Uns universitarios da China decidiron festexar o anti San Valentín nos anos noventa
12 nov 2025 . Actualizado a las 09:25 h.Para falar sobre a orixe do día mundial do solteiro —que é o tema protagonista de hoxe— temos que viaxar ata a China, aínda que xa se estendeu por todo o mundo. O 11 de novembro comezou a celebrarse polo orgullo de ser solteiro e rematou evolucionando ata unha das xornadas máis importantes do comercio online. Daquela, nos seus inicios, tamén se coñecía como o dobre once, por celebrarse o 11/11, nunha xornada que buscaba reducir os niveis de estrés nunha sociedade como a chinesa, onde o matrimonio é moi importante. Sobre todo para os homes, porque alí hai moitos máis rapaces que rapazas, polo que casar pode ser difícil nalgúns casos. Estímase que hoxe en día hai 30 millóns máis de solteiros que solteiras na China.
Isto non está relacionado directamente coa efeméride que celebramos hoxe, pero cóntovolo como anécdota para que poidades entender mellor o que significa nese país o matrimonio, un paso imprescindible nas súas vidas. E é que hai unha tradición, chamada parques matrimoniais, segundo a cal os pais (sobre todo as nais) van na busca dunha parella para os seus fillos. Ocorre cada fin de semana en miles de parques, onde os pais intercambian datos dos fillos para buscarlles moza. Se os requisitos dunha parte e da outra coinciden, organizan unha cita para que se coñezan. Pode parecer algo anticuado, pero... aínda hoxe segue pasando.
Pero o día do solteiro converteuse co paso do tempo nunha cita para avivar o consumismo na que as empresas lanzan grandes ofertas. Moi lonxe da intención que no ano 1993 poñía a andar a Universidade de Nankín, que non era outra que menosprezar dalgún xeito o día dos namorados, o San Valentín. Comezou como unha broma e un grupo de amigos decidiron facerse regalos para celebrar a súa solteiría. Pouco a pouco, o resto das facultades do país comezaron a seguir o exemplo. Reivindicar o amor propio nunha sociedade que lle dá tanta importancia ao matrimonio... foi un acto de rebeldía. Agora é a festa máis consumista de toda Asia, a que dá paso ao Black Friday, que é o último venres deste mes.
Se tivésedes que pensar nun regalo para que o voso compañeiro celebrase o seu amor propio, que lle dariades? Non tedes por que compralo!