O investigador de Aerolab falou con rapaces en Ourense
02 dic 2025 . Actualizado a las 21:20 h.Arranca unha nova edición do programa De 0 a 100 que La Voz leva a cabo en colaboración coa Consellería de Educación, centrado na ciencia e na tecnoloxía. A primeira parada deste ano foi o IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, centro no que estudou no seu día Higinio González, investigador principal de Aerolab, depende da Universidade de Vigo. Un físico de formación que, tal como comentou aos alí presentes, acabou dedicándose ao aire. «Estou no sitio que quero, facendo o que máis me gusta, e estou disposto a seguir traballando nisto ata a xubilación», avanzou con emoción.
O grupo de investigación liderado por González realiza, dende Ourense, estudos relacionados coas aeronaves non tripuladas, coñecidas popularmente como drons. «Os centros investigadores tentamos que o que hai uns anos parecía ciencia ficción, como pode ser gravar tomas aéreas en producións audiovisuais ou que un robot limpe a nosa casa, acabe converténdose nunha realidade», explicou aos catorce rapaces que estudan StemBach (bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía) no centro ourensán. O tamén director do Instituto de Física e Ciencia Aeroespacial (Ifcae) remarcou que «o dron democratizou o acceso ao aire» e puxo algúns exemplos nos que o seu propio equipo está a traballar.
Naves que limpan cristais
Un dos proxectos máis recentes nos que participa Aerolab é un que se chama Radiance, que se realiza a nivel europeo pero se coordina dende Galicia. O seu obxectivo é desenvolver solucións con robots para inspeccionar, reparar e illar fachadas. «Hai unha necesidade moi grande de profesionais na construción. É un sector pouco dixitalizado, con traballos verticais e en altura, de moito risco». Así, ata agosto do 2029 estudarán como os drons e os exoesqueletos poden axudar a reparar e construír máis e mellores vivendas.
Outros estudos que se están levando a cabo no campus ourensán empregan estas naves non tripuladas para chegar a escenarios de difícil acceso, como catástrofes naturais ou incendios. Tamén para manter infraestruturas en ámbitos hostís, como parques eólicos mariños. «Ao final, os drons poden asumir un risco que as naves tripuladas (por persoas) non poden asumir», apuntou. Nun futuro, grazas á xeolocalización dos nosos móbiles, incluso poderían utilizarse para transportar medicamentos ou produtos esenciais en casos de emerxencias a aldeas de difícil acceso.
Froito de todo este traballo, Aerolab recibiu recentemente o Premio Espacio da Fundación Enaire, grazas a un proxecto que pretende localizar e eliminar residuos no espazo, un problema que vai en aumento. «Estamos nunha era na que existen moitos satélites orbitando. Estes teñen un tempo de vida e cando se esgota, deixan de estar operativos se converten en lixo espacial», comentou González. Así, grazas ao uso da intelixencia artificial, son capaces de localizalos e eliminalos. «Empregando unha metáfora, viría a ser unha especie de camión do lixo que vai recollendo os restos».
Os presentes interesáronse polos códigos de programación que se manexan neste campo. «É importante saber programar pero xa non o é tanto saber moitos linguaxes de programación». A razón ten nome: a intelixencia artificial. «Aínda que IA exista, e nos axude á hora de realizar código, iso non quere dicir que non teñamos que seguir formando as nosas estruturas mentais para conseguir á finalidade que os humanos decidamos», matizou.