«Los cuatro fantásticos» da adolescencia

ESCUELA

«Los cuatro fantásticos» se ha estrenado hace unos días en Disney+
«Los cuatro fantásticos» se ha estrenado hace unos días en Disney+ Internet

Os rapaces teñen superpoderes, algúns están dentro da súa cabeza, outros implican aos seus pais...

21 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Que fantástico é ser adolescente! Agora, claro, cando todo pasou para min, os grans e as vergonzas, e esa metamorfose con mais SuperPop e Agatha Christie que Kafka quedou atrás, onde «habite el olvido», como escribiu un poeta que me marcou aí aos 16, cando eu só quería saír da cama para voar, como Sue e Johnny Storm.

O sábado vimos en familia Los cuatro fantásticos, a superestrea da Marvel (Disney+) e atordounos tanto co estrondo dos seus efectos e o poder voraz de Galactus que pouco máis comezar a peli quedamos... durmidos! Esta familia que somos ten uns poderes incribles para a sesta en pack. A hiperestimulacion é un síntoma do relax. Será o efecto de andar pasados de rosca. Como cando os bebés choran coa nana e dormen nun minuto se pos o aspirador. Algo así. Pecho un ollo pensando que son Sue Storm ou, se o prefires, Mujer Tormenta, máis ou menos como toda nai pasadas as oito da tarde! Ou cando as fillas marchan sen os calcetíns para baloncesto e arriscan as unllas do pé para xogar.

A adolescencia si que é un Los cuatro fantásticos marabillosa e por veces desesperadamente real.

Agora que me fago pasar por adulta observo o furacán dende a butaca, como as señoras que van á ópera a soñar e choran da emoción. A adolescencia aos 48 anos parece unha canción do vello Julio Iglesias no Spotify.

A adolescencia verdadeira, a que se parece a Los cuatro fantásticos ten poderes especiais. É algo cerebral, din os expertos. É invulnerable ás leis dos adultos e aos seus códigos de circulación xeral. O adolescente é invisible para os pais como Sue Storm e ten a súa voltaxe emocional. É tan épico e valente como incapaz de botarse atrás ante a aventura como Antorcha Humana, ou Johnny Storm. Puro lume cando paga a pena a historia! Sen eses fachos estariamos na definitiva extinción do humano. O adolescente é capaz de dalo todo pola familia, non a da casa, a familia que crea cos amigos. Non é un poder especial? Os adolescentes tamén son penedos, rochas, La Cosa. Pelouros, dicía a miña nai. Quen fora pelouriño na illa atlántica do amor maternal. Os adolescentes son máis que Los cuatro fantásticos. Pero non sempre saben usar os seus poderes especiais. Aí entran os pais!