Pilar Cancela: «Escribo poemas de vez en cando, sempre fun romántica e melancólica»

Na casa da cabeza de lista do PSOE na Coruña «sempre houbo adoración por Felipe González». Os seus pais emigraron e ela naceu en Alemaña e viviu en Venezuela


Santiago / La Voz

Confésase becqueriana e escribe poesía. Pero Pilar Cancela Rodríguez (Alemaña, 1967), candidata do PSOE ao Congreso na provincia da Coruña, non ten tempo para a lírica na campaña.

-Naceu vostede en Stuttgart.

-Meus pais marcharon á emigración. Miña nai é de Xinzo de Limia e meu pai é da Baña. Coñecéronse alá. Aos poucos meses de nacer quedei cos meus avós ata os tres anos. Despois volvéronme levar. E aos cinco volvín para comezar a escola. Fixen en Alemaña o Kindergarten (xardín de infancia).

-¿Recorda algo de Alemaña?

-Facía frío no inverno, había moita neve. Tiña unhas botas brancas e uns cordóns que ataba ata arriba, dábanme moito traballo. Falaba o alemán perfectamente, pero ao vir esquecéuseme. Sóanme palabras. Despois fomos a Venezuela. Foi polo traballo de meu pai, por unha empresa de Alemaña que se instalaba alí. Contactaron co meu pai. Primeiro foise el e despois miña nai e eu. Eu tiña trece anos e volvín con dezasete. Foi unha etapa moi bonita.

-De Venezuela recordará máis.

-Non estaba na situación dramática como agora. Era unha época na se vivía moi ben alí, igual había unha burbulla. Volvín alí hai catro ou cinco anos para celebrar o 25 aniversario da graduación do bacharelato. Somos un grupo de amigos que mantemos contacto. Impresionáronme a sensación da inseguridade e o deterioro das infraestruturas.

-E despois fixo Dereito.

-Conforme rematei comecei a preparar as oposicións de Inspección de Traballo. Despois preparei as da Xunta porque ía sacar unha gran oferta de emprego público. Quería traballar canto antes, meus pais non eran ricos. O presidente da Xunta presentouse a esas oposicións.

-¿Coincidiu con el?

-Non. Pero a nosa foi unha promoción politicamente moi interesante. Estaban Besteiro, Baltar fillo, Carlos Aymerich e Jorge Atán, o subdelegado de Goberno. Unha boa fornada. Coincidía nos exames con Baltar, Besteiro e Atán. Estabamos todos moi nerviosos.

-¿Cando decide facerse militante?

-Na miña casa sempre houbo adoración por Felipe González, meus pais son socialistas. Viviron con moita preocupación o do golpe de Estado. Estabamos en Venezuela e cando estás fóra magnificas as sensacións. Despois chamoume Ricardo Varela para ser directora de Relacións Laborais. E afilieime coma unha cuestión de compromiso político, ninguén mo pedira. Estivera nove anos no Consello Galego de Relacións Laborais, un organismo coparticipado por empresas e sindicatos. E, de repente, tiña a oportunidade desde un Goberno, desde a política, de poñer en marcha aquilo polo que estabas pelexando. O ambiente era moi bo e traballabamos tanto...

-Agora é secretaria de Organización do PSdeG. Tamén é afeccionada aos puzles. ¿Qué pezas son máis difíciles de encaixar?

-Sempre fomos un partido con moita vida interna. Iso fainos grandes. Pasamos de ter poder político en moitos ámbitos a unha situación distinta. A primeira etapa de Zapatero foi fantástica a nivel de dereitos e liberdades. Na última adoptáronse medidas que a xente non entendeu que puidera aplicalas un Goberno socialista. Iso pasounos unha factura política. Co paso do tempo vaise relativizando. Xa nos repuxemos desa catarse de flaxelarnos. En campaña as diverxencias internas desaparecen.

-¿Ademais dos puzles, algunha outra afección?

-Escribo poemas de vez en cando, son moi becqueriana, moi romántica, sérveme de terapia, sérveme para desafogarme. Fágoo desde pequeniña. Pero agora non lle dedico tempo. Sempre escribín máis cando o estaba pasando mal. Ultimamente non escribo moito.

-¿Pensa publicar os poemas?

-Non. Algún amigo comentoumo, pero tes que ter unha produción estable e eu son moi modesta.

-¿Vella política ou nova política?

-Pido respecto para un partido con 136 anos de historia, sobre todo para os homes e mulleres que construíron parte da historia democrática deste país, xente que era socialista nunha época na que te perseguían por iso. Cando gobernas non tes a marca impoluta. Tivemos erros, pero moito do bo que se fixo neste país leva o selo deste partido. É lícito que as novas forzas políticas veñan con enerxía, para a democracia é bo, porque nos fai reaccionar aos outros partidos. Pero iso hai que facelo con respecto e tolerancia. Non nos están ensinando nada novo cando falan de educación ou sanidade gratuítas e universais.

-Vostede dirixe a campaña do PSdeG, ¿como o leva?

-É unha campaña moi mediática, pero nós fixemos moita rúa, o porta a porta, que che dá leccións de vida. A maior parte da xente diche que non lle gustaba nada a situación política e que non o ten claro. As enquisas mostran esa indefinición. Parece que todos somos o mesmo. Hai recelo cara os políticos, que tamén sufrimos os problemas da dependencia, das listas de espera dos familiares no paro... Pero hai desconfianza. Hai unha desafección gañada a pulso. Pero os partidos temos que escoitar á xente con humildade. Eu pregúntolle se vive mellor hoxe que hai catro anos. Os dereitos e liberdades recurtáronse por cuestións ideolóxicas, non económicas.

-Importan moito as redes sociais, ¿como o leva?

-Ben. Sempre tiven conta de Twitter, de Facebook. En campaña disparáronseme os seguidores. Son as ferramentas de comunicación desta etapa. Todo é moi rápido. Vivimos todos nunha voráxine e perdemos a capacidade de pararnos, pensar.

-¿E pódese en campaña?

-Non. Hai mañás nas que me pregunto que día é e a onde imos. A familia é a que máis sofre. Meu fillo estuda Telecomunicacións en Vigo e miña filla está na casa e dime: «¿Cando te vou ver hoxe?».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Tags
Comentarios

Pilar Cancela: «Escribo poemas de vez en cando, sempre fun romántica e melancólica»