Esta xornada serve para concienciar e para evitar o roubo de información persoal
06 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O primeiro xoves de maio, é dicir, mañá, celébrase o Día Mundial do Contrasinal, ese código secreto especial que só un mesmo coñece —ou así debería ser—. Imaxina que tes unha caixa máxica onde gardas todo o que máis che gusta e o que máis aprecias e queres mantelo a bo recado. Para abrila, necesitas unha palabra ou unha serie de números, ou mesmo unha combinación de ambos, que só ti sabes á perfección. Así sempre estarán seguros de quen queira collerche as cousas sen permiso.
O obxectivo de celebrar esta xornada é lembrar a importancia dos contrasinais seguros para evitar o posible roubo de información persoal. Porque aínda que só falamos dunha caixa máxica, a transcendencia destes códigos vai moito máis alá. Por exemplo, o contrasinal do móbil, do correo electrónico, da conta do banco, das aplicacións do traballo ou de calquera outra plataforma na que un estea rexistrado. Hai persoas moi malas que se dedican a roubar os nosos contrasinais para logo facer negocio, case sempre económico, con eles. Son o que se coñece como ciberdelincuentes, e seguro que xa oístes falar deles.
Para non caer nas súas redes, é importantísimo ter uns contrasinais seguros e confidenciais. A orixe desta data é cousa do investigador en seguridade Mark Burnett, que no seu libro Contrasinais perfectos nos anima a todos a elixir códigos cun nivel de seguridade alto e a celebrar un día para concienciar. Así é dende o ano 2013.
Hai varios consellos que dan os expertos para elixir un bo contrasinal. O primeiro é que non elixas códigos sinxelos, como 1234 ou inicio, porque calquera podería adiviñalo. O segundo é que os cambies con frecuencia; din que cada tres meses está ben. O terceiro é que evites repetir o mesmo código en diferentes plataformas; é mellor que no correo electrónico teñas un e no banco outro. O cuarto: combina letras, en maiúsculas e minúsculas, números e símbolos especiais, como o da porcentaxe (%) ou o da exclamación (!). E quinto: non apuntedes o contrasinal en ningún caderno nin o compartades con ninguén. Só vós tedes que sabelo.
Rapaces, manter a nosa información segura é moi importante. E que o teñades claro dende xa, aínda que non teñades moitos contrasinais ou información sensible que protexer, axudaravos a estar máis concienciados para cando chegue o momento. Pode parecer unha tarefa aburrida, pero os beneficios de ter códigos seguros son moitos máis que as consecuencias que poden derivarse dunha mala xestión. De feito, non sería estraño que coñezades alguén a quen lle roubaron o contrasinal... Está á orde do día. Pero vós xa sabedes o importante :)
Podedes xogar a pensar en contrasinais moi seguros. Facede equipos e logo votade o que credes que é o mellor. Pero ollo, que despois ninguén o use!