, quen a define como «o momento do día no que o mundo baixa a voz». Gabriela Trigo, do mesmo centro, escolleu colo, ligado ao agarimo e á protección.