«Tour» criminal por Lisboa da man dun galego brillante

ESCUELA

Pozo da Quinta da Regaleira, una de las localizaciones de la serie «Si es martes, es asesinato», escrita por Carlos Vila.
Pozo da Quinta da Regaleira, una de las localizaciones de la serie «Si es martes, es asesinato», escrita por Carlos Vila.

Novo «Cluedo» mortal para xogar co músculo máis potente en Disney +

26 may 2026 . Actualizado a las 18:33 h.

En martes non cases nin te embarques. É o refrán do que pasa olimpicamente, con consecuencias mortais, o novo enredo mortal para ver e xogar co músculo máis potente en Disney: Si es martes, es asesinato. Mellor ir superando con xeito o luns sen desprazamentos do corpo e do corazón e, se é que podes, entrar nun episodio desta aditiva comedia en serie para facer turismo no país veciño, escrita por un dos creadores de Los misterios de Laura. Nesta ficción para botar un Trivial de detectives sen título vese a saúde de Agatha Christie por máis que estea criando malvas, e nótase a man para emparellar comedia e crime que ten o brillante guionista galego Carlos Vila, que escribiu moitos dos cozy crimes (acolledores para o espectador ante a insoportable gravidade do ser) que adoramos da televisión.

Mentres a señora Christie anda a facer táboas en Pontevedra con Pérez Galdós (seguir esta pista é cousa túa...), en Si es martes, es asesinato podes facer peto de cultura xeral mentres sumas motivos para visitar Lisboa.

Non coñeces Sintra? É patrimonio da humanidade, e un dos lugares con máis feitizo de Portugal. Se segues a este club de sabuxos que son Ana Wagener, Álex García, Inma Cuesta e Biel Montoro, poderás descubrir o pozo da Quinta da Regaleira, onde leva aos protagonistas unha das adiviñas do caso. A súa escaleira é para perder o paso.

O barrio da Alfama, Bairro Alto ou Belém, co monumento aos Descubrimentos en conmemoración do quinto centenario da morte de Henrique el Navegante, descubridor das Azores, aguzan o olfacto de explorador neste tour criminal histórico por Lisboa. Nel recordamos o terremoto de 1755, seguimos a pegada do rei José I, o Reformador, visitamos o castelo de San Jorge e o Museo de Arte, Arquitectura e Tecnoloxía. Para subir nota, o Museo das Carruaxes (central na investigación) ou atreverse a seguir a ruta do crime por Lisboa.

Saímos de viaxe no bus! E desde o minuto un estamos perdidos nunha excursión de fin de curso. Todos estes turistas nos soan e semellan todos agochar un segredo e viaxar a Lisboa cada un co seu propio caso.

A serie dá pé a falar de redes, herdanzas, «pais helicóptero», neurodiverxencia e nenas desaparecidas. O móbil do crime non é tan evidente como o de chamadas. Ten a tecnoloxía perfil de sospeitosa neste «fillo» misterioso do pai de Laura Lebrel...

O club do crime pasou de xoves a martes!