«El club del crimen de los jueves», un Cluedo para ver

ESCUELA

Elenco estelar de «El club del crimen de los jueves».
Elenco estelar de «El club del crimen de los jueves». Internet

Ser xubilado axuda a resolver crimes. Aquí tes coartada para escapar dos empachos do Nadal xogando aos detectives e pillando refererencias de cine e literatura. «A dama de branco» de qué autor ven? 

26 nov 2025 . Actualizado a las 16:31 h.

«É un crime facerse maior», penso, «o asasino é o tempo!». Ata que volvo ver El club del crimen de los jueves con Helen Mirren, a raíña, e Pierce Brosnan, 007, no seu máximo esplendor. A peli, que máis dun fan dos misterios de Agatha Christie converteriamos en serie vendo o bum do xénero que chaman cozy crime (unha árbore da ciencia da novela policial) permite escapar do empacho do Nadal que chega co Advento, antes de Noiteboa e a tan desexada como arrepiante xuntanza familiar.

Agora os Cluedo non só son xogos para tomar o salón e botarse a adiviñar toda a tarde se foi Amapola, coronel Rubio, Prado ou señorita Celeste quen cometeu o crime coa ferramenta no salón de baile. O Cluedo lese e vese na televisión á carta cun elenco estelar, unha ambientación que nos fai soñar coma ilusos coa xubilación, gusto no guión, unha pastelería de avoa que podería inspirar aos MasterChef ou a Rosalía para mellorar a súa torta viral, toques de humor e... numerosas chiscadelas para o máis Sherlock Holmes da observación, para eses lectores e espectadores que non se deixan distraer con facilidade dos detalles en verdade relevantes do caso en cuestión.

A dama de branco, de Wilkie Collins, é unha das primeiras referencias para aqueles que queiran levar a cabo a súa propia investigación paralela. Como fan os avós da marabillosa Cooper’s Chase, esa comunidade de retiro recóndita que fai pensar nun cohousing de luxo. Pero non para poñerse a durmir, senón para saborear estrañas ocupacións que son para a cabeza un gym mental, exercicio de certo pracer.

El Club del crimen de los jueves é novela, serie de novelas, antes que peli. Creouno o escritor Richard Osman, que con este club sénior de rebeldes con graza converteuse no autor da terceira novela máis vendida de toda a historia do Reino Unido. Elizabeth é unha ex espía; Ron, un ex líder sindical; Ibrahim, psiquiatra retirado; e Joyce enfermeira reposteira e a máis recente incorporación dun club que vén ser o dos Cinco de Blyton 70 anos despois. O tempo pasa por todos... Elemental.

Ás tardes infinitas de domingo familiar sen partido, bótalles clubs de cozy crime con galletas de xenxibre ou bica.

Cambio true crime perturbador por máis aventuras dun club dos juernes que nos pon a investigar como eses nenos curiosos que, por máis que pasen os anos, nunca xamais deixamos de ser.