O CPR Sagrada Familia gaña a olimpíada de Teleco cun proxecto contra verteduras á ría de Aldán

ESCUELA

Os alumnos e a profesora coordinadora recollendo o premio na Olimpíada na Universidade de Vigo
Os alumnos e a profesora coordinadora recollendo o premio na Olimpíada na Universidade de Vigo

O alumnado, de 4.º da ESO, defendeu a súa iniciativa diante dun xurado de expertos técnicos

26 may 2026 . Actualizado a las 18:21 h.

Hai olímpicos que non precisan estar federados en ningún deporte para se facer cunha medalla. É o caso de seis alumnos de Tecnoloxía do curso de 4.º da ESO do CPR Sagrada Familia de Aldán (Cangas). O venres resultaron gañadores da IV Olimpíada Teleco, celebrada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, na categoría para estudantes de 3.º e 4.º de secundaria, capitaneados pola súa profesora Elena Fraga e competindo con outros once centros educativos.

Lográrono co proxecto Smart Edar, un sistema intelixente de depuración de augas co que buscaban reducir as verteduras na ría de Aldán. «O medio ambiente é algo moi importante, e os vertidos en Aldán son algo que nos afecta directamente, queremos melloralo e dende a materia de Tecnoloxía quizais podiamos axudar a resolvelo», explica Simón Hernández, de 4.º de ESO.

Unha charla coa Plataforma Augas Limpas levounos a analizar o funcionamento da depuradora que actualmente dá servizo na zona. Logo propuxeron unha alternativa baseada nun sistema máis eficiente, concretamente nun SBR (reactor biolóxico secuencial), un sistema de tratamento biolóxico das augas residuais que emprega lodos activos e resulta máis eficiente e máis adaptable a variacións de caudal. En concreto, deseñaron un prototipo que simula unha depuradora que pode axustar automaticamente os seus ciclos de tratamento segundo o caudal de auga que entre. Iso reduce, por exemplo, o risco de verteduras en momentos de chuvias intensas. A nivel tecnoloxía, o sistema incorpora sensores, comunicación por radio, monitorización en tempo real mediante IoT e elementos de ciberseguridade.

Os rapaces tiveron que defender o seu proxecto diante dun tribunal formado por profesores universitarios e especialistas do mundo das empresas de telecomunicacións. Algo que non todos os adultos serían quen de facer, pero do que eles mesmo desfrutaron: «Encantoume visitar o centro universitario, que non estivera nunca; e logo pareceume moi importante aprender a presentar o proxecto diante dun xurado: ao principio estaba un pouco nervioso, pero logo xa me centrei, e moi ben», di Simón. «Aprender a expoñer en público vai servirnos moito para o futuro, para traballos de grao e cousas así», confirma a súa compañeira Amaia Hermelo, tamén de 4.º. Os dous escollerán o ano que vén bacharelatos da área científica.

O venres 24 participaron no concurso con xurado técnico, e a fin de semana cambiaron de público e participaron nunha feira científico en Vigo para todos os públicos
O venres 24 participaron no concurso con xurado técnico, e a fin de semana cambiaron de público e participaron nunha feira científico en Vigo para todos os públicos

Máis alá da teoría

As súas profesoras tamén ficaron encantadas coa experiencia. «Foi incrible velos o venres explicando o seu proxecto a especialistas técnicos e ao día seguinte na feira científica CinVigo adaptando o discurso para nenos pequenos, familias...», destaca Bea Malvido. «Aprenden moito máis que na aula, primeiro desenvolvendo o proxecto porque teñen que ir máis alá da teoría e aplicar o que están aprendendo a un problema real, e logo pola soltura que collen xustificando ese proxecto e as súas decisións diante dun xurado», comenta Elena Fraga. Esta semana saberán se son seleccionados para participar na fase nacional das olimpíadas que organizan universidades españolas e o colexio de enxeñeiros de telecomunicacións.

Alumnado participante na olimpíada: Adrián Centrón Currás, Alexia Díaz de la Campa,, Amaia Hermelo Durán, Daniel Gallego Hermelo, Simón Hernández Costas y Lucas Sotelo Malvido. Á feira científica CinVigo sumouse Pedro Fernández Piñeiro.

Profesora coordinadora: Elena Fraga Piñeiro