Máis froita, verduras e legumes

L. Cancela LA VOZ DE LA ESCUELA

ESCUELA

Imaxe dun colexio da Coruña no día que entrou en vigor o decreto.
Imaxe dun colexio da Coruña no día que entrou en vigor o decreto. MARCOS MÍGUEZ

O pasado xoves 16 de abril entrou en vigor o novo real decreto que regula os menús dos comedores escolares, que afecta a toda España

22 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Notaches que a comida do colexio ou instituto está mellor desde o pasado xoves? Ou que xa non hai tantos ultraprocesados nas máquinas de vending? Non é casualidade. En España entrou en vigor o novo real decreto de comedores escolares saudables e sostibles, que reforma o do 2011.

Que é un decreto?

É unha lei que emite o Goberno e que é obrigatoria para todos. Cando se chama real decreto, significa que está aprobado polo Goberno de España e asinado polo rei, como xefe de Estado. Estas normas serven para organizar cousas importantes, como a educación, a sanidade ou, neste caso, a alimentación nos colexios.

Quen o decide?

O Goberno, que está formado polo presidente e os ministros. Reúnense no chamado Consello de Ministros e alí aproban leis e decretos.

Que son os ultraprocesados?

Son comida industrial, feita en fábricas con moitos ingredientes raros, moito azucre, sal e graxas.

Como afecta ao comedor?

Os cambios son bastante importantes, aínda que é posible que no teu colexio ou instituto xa tiveses un menú saudable, así que non notarás moita diferenza.

Os menús distribuiranse do seguinte xeito. Nos primeiros pratos incluiranse unha ou dúas racións de hortalizas á semana, dunha a dúas racións de legumes por semana, unha ración de arroz por semana e unha ración de pasta por semana. Nos segundos pratos, ofreceranse dunha a tres racións de peixe e dunha a dúas racións de ovos por semana. O consumo de carne limitarase a un máximo de tres racións, das cales só unha poderá ser de carne vermella, e as carnes procesadas non superarán as dúas racións ao mes. Incluiranse dunha a cinco racións semanais de alimentos que acheguen proteína vexetal. Como acompañamento, serviranse de tres a catro racións de ensalada á semana. En canto á sobremesa, ofreceranse catro ou cinco froitas. O aceite será sempre virxe ou virxe extra, e para fritir utilizarase aceite de oliva ou de xirasol alto oleico.

Ofrecerase pan integral polo menos dúas veces por semana, e pasta ou arroz integral un mínimo de catro veces ao mes.

En canto ás técnicas culinarias, darase prioridade de forma habitual a métodos saudables como o forno, o vapor, ferver ou a prancha, xunto con salsas de tomate; reduciranse as frituras, os rebozados e outras salsas; e limitaranse ao máximo o emprego de concentrados de caldo e de potenciadores do sabor.

E as máquinas expendedoras?

As dos centros educativos só poderán ofrecer produtos de ata 200 quilocalorías por unidade. Ademais, non se permitirán bebidas envasadas con máis de 15 miligramos de cafeína por 100 mililitros. Por outra banda, os centros deberán garantir o acceso a auga potable gratuíta.

Que desaparece?

Sobre todo, os alimentos menos recomendables. Os bolos industriais, como os donuts ou as madalenas empaquetadas, as bebidas azucradas, como os refrescos, ou algúns precociñados.

 

Unha nutrición saudable tamén debe ser máis sostible

Un dos obxectivos deste real decreto é que os menús escolares sexan máis sostibles, é dicir, que axuden a coidar o medio ambiente. Ao final, para producir os alimentos necesítanse moitos recursos da natureza, como auga, terra, enerxía e aire limpo. Pero algúns requiren máis ca outros. Por exemplo, para obter carne hai que criar animais durante moito tempo. Estes animais necesitan grandes cantidades de auga e alimento, e ademais ocupan moito terreo. Nese proceso tamén se xeran gases que quedan na atmosfera e fan que a Terra se quente máis, o que contribúe ao cambio climático. En cambio, cultivar froitas, verduras ou legumes adoita requirir menos auga e menos enerxía, e produce menos contaminación. A orixe tamén é importante. Se un alimento se produce moi lonxe e ten que viaxar en avión, barco ou camión, ese transporte utiliza combustibles que contaminan o aire. Por iso, cando eliximos produtos locais e de tempada axudamos a reducir esa contaminación.

Sen móbil para facer as tarefas na clase ata terceiro da ESO

Os Gobernos poden influír na nosa vida de moitos xeitos. Os menús escolares son un exemplo. Con todo, a Xunta, que é o Goberno de Galicia, tamén toma decisións que teñen un impacto no noso día a día. A semana pasada, o presidente autonómico, Afonso Rueda, anunciou novos límites para o uso de teléfonos no centro escolar. Por exemplo, ata o de agora non se podía utilizar o móbil en clase, salvo que tivese un fin de ensino. Isto valía para todos os cursos. Pois ben, a partir de que esta nova normativa entre en vigor, só se poderá facer a partir de terceiro da ESO. E tampouco se poderán gravar cousas nin difundilas.

Actividade básica

Saúde na escola

Tedes unha misión: que o voso centro se converta nun sitio máis saudable. Por grupos, elaborade carteis que promovan bos hábitos. Por exemplo, subir polas escaleiras ou beber auga.

-----------

As actividades están deseñadas por L. Cancela

A conveniencia dunha dieta sa

Carreira Vig Bay, na que participaron case 8.000 persoas
Carreira Vig Bay, na que participaron case 8.000 persoas M.MORALEJO

Os alimentos frescos e pouco procesados achegan moitos nutrientes, mentres que os ultraelaborados se relacionan con doenzas

Seguro que o sabes, pero é importante lembrar que unha alimentación sa non só inflúe en como nos sentimos no día a día, senón que ten un impacto directo na nosa saúde a longo prazo. Cada vez máis estudos científicos relacionan o que comemos coa prevención ou o desenvolvemento de doenzas crónicas como a obesidade, a diabetes tipo 2 ou as cardiovasculares.

A poboación consume máis ultraelaborados ca nunca. Isto ten un problema: adoitan conter grandes cantidades de azucres engadidos, graxas de baixa calidade e altas cantidades de sal. E achegan moitas calorías, pero poucos nutrientes esenciais. O seu consumo habitual pode favorecer o aumento de peso e alterar o metabolismo, o que incrementa o risco de padecer enfermidades máis adiante. No extremo oposto están os alimentos frescos ou minimamente procesados, que actúan como protectores da saúde. Por así dicilo, son os que non teñen etiqueta: froitas, verduras, legumes, cereais integrais, froitos secos ou peixe. Se vos fixades, todos achegan vitaminas, minerais ou fibra, fundamentais para que o corpo funcione ben.

Para entender mellor como nos afectan os alimentos, é importante saber o que poñemos no prato. Os hidratos de carbono son a principal fonte de enerxía do corpo. Son o arroz, a pasta, o pan ou as patacas. As proteínas, que atopamos no peixe, nos ovos, nas legumes ou na carne, son esenciais para construír e reparar tecidos como músculos, pel ou órganos.

As graxas, por outra banda, cumpren funcións vitais: forman parte das células, protexen órganos e permiten absorber vitaminas. As graxas saudables, como as do aceite de oliva ou os froitos secos, teñen un efecto beneficioso sobre o sistema cardiovascular. Un prato saudable debe conter os tres nutrientes, alén de verduras.

Agora ben, tan importante é comer saudable como non caer na obsesión. A saúde non depende dun alimento illado nin dun só día de alimentación, senón dos hábitos mantidos no tempo. O que importa non é que facemos de forma puntual, senón que repetimos ao longo do tempo.

Descanso, exercicio e menos móbil, hábitos esenciais

Unha alimentación saudable é moi importante, pero non é o único hábito que debemos coidar. Tamén o exercicio é esencial, pois facelo de forma regular fortalece o corazón, os músculos e os ósos. Cando facemos deporte, o organismo mellora a súa capacidade para transportar osíxeno e enerxía, o que se traduce en máis resistencia e menos cansazo no día a día. Ademais, libera substancias como as endorfinas, o que mellora o humor.

O descanso é outro elemento fundamental. Durmir non é perder o tempo. De feito, todo o contrario, xa que permite que o corpo se recupere e que o cerebro procese o aprendido durante o día. Ter un soño de mala calidade pode afectar á concentración, ao rendemento en clase e mesmo facer que esteas máis irritable ou canso todo o tempo.

Por último, o uso do móbil xoga. Pasar demasiado tempo conectado pode afectar ao descanso, xa que a luz das pantallas dificulta a produción de melatonina, a hormona que regula o soño. Ademais, pode reducir a actividade física, diminuír a concentración e aumentar a sensación de tensión ou comparación constante en redes sociais. Se vos fixades, estes tres hábitos conéctanse entre si: durmir ben mellora o rendemento físico, o deporte axuda a descansar mellor e desconectar do móbil facilita tanto o soño como a actividade física. Hai algún que debas mellorar?

Actividade media

Dous tipos de compras

Simulade unha compra semanal. Para iso, elaborade dúas listas: unha ideal, cos alimentos que considerades máis saudables, e outra real, co que normalmente comprades. Pensade como podedes substituír os ultraprocesados.

ENTENDER

Existen enfermidades da vida moderna?

  • Na primeira metade do século XX, as enfermidades infecciosas eran a principal causa de morte en España. Isto debíase a unhas condicións de vida máis precarias: había menos acceso á auga potable, a hixiene era máis limitada, a alimentación era menos variada e os antibióticos aínda non estaban dispoñibles ou eran moi escasos.
  • Na segunda metade do século pasado todo cambiou. Por sorte, a mellora da sanidade pública, a chegada das vacinas, o desenvolvemento dos antibióticos e o avance das condicións de vida reduciron de xeito importante as enfermidades infecciosas.
  • Pero, ao mesmo tempo que se controlaron as enfermidades infecciosas, aumentaron as crónicas non transmisibles, como a diabetes tipo 2 ou as cardiovasculares, moi relacionadas co estilo de vida. Cres que a vida moderna pode enfermarnos

PROFUNDAR

O feito de que melloren os menús escolares pode cambiar un problema como o da pobreza infantil?

  • O real decreto sobre comedores escolares saudables e sostibles foi creado, por así dicilo, entre varios ministerios: o de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, o de Educación, o de Agricultura, o de Sanidade e o de Mocidade e Infancia. Esta medida non só nos fala dunha dieta máis saudable, senón dun patrón alimenticio que ademais ten que ser accesible.
  • O seu obxectivo é asegurar que todos os nenos e adolescentes accedan cada día a unha alimentación saudable, variada e nutritiva, independentemente dos ingresos de cada familia. É dicir, quere loitar contra as desigualdades que pode haber entre familias con máis e con menos recursos. Os datos falan desta necesidade.
  • Segundo o último estudo Aladino, o 46,7 % dos nenos de entre 6 e 9 anos de familias con ingresos inferiores a 18.000 euros anuais presentan exceso de peso infantil. O informe vincula este dato con dificultades económicas para acceder a alimentos frescos como froitas e verduras ou mesmo a almorzos completos.
  • Agora ben, pode a escola compensar o que ocorre na casa? Pode un menú escolar cambiar realmente a vida dun neno ou se está a pedir á escola que solucione problemas que empezan moito antes?
  • Non se pode negar que o que se come no colexio é importante porque, en moitos casos, supón unha das comidas principais do día para nenos e adolescentes. Ademais, contribúe a que creen hábitos saudables que poden manterse despois na vida adulta, como comer máis froita, máis verdura e máis legumes. Que opinades?

Actividade avanzada

O prezo tamén importa

Seguindo o exercicio anterior, calcula o prezo das dúas listas da compra. Observas algunha diferenza? Que alimentos son os máis caros e os máis baratos? Vedes de que maneira unha compra saudable pode ser non ser accesible para todos?