Lara Méndez: «Orozco foi unha etapa e eu serei outra, iso vai quedar claro en pouco tempo»

Méndez remarca o seu propio perfil fronte ás comparacións co seu predecesor


lugo / la voz

Polo balcón de poñente, o que mira á casa do poeta Pimentel, entraba onte, a iso da unha da tarde, no máis nobre despacho da casa do Concello lucense, o suave son das mañás de sábado. Minutos antes estaba a rebordar de socialistas que se felicitaban tras a toma de posesión da nova titular do despacho. A protagonista, Lara Méndez López (cantón de Zürich, Suíza, 1972), primeira alcaldesa de Lugo, con só dous dos seus ía enfrontándose, un detrás doutro, aos entrevistadores. Sobre o sinxelo vestido branco elixido para día tan sinalado, puxo, tras o acto de investidura, unha fina chaquetiña. Xa tranquila, esta enxeñeira técnica agrícola, casada e nai dunha nena de tres anos, deixaba claro que admira ao anterior inquilino da alcaldía, José López Orozco, pero tamén que está disposta a forxar un nome propio, no que cre que é un novo tempo político e social. Precisou os votos de Lugonovo e do Bloque, e, a poucas horas de que comece a negociación para formar goberno, anuncia pactos e diálogo.

-Din que as comparacións son odiosas, pero moito temo que non se vai librar de que durante un tempo a xulguen en relación con Orozco...

-As comparacións son inevitables. Eu non vou pretender ser López Orozco. O tempo dirá que Orozco tivo unha etapa e eu terei outra, a miña. Cada unha coas súas propias luces e sombras. Iso vai quedar claro en pouco tempo. Non me molesta en absoluto que me comparen con Orozco.

-É alcaldesa grazas aos votos dos que esixiron a renuncia do seu predecesor no cargo e aos que o seu partido acusou de facer «chantaxe». É probable, ademais, que goberne con eles ou, polo menos, co seu respaldo. ¿Cre que os lucenses van a entender isto?

-Creo que si, creo que o van entender. Prescindir do noso cabeza de lista era algo que nós non queriamos asumir, e que asumiu na súa totalidade Orozco. Nós imos basear todo no diálogo e de aí sairá un goberno. Para min a opción era Orozco como alcalde, pero, facendo un exercicio de priorizar o interese da súa cidade, renunciou e convertinme, ao ser a seguinte na lista, en candidata. Asumo con normalidade o cargo, a alcaldía, e con todas as ganas e a ilusión de sacar adiante esta responsabilidade; como dixen [no discurso de investidura], convencida de que a política é pacto e diálogo.

-O PP dixo de vostede que nin é de Lugo nin quería ser alcaldesa...

-Non sei se outras forzas piden pedigree e antigüidade na residencia, non sei cantos anos fan falta de residencia para ser dun sitio. Estudei aquí tres anos do Bacharelato e a carreira. E son lucense desde o momento en que resido e pago os meus impostos en Lugo. A miña filla, de tres anos, cando di «imos a casa», refírese a Lugo.

-Chega a alcaldía nun Concello que está baixo a lupa xudicial, polo caso Pokémon. Vostede ten a desagradable experiencia da operación Rei, pola que pasou 10 horas detida, un asunto que, finalmente, no que a vostede se refire, quedou arquivado. ¿Que sensación lle produce a situación coa que se atopa?

-Debemos ter, coma sempre, total respecto e colaboración. O que si nos gustaría é que se axilizasen os procedementos. Por un lado, por unha mellor xustiza, e, por outro, porque interfira o menos posible no funcionamento da Administración.

-O panorama político, tanto en Galicia como no resto de España, vive un momento de cambio. ¿Cal é a súa análise?

-As mareas teñen que asentarse como estruturas políticas. Estamos nun panorama político que debe ser enfrontado con absoluta normalidade.

«A conciliación non pode ser un slogan máis, nin pasar polo sacrificio da muller»

Un dos nenos que onte asistiron á toma de posesión de seus pais como membros da corporación municipal foi a filla de Lara Méndez, Marcela. Por alí andaban seus avós e seu pai. Del di a nova alcaldesa: «O meu marido ten redución de xornada hai case tres anos». Resulta, pois, crible a nova presidenta da corporación lucense cando di que «a conciliación non pode ser un slogan máis, nin pasar polo sacrificio da muller». Promover medidas que a faciliten foi un dos compromisos que onte adquiriu Lara Méndez no seu discurso de investidura, e que reafirmou pouco despois na entrevista que concedeu a La Voz.

-Parece que hai unha feminización da política...

-Gustaríame dicir que si, pero en realidade non é así. Mentres a noticia segue sendo «a primeira alcaldesa», mentres non se deixen de usar esas muletiñas, quererá dicir que non hai unha igualdade real.

-Acaba de ser elixida alcaldesa e hai poucas semanas falábase de vostede como posible presidenta da Deputación...

-Se o alcalde fose López Orozco, no sei se me tería postulado para a Deputación; coa súa renuncia tiña a obriga de conseguir a alcaldía e un goberno progresista en Lugo.

-Agora compiten polo posto dous compañeiros seus: González Santín e Manuel Martínez. ¿Con cal cre que se entendería mellor na relación entre institucións?

-Os dous son compañeiros meus no PSOE e o proxecto é o mesmo. Con calquera dos dous me sentiría identificada. Con Manuel Martínez levo oito anos na Deputación; Santín é o secretario provincial do partido. Calquera dos dous está sobradamente capacitado para exercer esa responsabilidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Lara Méndez: «Orozco foi unha etapa e eu serei outra, iso vai quedar claro en pouco tempo»