«El diablo viste de Prada»: do azul cerúleo á sororidade

ESCUELA

Meryl Sreep interpreta a Miranda Priestly e Anne Hathaway a Andy Sachs en «El diablo vista de Prada».
Meryl Sreep interpreta a Miranda Priestly e Anne Hathaway a Andy Sachs en «El diablo vista de Prada».

«El diablo viste de Prada» cumpre 20 anos coa estrea da segunda parte en cines

25 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Azul cerúleo. Non fai falta dicir máis. E se fai falta, es dos que non viron El diablo viste de Prada. Ou a viches e non reparaches na cor. A vida é de cores (de ceras Manley!) e toda persoa pode identificarse, en esencia, cunha cor. Unha cor resolve o cadro. O azul cerúleo é unha lección.

Eu tampouco sabía que demo era ese azul... Ata que Amanda Priestly, a editora xefa da revista de moda ficticia Runway que ten atemorizada toda Nova York, e que Meryl Streep borda en El diablo viste de Prada, lle explica nunha secuencia memorable a Andy Sachs a relevancia da cor, varrendo con argumentos as fronteiras entre o importante e o trivial. Por que a arte da moda aínda incomoda? Que hai detrás de subestimar un azul?

O azul cerúleo é a cor da historia dun trío feminino espléndido con tacóns ou sen, unha reivindicación da moda e o feminino, das relacións persoais e laborais más alá do rosa e o molde común.

El diablo viste de Prada fixo odiosa a Amanda-Meryl amosándoa empoderada, enchéndoa de poder, esixencia e ambición. Por que non? A cuestión é se a muller que se empodera segue a ser o diaño ou non.

A película cumpre 20 anos cunha secuela máis que anunciada, con Meryl Streep, Anne Hathaway e a magnífica Emily Blunt, secundaria que vemos moi principal. O que non estará na segunda volta do filme sobre o inferno no ceo artificial do glamour e o luxo, que ten tela, é Nate (Adrian Grenier), o mozo de Andy. Nate é o home co que ela vai confrontando a súa ambición, amosando o desafío imposible da conciliación. Adrian hoxe, en realidade, é granxeiro! A ficción superou a realidade.

É machista o personaxe de Amanda-Meryl? Si. É feminista o de Adrian-Nate? Si. Son os meus puntos de vista. Porque El diablo viste de Prada o que fai é retorcer estereotipos para dicir que o feminismo non é a guerra de sexos, un darwinismo de xénero. O feminismo é unha cuestión de rebeldía fronte á diferenza de status, e é ao tempo unha forma de exercer o poder.

«As mulleres son frívolas», pensarán algúns sobre El diablo viste de Prada. A frivolidade sálvanos a homes e mulleres: partidos de fútbol, prensa rosa, xenial cháchara insubstancial.... A cuestión é o fondo da cuestión. El diablo viste de Prada anunciou a hiperconexión do mundo (vivir é traballar, atender o móbil ceando cos amigos ou cos fillos ou cos pais), todo o postureo da vida en rosa nas redes e unha sorte de sororidade nun contexto ben hostil para defender o feminismo, o da moda.

As mulleres de El diablo... elixen, cada unha o seu, e non hai mortos: é máis, triunfa o amor!

Non subestimes unha cor.