Manuel Lago Peñas: «Na economía hai que mudalo todo, pero pasiño a pasiño e con diálogo»
ELECCIONES 2016
O economista de CC. OO. colaborou no programa do novo partido e o ve compatible ao 90 % cos do PSOE e o BNG
21 sep 2016 . Actualizado a las 10:01 h.Manuel Lago Peñas (Vigo, 1956) levaba 15 anos vixiando a política activa con certa distancia e comezaba a darlle voltas á súa saída do mundo laboral -é economista en Comisións Obreiras e profesor universitario-. A crise primeiro, e o proxecto de En Marea, despois, vano sacar anticipadamente do seu despacho sindical para levalo case con toda seguridade ao Parlamento. «A miña vida sairá deteriorada, pero o compromiso era obrigado», di.
-¿Como leva o da nova política aos 60 anos?
-Fun militante político desde os 18, loitando contra Franco na universidade. Levaba anos sen estar afiliado -estivo en Esquerda Unida- pero a dureza da crise e a súa xestión levounos a moitos a dar unha resposta plural, e creo que a miña experiencia como economista pode axudar.
-Algún pensará que volve porque é un cabalo non sei se gañador, pero si con posibilidades.
-Eu fun candidato de EU en 1993 e non tiñamos moitas posibilidades; iso di que nunca eludín o compromiso. Agora é certo que existe a posibilidade de estar no Parlamento e incluso de ser Goberno, e penso que eu podo contribuír co meu coñecemento da realidade económica do país.
-¿Para vostede, cando comeza a crise económica en Galicia?
-Os factores que a provocan son de mediados dos oitenta. Pero comeza en Estados Unidos no 2007, empeza a viaxar e chega a Europa a finais do 2008. En Galicia estoupou no salto ao 2009.
-¡Xusto cando gaña Feijoo!
-Feijoo goberna nos peores anos da economía galega, e iso explica que o seu balance sexa o peor. ¿Por que gaña? Pola dificultade do PSOE para ser alternativa ao PP, porque se identificaba a crise con Zapatero, e en parte por iso aparece AGE, que era un proxecto incipiente.
-Pero no 2012, que foi durísimo, amplía a maioría.
-Vaina perder no 2016. Aquela forza que non estaba consolidada no 2012, AGE, agora si o está.
-Vostede aportou ideas ao programa de En Marea, e a última hora incorporouse Podemos. ¿Tivo que cambiar algo?
-Eu xa coordinei o programa de EU con Geluco Guerreiro, e tamén no 97 cando fixemos a coalición con PSdeG. Facer un programa con Podemos e Anova foi doado. Pero si, claro que hai cambios. Antes facía programas tradicionais da esquerda, do movemento obreiro, e o de agora é máis diverso e complexo.
-¿É compatible co do PSOE e o do BNG?
-Perfectamente compatible, ao 90 %. Pero o importante é que os tres candidatos, Villares, Leiceaga e Pontón, tamén o son.
-¿Que opinará un empresario da súa xestión se o programa o fai un sindicalista?
-Eu son un economista do sindicato e participo dos seus principios, pero estiven en máis de 400 mesas de negociación en Galicia, polo tanto coñezo ben as empresas e os sectores produtivos da comunidade. Nós facemos un programa para o 90 % da poboación galega, pero chegaremos a acordos co outro 10 %. Negociar é a esencia dos sindicatos.
-A algúns membros do seu partido non lles gusta o éxito de empresas como Inditex, ¿que opina vostede?
-A xeración de riqueza que vén dun valor real é positiva. Se chega da especulación, das relacións co poder ou dos monopolios, non. Das empresas que xeran riqueza e valor un país ten que estar orgulloso.
-En Marea di que vai mudalo todo. ¿Tamén na economía?
-Trátase de mudalo todo, pero pasiño a pasiño. Con diálogo, acordos e concertación.
«A finais dos 70 fumar porros era parte da rebeldía»
-¿Canto gañou o ano pasado?
-Sobre 3.000 euros ao mes, polo meu traballo de economista, profesor universitario e colaborador de medios.
-¿Que patrimonio ten?
-A vivenda habitual na Coruña, unha casa rural no Incio e aforros no banco.
-¿Fumou un porro algunha vez?
-Claro. A finais dos anos setenta era parte da rebeldía.
-¿Colabora con algunha ONG?
-Con catro. Amnistía Internación, Unicef, Intermón e Médicos sen Fronteiras. 700 euros ao ano.
-¿Cantos libros leu este ano?
-Máis de economía que de lecer.
-¿Cantas veces doou sangue este ano?
-Ningunha.
-¿Estivo no paro algunha vez?
-Dúas.
-¿Cantos traballos tivo na súa vida?
-Fun xefe de administración dunha empresa, economista de CC.?OO, director económico da CRTVG e profesor universitario.
-¿Cantas horas durme ao día?
-Sete.
-¿Fuma? ¿Bebe?
-Non fumo. Bebo algo de viño na fin de semana.
-¿Como se chama a discoteca da súa vida?
-Yohakin, en Santiago.
-¿En que animal se reencarnaría?
-En ningún.
-¿Que ten pendente na vida?
-Persoalmente, nada. Colectivamente, máis cousas.