«Hai párrocos que me apoian pola separación de poderes coa Igrexa»

xosé m. cambeiro SANTIAGO / LA VOZ

ELECCIONES 2016

XOÁN A. SOLER

Afirma que o presidente da Xunta ten que ser consciente do rol capitalino que lle corresponde á cidade de Santiago e actuar en consecuencia

13 jun 2015 . Actualizado a las 08:41 h.

Martiño Noriega, de Compostela Aberta, asume o reto de gobernar a capital galega. Traspasoulle os poderes Agustín Hernández de quen, por certo, eloxia a súa plena disposición e cordialidade.

-¿Que significado simbólico e político ten ser alcalde capitalino?

-É unha gran responsabilidade. Temos que demostrar que sabemos facer políticas diferentes máis alá do cambio de caras, e en Santiago, que é a capital do país, cunha carga simbólica elevada.

-¿Entenderao a Xunta?

-Debera. O debate das posicións ten que quedar aparcado e dar paso ás relacións institucionais, de recoñecerlle á cidade a capitalidade. As ferramentas ca capitalidade están hoxe moi esclerotizadas, tanto na deriva do Consorcio, hoxe un apéndice do Estado, como a propia perda de fondos que a Xunta recolle nos seus orzamentos. Por iso a necesidade do diálogo institucional.

-¿Como son as relacións co presidente da Xunta?

-Tiven contacto con el como alcalde de Teo e coñézoo de anos antes de ser presidente. O trato foi correcto. As posicións políticas son antitéticas, pero non se poden confundir coas institucionais. Non aspiro a levarme ben co presidente, senón de xeito correcto en beneficio da cidade.

-¿Tan farta estaba a xente para que ocorrera este tsunami?

-Creo que si, pero ninguén me cría cando a última semana dicía que Compostela Aberta podía ser a lista máis votada. Iso séntese, e se as cousas se fan ben acaba tendo un retorno porque a xente estaba moi cansada e demandaba un cambio. Ademais, nós na campaña tivemos moita presenza social, con máis de cincuenta actos en parroquias e barrios. Aí vivimos o malestar da xente, que valorou tamén que nós lle dixeramos que non iamos venderlles unha moto.

-¿Goberno en coalición ou con pactos?

-Somos a lista máis votada e temos unha marxe importante para gobernar, pero tendémoslle mans a PSOE e BNG. O Bloque está aberto a máis posibilidades de goberno, mesmo a integrarse. Hai que abordalo nas próximas datas. O que estamos dispostos é a manter un diálogo permanente.

-E a pasar páxina con vellos litixios.

-No meu caso nunca existiu un litixio co BNG. Houbo moitas críticas nestes tres anos, pero non podo renegar do intenso traballo que fixen nese espazo.

-Agora o BNG plantexa retos nun espazo conxunto.

-Pero como o de antes non pode ser, porque non falamos xa de nacionalismo de esquerdas, senón dun concepto máis amplo como é a unidade popular, e aí as forzas nacionalistas teñen que aportar as reivindicacións nacionais, pero tamén teñen que aprender a convivir coa esquerda federal.

-O tópico de que esta cidade é conservadora parece romperse.

-Ese cliché despois destas eleccións non se sostén. Fomos a lista máis votada e iso nos dá unha lexitimidade terrible. A cidade quixo marcar un rumbo diferente ao destes catro anos.

-A ofrenda ¿un antes e un despois na separación de poderes?

-Hai que desdramatizalo porque non é un debate que estea na rúa. Durante a campaña electoral nos múltiples encontros que tivemos nunca se mencionou iso. Non podemos mesturar o espazo cívico co relixioso. Levámolo no programa e queremos manter unha posición coherente. Iso non é contraditorio con manter un diálogo coa Igrexa. Estes días recibín apoios, mesmo de párrocos da cidade. As tradicións non se rematan, nós só definimos o rol das institucións.

-¿De párrocos, dixo?

-Si. Hoxe veume un párroco a dicirme que apoiaba a posición de separación de poderes. E díxome que hai máis párrocos da cidade que nos están apoiando. Con este exército non hai derrota posible.

-¿Ata que punto é factible unha cidade sen desafiuzamentos?

-No que eu anunciei hai unha carga simbólica e unha vontade de que a institución encare este problema. A institución toma conciencia do que está pasando e aínda que non ten competencias si ten vontade de exercer presión institucional e dicirlle ás entidades bancarias que non nos é indiferente deixar a homes e mulleres na rúa nunha grave crise económica. É necesaria a sensibilización das institucións.