Tesouros galegos na rede: atopa a media laranxa e fai «smoothies» de lingua

ESCUELA

Noemí García chama «larandicas» aos consellos de lingua que dá no seu blog e conta de Instagram «Media Laranxa», que comparte receitas.
Noemí García chama «larandicas» aos consellos de lingua que dá no seu blog e conta de Instagram «Media Laranxa», que comparte receitas.

Coñece o chatbot que resolve todas as dúbidas sobre verbos e os 250 erros galegos máis comúns

08 abr 2026 . Actualizado a las 23:09 h.

Se queres aprender galego sen morreres no intento e atopar a túa media laranxa vai buscar As chaves da lingua. É este un tesouro medio somerxido no océano virtual de internet, obra de Noemí García Rodríguez.

O da rede tamén é un mar de plástico no que abonda a contaminación e é forte a ameaza da extinción da especie humana, mais non fan falta 20.000 leguas baixo dos mares para atopar tesouros léxicos, morfolóxicos e gramaticais como algúns dos que esta profe de Lingua Galega e Literatura pon á man na rede, que ademais de social pode ser gramatical e dialectal. Noemí é a creadora do Dicionario galego para boomers e tamén do blog Media laranxa, proxectos gañadores do Premio Mil Primaveras de Galicia.

Coautora do Cancioneiro da Ribeira de Piquín, é coma se esta profe botase á mar virtual botellas con mensaxes de esperanza. Unha delas di: «Os rubios en galego teñen o cabelo tirando a vermello, e os de cabelo dourado chámanse louras e louros». Outras son notiñas pequenas, espelidas e emocionais como onomatopeas, impos ou saloucos.

As mensaxes da autora de Media laranxa din «biscoito de cabaciña e limón», «croquetas de lura», «feixóns», «pebideiro», «chorima», «mexacán», «abeluria» ou «radiatori con salsa de perexil e anacardio». É para quedar pampos coas saborosas extravagancias da nosa lingua, patrimonio que Noemí leva como poucos á cociña para facer del receitas que alegran o bandullo.

A media laranxa neste caso es ti, está no gusto do teu padal para coñecer a lingua e entenderte con ela segundo a zona da que máis che veña a raíz. Ou como di esa frase típica de nai que o outro día usei ao mercar pan: «O que máis rabia che dea!». Parece que a expresión é igualiño de coloquial en castelán, pero a panadeira quedou como se vise o Lobishome... ou a Lobezno, se é que máis rabia che dá.

Saíndo da cociña que alimenta o corazón do intelecto e a memoria da lingua, é probable que che interese saber colocar ben o pronome átono, e manexarte co te e o che sen trapalladas. E, xa postos, coñecer o chatbot que resolve todas as dúbidas sobre verbos galegos ou saber os 250 erros galegos máis comúns que xa non vas cometer. Todo isto abren As chaves da lingua, isto e máis. Que queres xogar ás adiviñas de animais? Pois imos alá:

«Que cousa para adiviñar é

que, antes de selo, xa o é?».

A orixe dos nomes das cidades de Galicia agarda tamén online en As chaves da autora do Dicionario galego para boomers, que non ten nada contra o galenglish. Pero quen quere fake news? Aquí hai loias ou trolas, que non chegan tan lonxe e soan mellor.