David Bruzos Higuero: «Deixei as redes sociais no verán e volvín polo tema da campaña»

Mariluz Ferreiro OURENSE / LA VOZ

ELECCIONES 2016

Santi M. Amil

Este activista e profesor asegura que é un mito que a Física sexa dura. Hai menos dun mes parecíalle imposible entrar en política

15 dic 2015 . Actualizado a las 15:19 h.

No colo, a súa nena. Na parede do salón, un póster de V de Vendetta. No recordo, a infancia no barrio das Lagoas. David Bruzos Higuera (Ourense, 1979) é o candidato de En Marea en Ourense. Xoga ao baloncesto, vai á piscina coa pequena e monta o telescopio. Aínda que agora a onde mira é ao Congreso.

-É vostede de ciencias. Entre os candidatos mandan as letras.

-Teño a percepción de que cando había as grandes mobilizacións, coma a que se produciu contra a LOU, na facultade de Química parecía que había menos movemento que noutras. Pero igualmente había xente interesante e con compromiso.

-¿De onde lle vén o seu interese polo activismo e pola política?

-Creo que vén de familia. Entrei no activismo na universidade. Nunca fun militante de ningún partido, nin sequera agora. Estudei en Compostela, iamos á Casa Encantada, aquela casa de ocupas, e alí participabamos en diferentes colectivos. A partires de aí tirei máis pola rama ecoloxista ou agroecoloxista, pero sempre tamén con inquietudes de denuncia: a vivenda, a represión...

-¿Como foi o salto á política?

-Hai pouco máis de vinte días era imposible dar este paso. Fixéronme a proposta. Non era unha decisión persoal e chamei a compañeiros. Estes procesos son colectivos. Despois de falar e debater fomos adiante. Foi polo momento histórico que vivimos. O Goberno terrible que fixo o PSOE regaloulle a maioría absoluta ao PP e xa prevíamos que ía ser desastroso. Naquelas eleccións recordo dicir: «Fáltanos un referente político á xente que estamos en organizacións sociais». Había xente interesante que se presentaba, pero o voto dividíase. En Marea agrupa a xente das candidaturas municipalistas e dos movementos sociais. Hai que traballar para que medre nas autonómicas.

-Pero non está o BNG.

-É unha mágoa. Non formei parte das conversacións, non podo dicir por que iso fracasou. Sempre é complicado xuntar a organizacións e movementos sociais. En Ourense, Nós ten unha candidata fantástica e ogallá que lle vaia moi ben, porque iso suporá que lle estamos restando ao PP e ao PSOE.

-¿Para vostede a política é unha etapa de curto ou longo prazo?

-Se en Ourense logramos un escano, en canto remate a lexislatura aí remata a miña participación. As persoas son o de menos. Dentro de catro anos ogallá que En Marea siga adiante con outra xente. Eu teño un traballo vocacional.

-É profesor de Física e Química, non son ningunhas «marías».

-O de que a Física é dura ten máis de mito que de realidade. Na etapa na que é os docentes teñen que facela asequible. Despois pódese complicar a medida que avanza.

-¿Ten algo que ver a Física coa política?

-Parece que non, pero todo ten relación. Hai unha frase que me gusta moito: «Non é o alumno ao que ti ensinas senón de quen aprendes». Gústame pensar que nas miñas clases non se aprende tanto de Física e Química como de como ves a vida. Hai moito progresismo na escola e é fundamental. Deixemos dun lado a competitividade á que o sistema capitalista nos obriga. Hai que traballar máis en cooperación e compartir proxectos.

-¿Como son os xoves de hoxe?

-Os últimos anos teño como destino definitivo no Barco e estou gratamente sorprendido das mobilizacións do alumnado. O Barco ten sufrido os efectos desta crise. O tema da lousa está moi complicado e as modificacións da Xunta no tema hospitalario fixeron que a vila estivera moi . Iso tamén o vivía o alumnado e teñen conciencia de batallar polo que pensan que é xusto. Hai outra xente que é máis inconsciente. A escola é o motor do cambio.

-¿Tocoulle dar unha materia que non ten que ver coas súas?

-Moitas. Cando estaba en Ordes dei Tecnoloxía. É de taller. Como químico, teño feito moito laboratorio pero non taller. Colleume co pé cambiado pero tiven un compañeiro fantástico que me botou unha man. A parte perigosa era a serra de calar.

-¿Con que se queda das viaxes como activista?

-Estiven en Chiapas, Oaxaca, Cisxordania... Teñen unha alegría vital espectacular. A alegre rebeldía zapatista. Nunca se lles borra o sorriso. E teñen ganas permanentes de estar en loita. Pensan que só se perde cando alguén se rende.

-¿Aquí os indignados están máis enfadados, máis crispados?

-Aquí vivimos nesa cultura de ter absolutamente de todo. As loitas teñen que ser alegres, non me gustan as paixóns tristes.

-Parte da loita está nas redes sociais. ¿Como o leva?

-Deixei as redes sociais no verán porque estaba moi aturulado e volvín por recomendación, polo tema da campaña. Tiven unha desconexión fantástica. Agora non sabería volver a abandonalas.

-Hoxe todo se coce máis rápido.

-É un bombardeo. Temos mecanismos de comunicación instantánea, pero hai cousas que precisan unha reflexión, tempo para pensar, para ter unha conversa. En campaña estamos cun estrés permanente.

-E están os debates...

-O presidente do Goberno non foi ao debate a catro. É un rapto absoluto á democracia, non pode ser que non renda contas á cidadanía nun debate. Si, foi un programa no que aceptou preguntas da cidadanía, pero resulta que saía un amigo seu preguntando. No caso da provincia Ourense temos un historial terrible.

-Está en territorio comanche.

-Temos unha familia que herda as institucións. O PP gaña de forma democrática moitos concellos e ao final son os que elixen ao presidente da Deputación. Pero a nós parécenos terrible que se herde. Temos un nicho de corrupción en Ourense. Tamén a nivel estatal, por parte do PP e do PSOE.

-¿Que sería o primeiro que cambiaría vostede?

-É necesario derogar a Lomce e abrir unha etapa de diálogo. Pero entendo que, aínda que a educación é fundamental, hai outras prioridades. Habería que facer unha reforma integral de rescate ás persoas.

De todo un pouco

-Unha materia escolar que se lle atascara.

-No coleixo o inglés. Agora creo que se me dá mellor. No instituto, Lingua e Literatura.

-Unha viaxe pendente.

-Exipto.

-Un político que non sexa do seu partido.

-O subcomandante Marcos. Non se lle vía a cara porque a súa cara non era o importante. El representaba ás minorías oprimidas de México.