A feira Innova FP 26 agrupará nuns catro mil metros de exposición máis de 50 proxectos orixinais saídos das aulas e talleres dos centros de Formación Profesional
15 abr 2026 . Actualizado a las 13:41 h.Xa se están a ultimar os detalles para unha das grandes citas anuais de Formación Profesional galega. A vindeira semana estes estudos, que cada ano ganan matriculados e sona, amosarán o seu músculo no Innova FP 2026, unha das feiras máis grandes e atractivas no eido da educación. Aquí non se trata só de coñecer a oferta de estudos, ou escoitar de boca de profesorado e alumnado o ben que están os ciclos. Aquí pódese ver, tocar, experimentar e, sobre todo, sorprenderse co enxeño e a capacidade de atopar novas solucións, e mesmo de adiantarse ao futuro, que hai nos institutos e nos centros integrados de formación profesional (CIFP).
Durante os días 22, 23 e 24 de abril, na Cidade da Cultura de Santiago haberá mostras de ideas emprendedoras, proxectos de innovación en áreas tan distintas como a agricultura ou a robótica, ideas para ensinar mellor e de xeito máis divertido, ou exemplos de empresas saídas dos viveiros dos CIFP. Aquí pode verse desde un dron xigante, ata manexar un simulador ou probar as mellores minimadalenas con produto de quilómetro cero. Centos de centros xa están anotados para visitala, pero a feira tamén está aberta ao público xeral en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 19 horas mércores e xoves, e só de mañá o venres. Se aínda non coñeces todo o que pode ofrecer a FP, por que non marcas a cita no calendario? Estes son só algúns dos proxectos que vas atopar.
CIFP A CARBALLEIRA - Simulador háptico
Notar síntomas para facer un diagnóstico
Para que vos fagades unha idea de que os proxectos do Innova FP non son pequenos xogos de aula, sabede que ás veces non é fácil explicalos sen velos diante. É o caso do proxecto que lidera o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense, que volve á carga cunha ferramenta moi útil para a aprendizaxe en materia sanitaria, algo que xa fixeran en edicións anteriores con, por exemplo, un simulador 3D de condución dunha ambulancia.
Desta volta, a base da idea son as tecnoloxías hápticas. «Son tecnoloxías que permiten crear sensacións máis alá do puro estímulo visual. Por exemplo, nun videoxogo cando se usan electroestimuladores para que o xogador poida ter a sensación da puñada que recibe a personaxe», explica Santiago García, profesor do curso de especialización de Videoxogos e Realidade Virtual. Xunto coa súa compañeira María Pato e outra profesora da rama sanitaria do centro, decidiron probar a aplicar esta tecnoloxía nunha ferramenta a través da que, aplicando certos impulsos eléctricos se replican no usuario determinadas sensacións físicas. Notando iso, o alumnado deberá identificar diferentes síntomas e, a partir deles, facer un diagnóstico.
Na feira, quen se achegue ao seu posto poderá poñer unhas gafas que o introducirán no escenario dunha emerxencia e experimentar con esta ferramenta de simulación. De momento está en probas, pero cando estea de todo listo, pasará a empregarse nas aulas do centro ourensán e tamén en calquera outro que queira utilizala. «A fin última destes proxectos é que teñan un sentido educativo e poñelos a disposición doutros centros con ciclos sanitarios para que tamén poidan aproveitalos; é moi satisfactorio ver como isto vai mellorando unha FP como a galega que xa ten un nivel altísimo», di Santiago, un dos líderes dun proxecto que xa foi destacado o ano pasado e que os fixo a el e a María PAto merecedores dun premio como funcionarios innovadores.
Sobre a asistencia á feira, este profesor sinala que é moi satisfactorio ver o interese que espertan os proxectos —«A verdade é que todo o que ten gafas, realidade virtual e aumentada, xa chama moito sempre, enseguida se achegan»—, pero tamén o seu papel como «punto de encontro entre profesores e alumnado con inquedanzas e intereses innovadores e como escaparate do que se fai nunha FP que hai uns anos aínda espertaba reticencias, mentres que hoxe só hai que ver qué tipo de aplicacións e ideas se están a sacar desde os ciclos e cursos para entender por qué os estudos de Formación Profesional convalidan créditos para carreiras universitarias».
CIFP VALENTÍN PAZ ANDRADE - Do vento ao mar
Reutilizar palas eólicas para facer flotadores de bateas
«O noso proxecto consiste na reutilización de palas eólicas en desuso para darlle unha segunda vida como flotadores de bateas aproveitando a súa resistencia e capacidade de flotación. Trátase dunha proposta que combina enxeñaría, sustentabilidade e economía circular e que nos permite traballar nun caso real desde o deseño á validación técnica». Así de claro se explica Lucía Cruces, unha moza de Tui de 23 anos que cursa o ciclo superior de Deseño e Fabricación Mecánica no CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo.
O seu profesor, Alberto Fernández, confirma orgulloso que están xa na fase de ultimar o prototipo para logo facer probas nunha piscina que confirmen o seu bo funcionamento. «E non só valerían para bateas, senón tamén para pantaláns ou calquera outra estrutura que precise flotadores», aclara.
Mestre e alumna coinciden en que este tipo de proxectos de innovación aplicada a partir de retos das propias empresas son un xeito de aprender cousas «que fóra do reto nunca se verían, como a oportunidade de ir a un parque eólico e ver como se desinstalan as palas». Neste caso, están as palas coas que están a traballar foron cedidas por Naturgy Renovables, procedentes dos parques que se están a repotenciar en Galicia.
Lucía engade que as horas extras dedicadas á actividade mereceron completamente a pena polas habilidades que agora posúe, máis alá das do currículo propio do seu ciclo. Xa na feira, na que ela estará presente, agarda «dar visibilidade ao traballo que se está facendo na FP, compartir ideas con outros centros e profesionais e recibir algún feedback que axude a mellorar o proxecto».
CIFP FERROLTERRA - Tecnoloxía para mellorar o agro
«Amosar o que fixeron coas súas mans é unha pequena recompensa a tanto esforzo»
De estar no sitio axeitado no momento axeitado naceu Abeiro Tech, o proxecto de innovación que levará o CIFP Ferrolterra e do que nos fala o profesor Miguel Calvo. Nunha conversa con propietarios dos montes en man común de Friol falouse das dificultades para empregar as cabras para o desbroce de montes, moi útiles sobre todo para zonas de difícil acceso, pero que requirían de demasiadas visitas ao monte para manter todo en funcionamento. Foi así como, dándolle voltas, naceu a idea de deseñar un carro que contivese varias ferramentas para solucionar distintos problemas. Por unha banda, o da alimentación dos cans que vixían ás cabras e as protexen do lobo. A súa alimentación requiría subir ao monte practicamente a diario. Pero o carro deseñado no Ferrolterra inclúe comedeiros que só se activan ao se aproximar os mastíns que portan un colar que activa o dosificador. «Pódese saber qué can foi comer, cantas veces, canto, incluso restrinxir a cantidade de alimento, ou dosificalo por franxas horarias...», explica Calvo.
O carro están conectado a unha aplicación que envía mensaxes vía Telegram sobre o alimento dos cans, pero tamén sobre outras cousas que o usuario queira controlar. Porque a estrutura ten moito máis ca comedeiros. En momentos de tempo moi duro pode despregarse e funcionar como refuxio para o rabaño. Leva tamén parideiras, para as cabras que vaian ter crías, e mesmo un quentador con leite por se algún dos cabritos precisase aporte extra. Os comedeiros tamén poderían encherse de xeito excepcional con alimento para as cabras, no caso de que este escasease na contorna. O carro incorpora ademais unha cámara interior, para vixiar aos animais, e unha exterior, para disuadir a quen queira danalo ou roubar elementos. E leva placas solares e baterías para ter autonomía.
En definitiva, unha ferramenta que facilitaría moito o emprego de cabras en labores de desbroce, unha das opcións que se están a contemplar en mantemento do monte para previr incendios.«Non hai nada así no mercado. E é un proxecto que levou moitas horas. Sen o alumnado de primeiro do ciclo de Mecatrónica do noso centro e do instituto Lois Peña Novo de Vilalba tería sido imposible. Tamén os de Automoción botaron unha man», di o profesor.
Santiago Ucha é un deses estudantes que participou na construción do carro. «Fue súper interesante, lo primero por lo que tiene de ayuda a la comunidad y por trabajar en algo que se va a aplicar en la realidad, y luego por todo lo aprendido; en seis meses utilizamos un montón de herramientas y de técnicas que nunca habíamos usado. Pero sobre todo fue emocionante tener que ver cómo solucionar problemas. Por ejemplo, cómo levantar las alas de la estructura que pesaban mucho».
El será un dos catro alumnos que estarán no Innova FP explicando o proxecto. «Amosar o que fixeron coas súas mans, e poder sacar peito diante doutros compañeiros é unha pequena recompensa por tanto esforzo como fixeron», recoñece Calvo. Santiago confírmao: «Ya solo enseñarle un plano esquemático a mi familia fue un orgullo, decirles: ‘‘¿Ves eso que parece tan sencillo? Pues nos llevó tres semanas encontrar la solución''».
CIFP A XUNQUEIRA E IES ANTÓN LOSADA - Nova vida a un residuo
Taboleiro feito con casca de castañas
O profesor Juan Antonio Fernández Mañá comezou coa idea deste proxecto cando o curso pasado daba clases no IES Antón Losada Diéguez da Estrada, que finalmente ten acabado nunha colaboración co CIFP A Xunqueira de Pontevedra no que está este ano. Un reto presentado pola empresa Cuevas y cia no programa Innovatech, para optimizar o pelado da castaña, fíxolle pensar en que no proceso se xeraba un residuo, a casca do froito, que podía ser valorizado. E iso fixeron, logrando transformalo nun taboleiro que, segundo explica «ten unha consistencia e tonalidade distinta a todo o que hai no mercado».
No traballo participou alumnado do ciclo medio de Carpintaría e Moble e do superior de Deseño e Amoblamento, e contaron co asesoramento da empresa Birdmind, que fai taboleiros con cascarilla de arroz.
Curiosamente, serán rapaces de FP básica os que presenten o proxecto no Innova FP, porque os outros están en pleno período de prácticas en empresas. Será unha ocasión para desenvolver as súas habilidades sociais e comunicativas. Pero Juan Antonio Fernández tamén destaca o potencial desta feira por ser un punto de encontro da todas as familias da Formación Profesional: «Ten unha función de orientación educativa importantísima, aquí non se trata de ver listados cos nomes de todos os estudos que hai, senón de ver en directo todo o que se ofrece en Galicia e o seu potencial, paréceme unha cita importantísima, por exemplo, para o alumnado de ESO».
CIFP CARLOS OROZA - Emprendemento moi doce
«De FP salimos con ganas de comernos el mundo»
Sandra Rodríguez Barreiro é a mellor embaixadora que pode ter a Formación Profesional galega. «Estoy encantada con mi paso por la FP. Primero hice un ciclo medio de Pastelaría y luego un superior de Dirección de Cociña, y desarrollé mi proyecto de negocio dentro del vivero de empresas del CIFP Carlos Oroza (Pontevedra). He tenido profesores súper implicados, que me daban caña hasta que todo saliera perfecto, que aún me apoyan ahora que ya abrí mi local. De eso que decían antes de que el que no valía iba para FP no queda nada. Somos los de FP los que estamos montando cosas. Hacemos prácticas, salimos súper bien formados, con ganas de comernos el mundo y lo hacemos», di rotunda.
Ela come o mundo, e os que viven ou pasan por Cangas, as delicias que ela prepara en Os doces de Sandra, a pastelaría que abriu o pasado verán e na que xa son catro traballadores e unha rapaza de prácticas. Aí é nada.
A raíz dun proxecto que fixera con outras compañeiras e co que gañara un premio aprendera ben os pasos que facían falta para emprender. Aplicounos, co apoio do viveiro de empresas do seu centro, e hoxe ten o seu propio negocio no que ofrece produtos artesáns, feitos con materias primas de quilómetro cero e alta calidade. E os clientes están a responder á súa aposta.
Na feira da semana que vén poderán degustarse as súas minimadalenas, bicas, brownie e ver en directo como fai as súas minitartas, para que non falte o espectáculo. Non estará soa. Acompañaraa polo menos unha das empregadas. Será, sen dúbida, un dos postos que máis atraerán a vista e o olfacto.
CIFP AS MERCEDES - Drons agrícolas
Agricultura de precisión para o campo galego
Dende a FP e un dos seus viveiros de empresas emprendeu tamén Edgar Díaz Vázquez, quen logo de máis de quince anos traballando por conta allea no mundo da informática quixo cambiar de rumbo a súa vida laboral. Comprobou qué cursos de especialización había e, entre os que lle chamaban a atención, atopou no CIFP As Mercedes de Lugo o de Aeronaves pilotadas de forma remota, que encaixaba xa co seu propio hobby de pilotar drons. Matriculouse, sacouno con moi boas notas e, aínda que non foi fácil atopar o nicho, finalmente localizou un con moitas posibilidades na agricultura.
Naceu así Agrospectral, un proxecto baseado en dous drons, un primeiro que monitorea zonas de cultivo cunha cámara multiespectral que pode ver a fondo como están as plantas e se teñen falta de auga, de alimento ou se poden estar a punto de sufrir unha praga, indo moi por diante do que podería captar o ollo humano. «Os clientes poden ter informes practicamente diarios, e poden decidir cando e onde queren botar produtos fitosanitarios para adiantarse á praga e parala», indica Díaz.
No caso de ter que botar eses fitosanitarios, a empresa quere ofrecer o uso dun dron de gran tamaño para botar ese produto dun xeito moi delimitado, cargando os mapas previamente xerados para que só se aplique nunha zona moi concreta e salvando as dificultades de acceso. É por so iso que no proxecto están traballando da man de bodegas da Ribeira Sacra, onde estas labores poden resultar especialmente difíciles.
Edgar é consciente de que o tamaño do dron que levarán á feira chamará moito a atención. Nesta cita, ademais de amosar o que pode chegar a facerse dentro do ecosistema da Formación Profesional, este exalumno recoñece que se establecen contactos con investigadores e traballadores que a medio prazo resultan moi interesantes.
CIFP POLITÉCNICO LUGO - Emprendemento no ADN
Da impresión 3D aos xabóns naturais
«Somos un centro moi activo, apuntámonos a todo. Neste caso, ao Innova FP imos con proxectos de innovación e de emprendemento», adianta Vanessa Fernández, coordinadora de emprendemento do CIFP Politécnico de Lugo. Nesta área que convida a transformar os proxectos en ideas de negocio que se podan facer realidade contan con anos de traballo: «Raro é o curso que non sacamos catro ou cinco miniempresas, grazas ao claustro de todas as familias de FP que se involucran moito», engade.
Á feira de vindeira semana acudirán precisamente con tres miniempresas de tres proxectos de aula. Unha, do ciclo de Farmacia e Parafarmacia, chámase Apidermalab, e consiste en facer un xampú sólido, ecolóxico, feito polo alumnado con produtos da zona (incluído mel dun produtor local) e sen ningún tipo de aditivo, nin tan sequera aromas, pese ao que, aseguran, deixa un olor marabilloso.
Baixo o nome Xeitos de sentir agóchase a suxerencia da familia de Fabricación mecánica, en concreto do curso de especialización de Fabricación Aditiva, que pasa por imprimir material en 3D para persoas con algunha discapacidade visual. «Empezamos facendo formas xeométricas para que os rapaces da ONCE puideran tocalas por dentro e por fóra e entendelas mellor, e logo pensamos que se podía facer moito máis. Así que deseñamos elementos arquitectónicos —Como de difícil debe ser explicar unha columna dórica sen poder amosar unha foto?—, e tamén células que se poden desmontar e poñer cada parte ao lado do seu nome en braille», explica con sinxeleza Tomás Mahía, a pesar da complexidade do que están a facer. Non é só imprimir un produto, senón elaborar todo o deseño e asegurarse de que funciona e se entende.
Betanceiro de 20 anos, Tomás é alumno do citado máster no centro lucense, e destaca que este tipo de proxectos animan moito as clases porque «tes que romper a cabeza pensando como facer as cousas, ademais do bonito que é saber que estás axudando a rapaces con discapacidade visual».
A terceira proposta do Politécnico de Lugo chega a través do ciclo superior de Laboratorio Clínico e Biomédico. Aquí a idea é amosar avances e cuestións científicas que non sempre son fáciles de divulgar, a través de xogos. Achegar unha ciencia ás veces pouco visible a través, por exemplo, dun dominó, dun xeito lúdico, é a base desta idea chamada Laboratorio de xogos.