Política internacional: Estados Unidos goberna Venezuela

L. Cancela

ESCUELA

Un motorista pasa por un mural cunha bandeira de Venezuela.
Un motorista pasa por un mural cunha bandeira de Venezuela. Maxwell Briceno | REUTERS

Donald Trump cambiou o taboleiro internacional coa intervención das forzas estadounidenses no país de América Latina

16 ene 2026 . Actualizado a las 11:00 h.

O sábado 3 de xaneiro, de madrugada, sucedeu a que pode ser unha das noticias máis importantes do 2026: Estados Unidos lanzou unha operación militar en Venezuela e capturou ao seu presidente, Nicolás Maduro, e á súa esposa, Cilia Flores, para quitalo do poder. Washington dixo que foi unha acción contra o «crime e o narcotráfico», pero para moitos países foi un ataque unilateral que viola as normas internacionais, un episodio de imperialismo, económico neste caso.

Que pasou?

Na madrugada, forzas estadounidenses irromperon en Caracas, a capital de Venezuela, nunha operación militar sorpresa. Primeiro, Estados Unidos cortou a electricidade e internet na cidade, e lanzou ataques aéreos en zonas estratéxicas. Un equipo militar de elite descendeu de helicópteros e capturou no seu búnker a Maduro e á súa esposa, que foron trasladados a Estados Unidos para enfrontar cargos xudiciais. Venezuela denuncia que se tratou dun ataque e secuestro ilegal, realizado sen mandato internacional e sen o visto bo do Congreso (Parlamento) de Estados Unidos.

Quen é Nicolás Maduro?

Falamos del en novembro. Seguro que lembras que Nicolás Maduro era o presidente de Venezuela desde o 2013, tras a morte de Hugo Chávez. Antes fora ministro de Relacións Exteriores.

É un ditador?

Maduro non é considerado presidente lexítimo por varios gobernos e organismos internacionais, incluída a Unión Europea, porque non ensina os datos das últimas votacións populares, e ademais tortura e encarcera aos opositores políticos.

Por que EE. UU. interveu?

Donald Trump, presidente de Estados Unidos, deixou claro que o motivo é o control do petróleo venezolano, que ten a maior reserva do mundo.

Que supón esta intervención?

Esta operación ten consecuencias profundas. Desde a perspectiva legal e internacional, viola o dereito internacional, porque ningún país pode invadir outro sen mandato de organismos como a ONU. Desde o punto de vista da política, aumenta a tensión entre Estados Unidos e potencias como Rusia, China e Irán, xa que eran aliados de Venezuela. Ademais, lexitima que o poder se impoña usando a forza e non pola negociación. Por último, desde o punto de vista económico supón «un roubo» dos recursos económicos dun país para outro, porque Trump recalcou moitas veces que o petróleo vai ir directamente aos EE. UU., que eles explotarán os pozos que ten Venezuela e que serán as grandes empresas petrolíferas as beneficiarias directas.

Quen goberna en Venezuela?

A vicepresidenta de Maduro, Delcy Rodríguez, asumiu o papel de presidenta do país e, segundo Trump, comprometeuse a facer todo o que EE. UU. queira (se non o fai, Trump dixo que tería peor final que Maduro). O que deixou tamén claro Trump é que non haberá eleccións ni democracia en Venezuela durante meses e, mesmo, anos.

De heroe á totalitario

Como chegou Venezuela a esta situación política? A realidade é moi complexa, pero podemos destacar estas datas:

  • 1992. Nun país con moitísima corrupción e desigualdades, un militar dá un fallido golpe de Estado (tomar o poder pola forza militar). Se chama Hugo Chávez, e dá nome ao chavismo.
  • 1994. Chávez foi indultado e comeza a súa campaña política.
  • 1998. Chávez gaña as eleccións presidenciais co 56 % dos votos.
  • 1999. Nun referendo (votación da xente) apróbase unha nova Constitución. O texto é democrático pero supuxo máis poder para o presidente e rebaixou o do Parlamento (Asamblea Nacional). 
  • 2002. Un golpe de Estado aparta a Chávez do poder, pero só por 48 horas (os militares e a xente nas rúas apoiárono).
  • 2004. Chávez gaña o referendo revocatorio presidencial (pode seguir no poder) pero xa hai acusacións de fraude.
  • 2013. Morre Chávez, vítima dun cancro, e Nicolás Maduro asume o cargo nunhas eleccións contra Henrique Capriles, que denunciou irregularidades.
  • 2015. A oposición obtén a maioría do Parlamento (Asamblea Nacional) e Maduro convoca unha Asamblea Nacional Constituínte (non recoñecida pola oposición e parte da comunidade internacional).
  • 2018. Maduro é reelixido nuns comicios cuestionados.
  • 2019. Juan Guaidó proclámase «presidente interino» por a suposta ilexitimidade de Maduro.
  • 2023. A oposición reagrúpase en torno María Corina Machado, inhabilitada polo Goberno para presentarse ás eleccións.
  • 2024. En vez de Machado, preséntase ás eleccións pola oposición Edmundo González, e segundo os observadores internacionais, as gañou. Maduro dixo que as gañara el, pero non presentou as actas que o xustificaban. A comunidade internacional lle di que abandone o poder.
  • 2024. As protestas aumentan e hai máis de 20 mortos e miles de detidos. España acolle na embaixada a Edmundo González, que sae do país ata España, e Corina Machado escóndese.

Actividade básica

O erro de Trump

O Goberno de Nicolás Maduro era malo para Venezuela, pero Donald Trump utilizou a forza como solución. De que forma pensades que Estados Unidos puido cometer un erro?

-------------------

As actividades están deseñadas por L. Cancela

Xeopolítica estadounidense: obxectivo, Groenlandia

Europa propuxo aumentar a defensa da illa para tranquilizar ao Goberno de Donald Trump

A captura do presidente venezolano Nicolás Maduro por parte de Estados Unidos non só afecta a Venezuela, senón que puxo sobre a mesa o interese de Washington por varios países, especialmente, Groenlandia. O xiro cara a illa xeada non é improvisado. Donald Trump xa mostrou o seu interese neste territorio no seu primeiro mandato. De feito, no 2019 cancelou unha viaxe que tiña previsto a Copenhague porque a primeira ministra danesa, Mette Frederiksen, non estaba disposta a debater unha posible venda de Groenlandia. E neste segundo mandato, a obsesión non fixo máis que crecer.

Que é Groenlandia?

Groenlandia estivo baixo administración colonial de Dinamarca desde o século XVIII ata 1953, ano no que deixou de ser unha colonia e pasou a integrarse oficialmente no Reino de Dinamarca tras a aprobación dunha nova Constitución. En 1979, a illa adquiriu un estatus de autonomía, o que lle permitiu xestionar parte dos seus asuntos internos, aínda que seguiu vinculada ao Estado danés. Ese autogoberno ampliouse no 2009, cando obtivo máis competencias. Aínda así, áreas fundamentais como a defensa, a política exterior e o sistema monetario continúan baixo control de Copenhague, e os habitantes de Groenlandia manteñen a nacionalidade danesa. Isto é importante, porque Dinamarca é membro fundador da OTAN, do mesmo xeito que Estados Unidos, e Groenlandia queda incluída dentro desa estrutura de defensa colectiva. Iso si, a diferenza de Dinamarca, a illa non forma parte da Unión Europea.

A orixe do interese

Estados Unidos leva anos observando como o cambio climático está a transformar o Ártico nunha rexión central para o comercio, a enerxía e a seguridade global. O desxeo abre novos roteiros marítimos que fan máis curtos as viaxes entre América e China, evitando zonas que antes eran complicadas ou controladas por outros países (como o Golfo Pérsico). Un deles é o Roteiro da Seda Polar, e podería cambiar o comercio internacional nas próximas décadas, porque os expertos calculan que para mediados do século XXI o Ártico será navegable regularmente en augas internacionais, o que reduciría a importancia do Roteiro do Mar do Norte, actualmente dominada por Rusia.

As grandes potencias mundiais son conscientes destes datos. Por iso, Rusia reforzou a súa presenza no Ártico. É un dos poucos lugares onde Estados Unidos aínda non é dominante e porque parte da súa economía depende desta rexión. Ademais, China está a investir moito en infraestruturas e proxectos enerxéticos, como a extracción e exportación de gas natural, polo potencial económico da zona. Estes dous países son os competidores pola hexemonía do mundo contra EE. UU.

Neste contexto, Groenlandia converteuse na peza máis cobizada do Ártico. A súa localización permite vixiar o tráfico marítimo, as comunicacións e os movementos militares na rexión. A illa ten minerais e recursos enerxéticos, como gas, petróleo, litio, níquel, cobre, zinc, ouro e terras raras. Donald Trump considera que Groenlandia é crave para a súa seguridade e a súa economía.

Pola súa banda, os líderes doutros países de Europa, entre eles España, Francia, Alemaña, Italia ou o Reino Unido, asinaron unha declaración en defensa da súa soberanía: «Groenlandia pertence ao seu pobo. Corresponde unicamente a Dinamarca e a Groenlandia decidir sobre os asuntos que concirnen a Dinamarca e Groenlandia», reza o texto, no que se deixa claro que o Ártico «segue sendo unha prioridade crave para Europa». Tamén lembran que Estados Unidos non é o único socio da OTAN que investiu no seu defensa: «Aumentamos a nosa presenza, actividades e investimentos para manter o Ártico seguro e disuadir aos adversarios». Ademais, os partidos políticos de Groenlandia tamén deixaron claro que non queren pertencer a Estados Unidos. «Como dirixentes dos partidos políticos de Groenlandia, de novo subliñamos a nosa posición firme: que o desprezo de Estados Unidos polo noso país debe terminar». Desta forma, respondían as declaracións que antes pronunciou Trump: «Gustaríame chegar a un acordo, xa saben, polas boas. Pero se non o facemos polas boas, farémolo polas malas». Co obxectivo de reducir a preocupación dos Estados Unidos, Europa propuxo un plan de protección da illa por se ocorrese unha acción de Rusia ou China.

En Iberoamérica

O presidente dos Estados Unidos tamén falou da posibilidade de intervir noutros territorios de Iberoamérica. Sinalou directamente a Colombia, México e Cuba. Sobre o primeiro, dixo que o seu presidente, Gustavo Petro, estaba vinculado co narcotráfico. Aínda que, logo dunha chamada, a situación tranquilizouse. Sobre Cuba dixo que estaba a piques de colapsar, e sobre México, que a súa presidenta non sabía facerlle fronte ao problema do narcotráfico.

Actividade media

Que teñen en común?

Groenlandia, México, Colombia ou Cuba. Observa a súa localización nun mapa. Investiga sobre a forma de goberno que teñen e as declaracións que fixo Donald Trump sobre cada país. Que poden ter en común para que sexan obxectivos?

ENTENDER

Que se pode facer cun réxime totalitario

  • En Venezuela, varios mediadores internacionais tentaron resolver a crise de maneira pacífica, pero Nicolás Madurou negouse a abandonar o poder. Acabar cunha ditadura sen violar o dereito internacional é un desafío complexo, e o caso de Venezuela ilústrao claramente.
  • As alternativas pacíficas na transición cara a unha democracia son esenciais. A coordinación internacional con sancións diplomáticas e o apoio a institucións democráticas aumenta o desgaste da ditadura sen chegar á guerra.

PROFUNDAR

Responder á forza con diplomacia ten un límite

  • As nacións deben relacionarse pacificamente se queren ter unha historia de prosperidade. Unha guerra entre Estados ten un custo altísimo en vidas humanas, ruína material e colapso económico. A diplomacia permite limar asperezas e problemas con negociación e o compromiso, pero, que pasa cando non é suficiente?
  • Co anuncio de Estados Unidos de querer quedarse con Grenlandia, que pode facer a Unión Europea? Ten que negociar a Unión cos Estados Unidos sen tomar ningunha medida de forza?
  • Dar o salto fóra da diplomacia é moi perigoso, porque se inicia unha escalada que ninguén sabe como rematará. Neste caso, unha relación de amizade centenaria non pode botarse ao lixo porque un presidente non saiba calar a boca. Entón, só nos queda aguantar?
  • Europa dispón de moito poderío económico. Hai expertos que din que o recente acordo da UE co Mercosur (América do Sur) prexudica a EE. UU.; negociar con China, inimigo de Trump, tamén; ou fomentar o uso doutras moedas distintas do dólar (que é de EE. UU.) para as transaccións comerciais. Isto pode lembrar a Trump que sempre é mellor negociar que pelexar.