Logo das guerras, os países traballaron xuntos para mellorar a de vida dos cidadáns
05 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Onte celebramos unha das primeiras xornadas que se proclamaron no núcleo da Organización das Nacións Unidas. É o día da ONU para a educación, a ciencia e máis a cultura (en inglés, United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization). O día da Unesco.
Trátase dun organismo especializado das Nacións Unidas que ten como compromiso mellorar a calidade de vida de persoas como vós, buscando a paz a través da cooperación internacional nestes ámbitos dos que falabamos da educación, a cultura, a ciencia e tamén a comunicación. Pero para falar da Unesco temos que viaxar no tempo ata finais da Segunda Guerra Mundial. A razón pola que se crea é para restablecer os sistemas de educación dos países aliados (os principais foron o Reino Unido, Francia, os Estados Unidos e a Unión Soviética) e que, tras as consecuencias da guerra que enfrontaron e gañaron á Alemaña nazi, non contaban cos recursos suficientes e axeitados para mellorar a educación e a cultura.
Cando remata o conflito, en novembro de 1945, houbo en Londres unha conferencia das Nacións Unidas na que participaron un total de 44 países. Deles, 37 aprobaron que se fundara a Unesco. A súa constitución, o documento fundador da organización no que se recolle a súa razón de ser, entrou en vigor o 4 de novembro de 1946 e, anos despois, inaugurouse a súa sede en París.
Actualmente, son cerca de douscentos os países que forman parte da Unesco. Entre as súas misións, destacan tres: a erradicación do analfabetismo, que ningún neno permaneza á marxe da educación básica; a salvagarda do patrimonio cultural, estimulando a creatividade e a preservación das tradicións culturais das diferentes nacións; e o fomento do pluralismo e a diversidade dos medios de información, dándolle pulo á libre circulación de ideas.
Hoxe, algunhas das ameazas ás que tiveron que facer fronte hai oitenta anos seguen vixentes, como os ataques á diversidade cultural, as novas formas de intolerancia e o rexeitamento dos feitos científicos e da liberdade de expresión. Todo isto pon en risco a paz e os dereitos humanos, a razón pola que se creou a Unesco, polo que o seu papel na educación, a ciencia e a cultura é clave. Tamén que as nacións, xuntas, poden traballar para mellorar a vida dos seus cidadáns.
É coma se vós, na vosa clase, vos poñedes de acordo para que algo saia ben. Por exemplo, se algún compañeiro está pasando un mal momento, seguro que vos xuntades para facelo rir e que se sinta querido. Que outros exemplos se vos ocorren? Como mellorariades vós os campos da educación, a cultura e a ciencia?
Como vos contaba, unha das funcións da Unesco é protexer o patrimonio cultural, material e inmaterial. Poderiades nomear algún da vosa zona?