Lembrar a Begoña Caamaño

L. Cancela

ESCUELA

Pilar Canicoba

A Real Academia Galega decidiu dedicar o Día das Letras Galegas a xornalista e escritora, pola calidade do seu traballos nas dúas facetas

26 may 2026 . Actualizado a las 18:42 h.

Como cada 17 de maio, este domingo é momento de homenaxear a unha figura fundamental para a cultura galega. Nesta edición, a Real Academia Galega (RAG) decidiu dedicar o Día das Letras Galegas a Begoña Caamaño (Vigo, 1964 - Santiago de Compostela, 2014), escritora e xornalista.

Caamaño empezou a publicar novelas bastante tarde, aos 45 anos, con Circe ou o pracer do azul (2009). Despois chegou Morgana en Esmelle (2012), unha obra que apareceu xusto cando lle diagnosticaron o cancro que acabaría coa súa vida dous anos máis tarde, pouco despois de cumprir os 50. A pesar da súa curta traxectoria como novelista, o seu traballo foi moi recoñecido e Morgana en Esmelle gañou varios premios importantes da literatura galega, entre eles o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2012 da Asociación Galega de Editores ou o Premio da AELG á mellor obra narrativa do 2012. Ademais, tras a súa morte atopáronse notas e documentos doutros proxectos que quería escribir, como unha novela sobre Sherezade (a intelixente e culta narradora protagonista de As mil e unha noites) e outra inspirada na vida da súa bisavoa.

Nas súas obras, a viguesa recupera personaxes femininos dos grandes mitos clásicos e dálles unha voz propia. En Circe ou o pracer do azul, as protagonistas son Penélope e Circe, dúas mulleres relacionadas con Ulises na Odisea. En lugar de aparecer como personaxes secundarios, como ocorría nas historias tradicionais, aquí ocupan o centro do relato e cuestionan os papeis que a sociedade lles impuxera. A autora mostra entre elas unha relación de apoio e complicidade

Con Morgana en Esmelle, Caamaño inspírase nas lendas do rei Arturo e no universo literario de Álvaro Cunqueiro para falar de temas que seguen sendo actuais, como o poder, a xustiza ou a impunidade. «Quixen formular un debate contemporáneo sobre que modelo de sociedade queremos», explicou a propia autora acerca desta obra. Caamaño tamén chegou a compartir que escribir xorde, para ela, como unha necesidade terapéutica e un reto de escribir o libro que lle gustaría ler.

Begoña Caamaño, escritora e xornalista á que se lle dedica o Día das Letras
Begoña Caamaño, escritora e xornalista á que se lle dedica o Día das Letras XOAN CARLOS GIL

Unha forma de facer xornalismo que merece ser recoñecida

Aínda que a súa obra narrativa merece un lugar salientable nas letras galegas contemporáneas, tanto pola súa facer literario e lingüístico, como pola a súa capacidade de facer reflexionar ao lector, a RAG tamén recoñece o seu labor como xornalista. Caamaño naceu e creceu no barrio vigués do Calvario, un lugar que marcou moito a súa vida. Estudou no actual IES Alexandre Bóveda e despois cursou Maxisterio, aínda que pronto descubriu que o seu era comunicar e contar historias. Empezou a traballar na radio nos anos oitenta. En 1989 entrou na Radio Galega, onde desenvolveu gran parte da súa carreira. Alí traballou en programas informativos e culturais. Ademais, colaborou coa Axencia Galega de Noticias e publicou artigos en El Sol ou en A Nosa Terra, entre outros.

En toda a súa carreira, Caamaño destacou polo rigor no tratamento da información e por unha escritura precisa, desde a convicción de que o xornalismo cumpre unha función de servizo público. Precisamente, a defensa dun bo xornalismo motivou que saíse elixida para esta celebración. Para ela, este traballo non consistía só en dar noticias, senón en axudar a entender mellor o mundo. Cando se publicou o seu homenaxe, o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, destacou que as Letras do 2026 centraranse nos xornalistas «nun momento histórico oportuno para isto».

Actividade media

Facede como Caamaño

Begoña Caamaño fixo unha revisión histórica da Odisea. Agora é a vosa quenda. Por grupos, escollede un libro que estea contado desde a perspectiva masculina pero que tamén teña unha muller. Como sería a historia contada por ela?

 

ENTENDER

O feminismo marcou a súa forma de ver o mundo e foi unha das impulsoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación

  • O traballo de Begoña Caamaño, xa sexa no xornalismo ou na ficción, sempre estivo mostrou en contra das inxustizas e as desigualdades. O feminismo forma parte da súa forma de ver o mundo, e percíbese tanto no xeito na que contaba as noticias ou na revisión que fixo das historias clásicas.
  • De feito, unha das cousas máis rompedoras de Caamaño foi o xeito no que escribiu as súas novelas. En lugar de contar as historias clásicas desde o punto de vista dos heroes masculinos, decidiu fixarse nos personaxes femininos, moitas veces esquecidos ou silenciados. Os seus libros daban voz ás voces que nunca foron escoitadas.
  • É posible que a raíz do seu activismo empezase no colexio. Unha das súas profesoras foi a escritora e feminista María Xosé Queizán, que influíu moito na súa forma de pensar e no seu espírito crítico. Xa vedes o importante que é o labor dos docentes!
  • Xa de adulta, participou en movementos sociais, colaborou con colectivos feministas e impulsou a a creación da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación, que buscaba dar máis visibilidade e oportunidades ás mulleres nos medios.
  • A académica Margarita Ledo lembrou, no momento do anuncio da súa homenaxe, que Caamaño xa formaba parte, hai máis de trinta anos desta asociación. Destacou que tiña unha mirada moi centrada en visibilizar a violencia de xénero e en denunciala desde os medios. De feito, en 1998 asinou un manifesto contra a violencia machista, nun momento no que aínda non era habitual que este tema tivese tanta presenza pública. Para a homenaxeada, os medios de comunicación non eran neutrais, axudaban a construír a sociedade.
  • Proba do seu activismo é un dos seus discursos. «O feminismo é a utopía que nos fai avanzar. E para avanzar milleiros de mulleres de todo o mundo realizan nestes días unha marcha, a Marcha Mundial das Mulleres cun lema común: 2000 boas razóns para marchar». Con estas palabras daba comezo a Festa do Feminismo Galego, celebrada en Santiago de Compostela en marzo do 2000. Unha convocatoria mundial que reivindicaba a forza das mulleres.

 

Actividade avanzada

Se tedes a oportunidade no colexio ou no instituto, lede un fragmento dos seus libros (ou o libro enteiro) o algún dos seus artigos. Despois, tratade de buscar como esta xornalista era capaz de contar a realidade para construír unha mellor sociedade. Compartídeo.