Nas redes sociais: confirmas que tes 16 anos?

L. Cancela LA VOZ DE LA ESCUELA

ESCUELA

O Goberno de España está preparando unha lei que obrigue ás redes sociais a comprobar a idade dos usuarios.
O Goberno de España está preparando unha lei que obrigue ás redes sociais a comprobar a idade dos usuarios. Adam Vaughan. EFE

O Goberno traballa nunha lei que non permitirá o acceso a redes sociais ata unha ideade e culpará aos operadores se non o controlan

11 feb 2026 . Actualizado a las 09:51 h.

As redes sociais están no punto de mira unha vez máis. Nesta ocasión, porque o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, anunciou que o Goberno prohibirá o acceso de menores de 16 anos a elas. Fíxoo nunha Cume de Gobernos celebrada en Dubái.

A que se refire?

Tal e como o les, o plan do Goberno é que os mozos menores de 16 anos non poidan ter un perfil en redes sociais. De momento, non hai unha normativa clara. Simplemente, anunciou que están a traballar niso. Polo que tampouco entrou en vigor.

Pero, que supón realmente?

Non só implica poñer un límite de idade, senón tamén, que a medida obrigaría ás plataformas para comprobar esa idade. É dicir, hoxe en día, as plataformas tamén nos piden unha idade mínima. Só que moita xente minte nela.

Por que dixo isto España?

Esta idea nace dun certo consenso social. É máis, a Sociedade Española de Psiquiatría mantivo reunións cos partidos políticos do noso país pedíndoa, porque, segundo estes especialistas, o efecto das redes sociais na saúde mental dos mozos é moi daniño. E, precisamente, segundo declarou Pedro Sánchez, o obxectivo é protexer aos menores nunha contorna dixital que considera cada vez máis agresiva, reducir a difusión de mensaxes de odio e frear a polarización que se xera en redes. De feito, a intención tamén é esixir ás plataformas que teñan máis responsabilidade sobre o contido que aloxan as súas redes sociais, como os insultos, e tamén sobre como determinados algoritmos amplifican unhas mensaxes ou outros.

Algoritmos?

Si. As redes sociais teñen un sistema de funcionamento de maneira que aprenden que cousas nos gustan e as ensinan todo o tempo para que esteamos máis tempo conectados. A iso refírese.

Que pasaría se xa teño unha conta?

Aquí empezan as dúbidas. Todo apunta a que as plataformas terían que volver verificar a idade dos seus usuarios, non só dos novos. Iso podería traducirse en bloqueos temporais e, nalgúns casos, no peche de contas se non se supera o control de idade.

Afectará a todas as redes sociais?

Non se sabe. Dependerá moito de como se defina que é unha rede social e cales entran na prohibición. Aínda que pareza unha cousa sinxela, non o é tanto. Noutros países, distínguese entre redes sociais e servizos máis orientados á mensaxería ou a usos educativos, pero en España aínda non se aclarou se aplicacións como WhatsApp, Telegram ou Discord quedarían dentro ou fóra. Para moitos menores, estas ferramentas son a súa principal vía de comunicación diaria. Sería lóxico quedar sen elas ou evitaríase por exemplo o acoso?

Cando entraría en vigor?

Non a curto prazo. De momento é un anuncio político que debe transformarse nunha lei, debaterse no Congreso e desenvolverse tecnicamente. Neste momento, hai máis preguntas que respostas e moitos detalles clave seguen sen concretarse.

Australia foi pioneira na prohibición en decembro

España non é o primeiro país en querer tomar unha decisión así. Australia foi pioneira mundial ao facelo en decembro, cando a norma Online Safety Amendment (Social Media Minimum Age) entrou en vigor. Esta lei prohibe aos menores de 16 anos ter contas en redes sociais como TikTok, Instagram, Facebook, Snapchat, X ou YouTube. A súa formula baséase en multar as empresas tecnolóxicas que non establezan ben as medidas. Como o fan? Segundo explican, estiman a idade do usuario a partir de datos xa existentes ou rexistros biométricos dos seus trazos faciais ou a súa voz, e a verificación desta con documentos oficiais. Ata o momento, bloquearon case dous millóns de contas. Como é lóxico, os menores poden seguir visitando contidos das redes sociais sen iniciar sesión, pero facelo desta forma xa reduce a probabilidade de que entren en contacto con determinados mecanismos considerados daniños, como os sistemas algorítmicos que reforzan o consumo intensivo de contidos. Cómpre saber que alí a lei non afecta a aplicacións de mensaxería como WhatsApp, plataformas de videoxogos en liña, servizos vinculados ao desenvolvemento profesional ou redes de carácter laboral, nin a ferramentas orientadas á educación e ao apoio en materia de saúde.

En Europa

Na nosa contorna hai varios países que queren facer o mesmo ou ir por un camiño parecido. O Goberno francés está a preparar unha lei que prohibiría o acceso a redes sociais a menores de 15 anos e estendería un veto ao uso de móbiles en certas escolas. Pola súa banda, Portugal avanzou nun proxecto de lei que limita o acceso de menores a redes sociais. Valora prohibirlles o uso a menores de 13 anos e permitirllo entre os 13 e os 16 só con autorización dos pais verificada dixitalmente. E a lista continúa con Grecia, Eslovenia ou Dinamarca, onde tamén se fala de restrinxir por idade.

Actividade básica

Non permitidas

Pensade nos lugares que vemos na rúa. Un bar, unha discoteca, un parque ou un coche, entre outros. Son lugares para nenos? Quen impón a idade mínima para pasar? Como se parece a prohibición das redes?

-------------------

As actividades están deseñadas por L. Cancela

Pode haber un equilibrio? Os riscos do mundo en liña

Un menor envía mensaxes en Whatsapp. Imaxe de arquivo.
Un menor envía mensaxes en Whatsapp. Imaxe de arquivo. MARTINA MISER

Moitos críticos coas plataformas sociais destacan a influencia que poden ter na saúde mental dos mozos e os perigos que supoñen

É innegable que as redes sociais forman parte do día a día de moitos adolescentes, pero existen riscos que convén coñecer para evitalos. Por exemplo, algúns estudos viron que pasar máis de tres horas ao día nelas aumenta o risco de experimentar ansiedade, depresión ou outros problemas de saúde mental. Tamén poden influír de maneira negativa na percepción que os mozos teñen do seu corpo. Máis alá, o uso excesivo de redes sociais pode afectar ao soño e á atención, porque usar o móbil pola noite ou simplemente estar pendente das notificacións pode alterar os patróns de descanso, o que aumenta a probabilidade de irritabilidade, ansiedade e dificultades para concentrarse. Ademais, dedicar demasiado tempo ás redes resta horas a outras actividades importantes, como a práctica deportiva ou o estudo. Desde logo, estes perigos tamén existen para o adulto. O problema é que o cerebro adolescente aínda non está completamente desenvolvido, especialmente se falamos das áreas que regulan as emocións e a toma de decisións. Isto fai que os mozos sexan máis sensibles á presión social. Por non falar de que aqueles que xa teñan problemas de saúde mental previos poden ser especialmente vulnerables.

Con todo, aquí non importa só a saúde. As redes tamén poden expoñer os mozos a contidos perigosos ou inadecuados, como violencia, pornografía ou desafíos que poñen en risco a súa perspectiva da realidade e as súas expectativas da vida.

Os algoritmos poden amplificar rapidamente estes contidos, e ás veces os sistemas de moderación non os eliminan a tempo, aumentando a probabilidade de que os adolescentes estean expostos a información prexudicial e non apta para a súa idade.

Vemos os riscos nos datos. Segundo un informe publicado esta mesma semana polo Ministerio de Sanidad, un de cada catro estudantes españois de 14 a 18 anos apostaron cartos en internet no 2025. E, segundo a enquisa sobre uso de drogas en ensinos secundarios en España, case un de cada cinco ten dependencia dixital. Mira ao teu arredor con atención: ves algún caso preocupante?

Conectarse ou aprender matemáticas. Os beneficios das redes

Aínda que as redes sociais presentan riscos para a saúde mental, tamén teñen efectos positivos que non se poden ignorar. Para moitos mozos, estas plataformas son unha ferramenta clave para manter relacións con amigos e familiares, especialmente cando non é fácil verse en persoa. Permiten compartir intereses, experiencias e logros, o que pode reforzar a sensación de pertenza e apoio social. Tamén poden ser un espazo para aprender e descubrir novos temas. Moitos adolescentes acceden a información sobre ciencia, arte, deportes ou tecnoloxía, participan en comunidades que comparten as súas afeccións e reciben recomendacións que fomentan a creatividade. Por exemplo, plataformas como YouTube, TikTok ou Instagram ofrecen titoriais, consellos prácticos e contidos educativos que complementan o que se aprende na escola. Ademais, as redes poden servir de apoio emocional. Algúns adolescentes atopan nelas comunidades de persoas que enfrontan problemas similares.

Por todas estas razóns, moitos expertos e familias consideran que as redes sociais non teñen que ser demonizadas. Hai quen pensa que se debe controlar o seu uso e ver para que idades son seguras, e outras apostan pola educación para que os rapaces sexan quen de regularse e evitar condutas de risco no mundo virtual.

Actividade media

As diferentes formas de acoso

Propoñede situacións como reenviar un «meme» dun compañeiro sen o seu permiso, crear unha conta falsa ou deixar comentarios anónimos nunha publicación. Pode haber máis. Despois explicade se vos parecen acoso ou non, e por que.

ENTENDER

Prohibir ou ensinar? Esa é a cuestión

  • O debate neste tema é: debe ser unha prohibición a que limite a presenza de mozos en redes sociais ou debe ser cuestión de educación e liberdade para que cada un faga o que queira?
  • Imos ver exemplos. No ano 2000, en España fumaba moita xente. No 2005, o Goberno aprobou a lei antitabaco, coa que impediu fumar en interiores, e nese momento foi moi criticada Pero o tempo deulle a razón: a lei limitou o consumo de tabaco, axudou a moitos a deixar o hábito e liberou as persoas (sobre todo, os traballadores da hostalería) de ser fumadores pasivos. Podemos dicir que a prohibición tivo un efecto positivo.
  • Pero temos outro. En España, o alcol está prohibido para os menores de idade e moi limitado para os maiores se queren conducir. Pero, segundo a enquisa Estudes, hai menores que recoñecen que o probaron e condutores con taxas altas de alcol. Pode a educación mellorar estas situacións?

PROFUNDAR

A tecnoligarquía, unha nova forma de exercer o poder que nace do mundo dixital

  • Nos últimos anos, algunhas das empresas tecnolóxicas máis grandes do mundo conseguiron un nivel de influencia que vai máis aló da simple oferta de servizos dixitais. Compañías como Google, Amazon, Meta (dona de Facebook e Instagram), Apple ou Microsoft controlan plataformas e tecnoloxías que usamos todos os días: desde motores de procura e redes sociais ata sistemas operativos, aplicacións, servizos na nube e dispositivos móbiles.
  • Esta dimensión fixo que acumulen unha enorme cantidade de poder económico, social e político, algo que empezou a espertar preocupación tanto en Gobernos como en organismos internacionais.
  • Agora fálase de tecnoligarcas. Que significa esta termo? Refírese ás persoas que, grazas ao seu dominio sobre plataformas tecnolóxicas esenciais, concentran un poder enorme sobre a información, a economía dixital e, en moitos casos, sobre a vida social de millóns de persoas. Non se trata só de ser moi rico ou famoso, senón de controlar. Isto outórgalles unha grande influencia no poder político.
  • Un dos aspectos nos que pode entenderse a súa influencia son os algoritmos. Isto ten un impacto nas nosas opinións, prioridades e ata no que cremos que é importante. De feito, pode crear cámaras de eco (espazos onde só vemos contidos que confirman as nosas ideas) e mesmo facilitar a difusión de desinformación ou polarización social. De que forma observades que pasa?

Actividade avanzada

De quen son as redes sociais que usas?

En clase, compartide que aplicacións ou redes sociais coñecedes ou utilizades. Despois, investigade a quen pertencen, onde está a empresa e a que intereses pode responder. Vedes de que forma actúa o algoritmo nelas?