Día mundial de Os Simpsons: a familia amarela máis famosa da tele

S. P. REDACCIÓN / LA VOZ

ESCUELA

Pinto & Chinto

Xa levan máis de 800 capítulos e os seus creadores din que a serie non vai acabar nunca

15 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Se falamos dos donuts, dunha central nuclear, de personaxes de cor amarela con catro dedos, da cervexa Duff, dunha Krusty Burger, da taberna de Moe ou dalgún vecinito, que se vos vén á cabeza? Si, Os Simpsons, aínda que pode que agora xa non sexan tan populares como hai anos. Depende das diferentes xeracións, pero moitos crecemos con estes debuxos moi presentes na nosa televisión. Esta semana celébrase o Día Mundial dos Simpsons, concretamente este domingo, 19 de abril, para conmemorar a estrea da familia na televisión. A data escollida é a da primeira retransmisión da curta, Good Night (Boas noites) no ano 1987 en The Tracey Ullman Show. Aí comezou a súa historia, aínda que daquela non tiñan o seu propio programa, eran pezas dun ou dous minutos que se emitían nese programa. Como tiveron tanto éxito, a cadea estadounidense Fox quixo darlles un espazo propio. O primeiro episodio de Os Simpsons estreouse o 17 de decembro de 1989.

Durante estes 36 ou 39 anos —dependendo de que data se escolla para falar dos seus inicios—, os seus debuxos foron mudando de deseño e tamén incorporando novos personaxes. A serie comezou só con cinco membros da familia: Homer, o pai; Marge, a nai co seu peiteado altísimo de cor azul; Bart, o fillo que foi o protagonista dos primeiros anos; Lisa, a filla que nun principio non era a versión intelectual que logo desenvolveu e que máis ben se parecía a Bart, e Maggie, a bebé que xa tiña o seu inseparable chupete. Aí non estaban nin Ned Flanders, o veciño, nin o señor Burns, o dono da central nuclear na que traballa Homer. Os personaxes secundarios foron saíndo pouco a pouco, sobre todo dende que comezou a serie.

Din que a serie é famosa por predicir eventos futuros. Por exemplo, nun capítulo do ano 2000 cóntase que Lisa herda a presidencia de Donald Trump, que deixou os Estados Unidos na quebra. A historia é que, 16 anos despois, Trump tomou efectivamente o mando do país, no que segue a día de hoxe. Os Simpsons tamén deron conta do final dalgunhas series, como Xogo de tronos, ou avanzaron novas tecnoloxías, como os reloxos intelixentes. No ano 1995, unha década antes do primeiro que saíu o mercado, o prometido de Lisa falaba nunha chamada mediante o seu reloxo. Tamén adiantaron as videochamadas.

Aínda que xa non sexan tan populares como hai uns anos, a familia dos Simpson segue en antena, e xa se emitiron máis de oitocentos episodios. Agora estase emitindo a temporada número 37 e, cando menos, seguirá ata a 40. Pódense ver na plataforma Disney+. Os seus creadores din que a serie non vai acabar nunca! Vós que credes?

Nada mellor para celebrar este día que vendo a primeira curta de Os Simpsons. Podedes poñela na clase e logo comentar que vos pareceu. Serían uns debuxos que veriades hoxe?