O presidente ruso, Vladimir Putin, quere saber ata onde está disposta a chegar a alianza militar occidental para defender o seu territorio
30 sep 2025 . Actualizado a las 19:54 h.Durante moitos anos, desde a Segunda Guerra Mundial (SGM), o mundo occidental dividiuse entre proestadounidenses e prorrusos. Uns representaban o mundo capitalista, o afán de vivir mellor e ter máis cousas; os outros, a utopía comunista de ser iguais. A fronteira entre ambos era Europa, e do lado prorruso non só estaba a propia Rusia senón todos os Estados que xunto (o mellor dito, baixo) ela formaron unha república de repúblicas, a URSS (Belarús, Ucraína ou os bálticos Letonia, Estonia e Lituania, entre outros) e os países satélites (Polonia, Bulgaria, Hungría, Romanía... ata media Alemaña).
Para garantir a defensa común, os Estados Unidos e a chamada Europa occidental formaron a OTAN, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), que ten no artigo 5 do seu acordo a clave de todo o sistema: se un país de fóra da OTAN ataca a un país da OTAN, o resto dos Estados da Alianza entrarán en guerra contra ese atacante. Se a URSS lanzara unha bomba a Francia, por exemplo, os Estados Unidos (a maior potencia militar do mundo) atacarían Rusia. Ante a creación da OTAN, a URSS e os seus socios formaron algo parecido, o chamado Pacto de Varsovia.
A tensión entre ambas partes era enorme (a chamada Guerra Fría) pero no 1989 caeu o muro de Berlín, una fronteira física entre ambos mundos, e a súa caída ocorreu porque o capitalismo gañou ao comunismo. Foron moitos os factores, pero o certo é que a utopía comunista era unha distopía, e a xente, en canto tiña unha mínima oportunidade, fuxía del.
Rusia grande de novo
Os rusos estaban doentes, xa podedes imaxinar, e algúns anos despois, Vladimir Putin fíxose co poder a partir dunha promesa que igual vos soa, porque vén a ser a mesma que a de Trump: Rusia volverá ser grande de novo. E desde entón só quere crecer.
Rusia quixo desde sempre facerse con Ucraína (que a considera parte de seu), e Europa non lle fixo moito caso. Nin no 2004 nin nos disturbios do 2013 (o chamado Euromaidán) nin cando invadiu Crimea ou se anexionou o Dombás. No 2020 foi quen de colocar un Goberno monicreque na veciña Belarús.
Putin, como todos os ditadores, pensa que as democracias son débiles, que se enredan en discusións menores e non saben defenderse con decisión. Parte de razón ten, porque en democracia as decisións se toman doutro xeito, negociando, e a violencia é descartada por definición. A vantaxe que temos é que a xente no se move por medo, senón por conviccións, e iso ten un valor incalculable.
Putin aproveita ademais que Europa debe a súa forza militar ao respaldo da OTAN, e Estados Unidos (verdadeiro dono da OTAN), está en mans dun home que non cre nesta alianza, pois a ve unha carga innecesaria.
Con todo o anterior, xa imaxinades que é isto dos drons: un tenteo de Rusia para saber cal é a determinación da OTAN e da Unión Europea para defenderse.
Moldavia decide achegarse á UE nunhas claras eleccións
O pulso de Putin ten moitos frontes e un dos máis inquietantes é facerse co control dos países europeos veciños seus a través de eleccións democráticas. Un partido prorruso se presenta ás eleccións, recibe moitísimo diñeiro do Kremlin (a sede de Goberno de Rusia) e gaña. A partir de aí, o país vive unha deriva prorrusa e contra Europa moi perigosa. Iso é o que ocorreu con Belarús.
O pasado fin de semana houbo eleccións en Moldavia, que podedes buscar no mapa. É un país pequeno veciño de Ucraína. Unha parte quere ser rusa (iso é o que os rusos din) e declarouse república independente, Transnitria, abertamente prorrusa. Había medo na UE de que este fin de semana o resto do país seguise os seus pasos, pero o partido proeuropeo da presidenta Maia Sandu gañou por maioría absoluta.
ACTIVIDADE MEDIA
OTAN versus Pacto de Varsovia
De seguro que non oístes falar do Pacto de Varsovia. Pois podedes buscar en internet (ollo coas páxinas que mirades!) a ver que era aquilo e que países o formaban. Podedes dividirvos en grupos e cada un analizar un aspecto desta institución: acordos, forzas, países, evolución...
ENTENDER
O Vello Continente está só e necesita aliados
- Europa era o continente máis poderoso do mundo ata finais do século XIX. Xa fora España no século XVI, Francia no XVIII ou o Reino Unido no XIX, os que mandaban estaban aquí. Pero no século XX as cousas cambiaron moito e o poder tíñano claramente os Estados Unidos. A vantaxe? Que era un fiel aliado de Europa, á que admiraba, e porque de feito a meirande parte dos seus habitantes eran europeos ou fillos e netos deles.
- No século XXI apareceron novos actores: a China (é a segunda potencia económica mundial), a India e, dun xeito diferente pero importante, Rusia. Os Estados Unidos teñen que pelexar en moitos frontes e Europa xa non pode axudar como antes. Trump non é máis cun síntoma de todo isto.
- Europa ten que buscar novos aliados, ser moi flexible se quere seguir existindo como tal: un espazo de dereitos, respecto a grandes e pequenos, e de paz e prosperidade en liberdade.
ACTIVIDADE AVANZADA
Europa en loita na SGM
Na Segunda Guerra Mundial Europa loitou pola súa liberdade. Mirade nun libro (ou na web) de historia para saber que erros cometeron entón para ter que chegar a unha guerra, e as secuelas que deixou en mortos e vidas esnaquizadas.
PROFUNDAR
Estamos dispostos a chegar a unha guerra? O prezo dun enfrontamento bélico
- Imaxina que Putin lanzara un mísil contra Berlín. É unha tolemia, claro, pero pensemos que o fai. Europa declararíalle a guerra a Rusia? E se os Estados Unidos din que non queren saber nada, que nos arranxemos sós, iría a UE a un enfrontamento bélico? Interesante e importante cuestión!
- Seguro que habería moitas voces a favor e en contra da guerra e todas terían algunha parte de razón. Pódese evitar a guerra só con non querela? Pero, alguén quere unha guerra?
- O certo é que non sabemos que podería pasar, pero calquera decisión debería estar moi ben pensada. A guerra non é unha solución porque cando remata a cantidade de dano feito claramente non compensa a vitoria. Pero, estariades dispostos a vivir nunha ditadura, sen poder expresar as vosas opinións, con risco de cárcere por dicir ou vivir como queirades; traballando sen posibilidade de estar tranquilos na vosa casa? Viviriades baixo unha potencia estranxeira? Nós xa vivimos nunha ditadura non hai tanto. Preguntade aos vosos maiores (os avós) que pensan eles dunha guerra por manter a nosa liberdade de hoxe.
- Europa ten a oportunidade de demostrar a súa forza sen chegar tan lonxe. Pero para iso temos que estar unidos e apoiar as decisións do Goberno da Unión Europa. Non deixarse levar polas campañas de desinformación, non antepor as emocións á razón. E non esquecer nunca que a nosa debilidade é de feito a nosa forza: a liberdade de ser quen queremos ser.