O detective que é un furor no Reino Unido agocha algo e repudia o xerundio de continuidade
03 dic 2025 . Actualizado a las 15:40 h.«Se non tes nada bo que dicir, xa sabes... Senta aquí comigo e conta!». Así de lercha é a xornalista que anda a botar a cana aos testemuños no segundo dos casos que afronta o misterioso libreiro que resolve crimes coa capacidade de observación e dedución de Sherlock Holmes. Pero hai unha calidade en que Gabriel Book supera ao sabuxo que lle deu a gloria a Conan Doyle: a empatía. E outra máis: a extravagancia.
É de nota (sobresaínte!) o aspecto deste home culto e sagaz que interpreta Mark Gatiss na serie que chegou a Filmin coa coartada de ser un fenómeno no Reino Unido. Tamén merece unha alta cualificación o ton, o guión, o deseño dos personaxes e, sobre todo, o «fondo de armario» literario, cinematográfico e lingüístico da serie que este friki ilustrado protagoniza con boa letra.
Bookish é unha serie para eses que son de divertirse xogando ás adiviñanzas con crimes macabros, affaires e escándalos rosa polo medio, algunha lección e moitas, e vibrantes, paixóns humanas.
Gabriel Book é un libreiro nada elemental, que agocha gato. Ten unha esposa á súa bola e un can marrón detectivesco, digno herdeiro do sabuxo dos Baskerville. Non sabemos o pasado do señor ‘Libro’, só que fala de «antes da guerra». Book nunca sabe onde ten cada libro. Ou isto pareceríalle a un cliente non habitual de Book’s. Si, con apóstrofo. Apóstrofo, non *apóstrofe, o que non só é unha confusión bastante común, senón tamén un erro na serie! Xa ves que, de paso, fixen o meu propio labor de correctora.
Ollo á orde cósmica particular que ten Book en Book’s, é dicir, o señor ‘Libro’ na súa libraría, e ás suxestións, sen desperdicio, como libreiro. É capaz de recomendar a Georgette Heyer, escritora de novelas históricas románticas e policiais que moitos pasan por alto, e de receitar a unha clienta cun esposo terriblemente mediocre Casa de muñecas, de Ibsen. Anel ao dedo. Isto é o que é un libro ben recomendado: anel ao dedo, compromiso natural. De lei.
En Bookish vas resolver máis dun crime se es sagaz, pero no medio das tramas criminais vas coñecer un pouco de historia, lúcidas reflexións, máis dun detalle que fará as clases de lingua e toda a súa morfoloxía máis doada.
Sabes cal é o enigma clásico do asasino, o primeiro de todos? E quen dixo iso de «Só se vive unha vez, pero se o fas ben, é suficiente»? Non, non foi Shakespeare!
A trama está tamén na historia de cada un dos personaxes, todos de primeira fila, desta delicia para mentes que non quedan no elemental. Le entre liñas. Sempre. Dime..., quen é o señor Book? Cal é o seu caso principal?