O 7 de marzo reivindícase a importancia destes grans na base da nosa nutrición
04 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Se vos falo de cereais, seguramente a primeira imaxe que se vos vén á cabeza é a dunha caixa rectangular con moitas cores, debuxos e nomes incluso en inglés, cuxo alimento botades na vosa cunca chea de leite polas mañás no almorzo. É dicir, alimentos elaborados con cereais e que adoitan estar enriquecidos con vitaminas e outras substancias. Pero hoxe imos falar dos cereais primixenios, aos que lles dedicamos o día mundial este sábado, 7 de marzo. Os grans que veñen da familia das gramíneas cun alto contido de vitaminas, minerais e hidratos de carbono. Os que nos dan a enerxía para xogar e traballar.
A razón pola que se celebra unha xornada específica é insistir na súa importancia na nutrición global e mais na seguridade alimentaria. Durante séculos, os cereais foron e seguen sendo a base da alimentación humana. Hoxe temos unha gran variedade dispoñible, dende os máis coñecidos, como o trigo, o arroz ou o millo, ata os menos populares, como o teff. Escoitastes falar deste tipo? Pode que dentro duns anos esteamos máis familiarizados con este gran, como pasou coa quinoa e co trigo sarraceno, que ata non moito apenas se falaba deles e agora convertéronse nun dos pseudocereais (algo así como os primos dos cereais) máis famosos.
Hai varias formas de clasificalos. Unha é en maiores e menores, outra, en con glute e sen glute... Por exemplo, os aptos para os celíacos son o trigo sarraceno, a quinoa ou o arroz. Pero se temos que facer unha listaxe dos dez cereais que máis consumimos, sería algo así: trigo, arroz, avea, cebada, millo, quinoa, centeo, amaranto, espelta e teff. A pesar das diferenzas na súa estrutura ou forma de medrar, comparten características fundamentais. Por exemplo, son a fonte principal de carbohidratos, e proporcionan a enerxía necesaria para o día a día. Achegan nutrientes claves: todos contan con vitaminas, minerais e fibra, sobre todo cando se consomen na súa versión integral.
Tamén son fáciles de producir a grande escala, o que os converte nunha opción económica; e os seus grans poden transformarse en fariñas ou consumirse cocidos.
Tradicionalmente foron a base da alimentación, algo que se explica polo seu baixo custo e a facilidade de almacenamento. Pero a inicios deste ano difundiuse unha nova pirámide alimentaria asociada ás guías nutricionais dos Estados Unidos na que se sitúan os cereais integrais como complementos (recomendando entre dúas e catro racións ao día) en lugar de na base. En cambio, dáselle prioridade á proteína, as froitas e verduras e mais as graxas. Din os expertos que aínda que isto podería interpretarse como unha recomendación implícita para evitalos, a evidencia científica segue apoiando o consumo moderado pola súa achega de fibra e micronutrientes. Así que xa sabedes, amais dos do almorzo, a comer cereais!
Podedes levar á clase diferentes grans de cereais, metelos nunha bolsa e, cos ollos pechados, intentar adiviñar de cal se trata. A ver cantos acertades!