Concursos mensuais de Prensa-Escuela: o que hai que saber

La Voz

ESCUELA

A directora de Márketing e Ventas de La Voz de Galicia, Marta Varela (primeira pola esquerda) entregou os premios aos gañadores dos concursos mensuais de Prensa-Escuela
A directora de Márketing e Ventas de La Voz de Galicia, Marta Varela (primeira pola esquerda) entregou os premios aos gañadores dos concursos mensuais de Prensa-Escuela SANDRA ALONSO

05 nov 2025 . Actualizado a las 09:34 h.

Como complemento dos concursos anuais, Prensa-Escuela organiza unha serie de certames moi curtos, dun mes de duración, para que os alumnos de ESO, FP e bacharelato mostren os seus talentos. Son concursos individuais, aínda que están pensados para que os propoñan os profesores nas clases, intentan fomentar diferentes competencias. Os traballos teñen que enviarse á dirección concursos@prensaescuela.es e os gañadores publicaranse nas redes sociais do programa e en La Voz de la Escuela. Hai diferentes modalidades:

Ollo porque as datas máximas poden variar lixeramente ao longo do curso, aínda que vos iremos informando mes a mes.

outubro

Fotografía. O alumno ten que enviar unha foto do seu recuncho secreto do verán, e debe mandala antes do 31 de outubro.

novembro

Microrrelato. O estudante debe contar un microrrelato basado no diálogo de dúas personaxes. Non pode ter máis de cen palabras. O prazo de entrega vai do 1 ao 27 de novembro.

decembro

Unha nova para o 2026. Un título, subtítulo e cen palabras para contar unha noticia que o alumno queira ler no vindeiro curso. Ten do 24 de novembro ao 17 de decembro para enviala.

xaneiro

Crítica. O concurso de xaneiro chámase Coa Lupa Posta, e busca unha crítica do alumno dalgunha experiencia vivida nas vacacións: un concerto, unha película ou un libro serven de base para expoñer a súa opinión razoada. O prazo vai do 12 de xaneiro ao 4 de febreiro.

febreiro

Análise da letra dunha canción. O aprendido en clase de lingua pode aplicarse a unha canción: rima, estrofas, figuras retóricas... Todo, a partir dunha canción no mes do amor. O concurso comeza o 5 de febreiro e remata o 28.

marzo

Carta ao director. No mes de marzo, cando se celebra a Semana da Prensa na Escola, os estudantes teñen que enviar unha carta ao director que se publicará no espazo dentro da sección de Opinión no xornal en papel. O prazo para enviar os textos vai do 1 ao 27 de marzo.

abril

Un podcast. Os que teñan como punto forte a palabra dita en abril teñen o seu mes. Voucho Contar, o concurso deste mes (do 30 de marzo ao 30 de abril), consiste en facer un podcast de non máis de cinco minutos sobre o tema que se prefira. Polo formato, permítese que haxa dous autores para un mesmo traballo.

maio

Crónica. Remata o curso e, do 1 ao 31 de maio, os alumnos poden enviar una crónica do que aprenderon nese tempo e que consellos lles darían aos que os substituirán en setembro.