Xavier Vence: «A prioridade agora é que Galicia teña voz propia no Congreso, non a marca»

Serafín Lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

ELECCIONES 2016

SANDRA ALONSO

O portavoz nacional dos nacionalistas di que o BNG falará con todos para levar unha candidatura potente ás xerais

30 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O BNG enceta hoxe unha nova etapa na súa historia. Por vez primeira dende a asemblea de Riazor (1982), o consello nacional debate renunciar ás siglas nas xerais para armar unha candidatura de país que garanta voz nacionalista no Congreso. Vence advirte que «a marca non é a cuestión fundamental neste momento».

-Veñen de perder 72.000 votos sobre o 2011. Os peores resultados nas municipais dende 1991.

-É un período político novo, tamén na historia do BNG. Hai unha traxectoria de diminución do apoio ao nacionalismo cun punto de inflexión na crise do 2012. Os resultados son insatisfactorios, pero cunha recuperación sobre ás autonómicas. Debemos reflexionar como levantar voo.

-Algúns alcaldes xa piden renovación e alianzas para as xerais.

-No BNG hai ese debate. Entre todos temos que poñer en común un diagnóstico e unha proposta que ilusione ao país. Todas as opinións son benvidas, porque nacen coa motivación de ver como acertamos coas políticas para redefinir o proxecto nacionalista.

-O proceso de apertura a través das asembleas abertas non tivo nas cidades o resultado previsto.

-Si. Alí onde poidamos facelo ben, as asembleas abertas tiveron resultados. Pero nalgunhas cidades esa apertura non tivo o mesmo alcance. Debemos seguir abrindo canles de participación.

-Tropezaron nas cidades, xusto onde o BNG compite no mesmo espazo electoral que as mareas.

-Nos resultados nalgunhas cidades hai algo que responde á pulsión de parte da cidadanía de esquerdas e nacionalista, que prioriza un cambio que se plasma en derrotar ao PP. Apoian opcións que cren que poden ter éxito electoral, sen fidelidade a proxectos ideolóxicos máis definidos.

-¿Non fixo o BNG esa reflexión previa? ¿Non tería sido interesante entrar nesa onda de cambio?

-O BNG forma parte de esa onda. O PP perdeu un número moi elevado de alcaldías, en parte grazas a que o BNG conseguiu resultados que permiten derrotalo.

-¿Pero non puido ter feito o BNG o que fixeron as mareas?

-Neste momento, sería moi difícil para os proxectos cun perfil ideolóxico definido crear nas cidades as condicións para que gran parte da poboación vise a nosa alternativa como gañadora.

-Xa, pero a música das mareas sóalle a calquera votante nacionalista. ¿Será que o BNG é visto como unha forza tradicional máis?

-É un problema da convulsión política e desa pulsión da cidadanía para derrotar ao PP. O BNG ten un proxecto coñecido. Pero a vantaxe desas opcións nas municipais é unha limitación para formular unha alternativa de país. Por iso o BNG é imprescindible.

-O reto das xerais está aí. ¿Periga a presenza do BNG no Congreso?

-O fundamental é que Galicia teña no Congreso a representación máis ampla para defender un proxecto de nación e os seus intereses, e que poda participar no debate da reforma do Estado, en igualdade a cataláns e vascos. Non é tanto cuestión de siglas como de proxecto e compromiso.

-¿Están abertos a armar un grupo con outras forzas nacionalistas?

-A vontade de partida é que haxa unha gran representación galega cos obxectivos que digo, non tanto pechándonos na denominación da candidatura. Imos dialogar con todos para formar unha candidatura potente de país.

-Beiras fala de sumar forzas nunha marea galega co mesmo obxectivo. ¿É unha opción no BNG?

-A idea de marea non ten contido homoxéneo. E unha lista a un concello non é o mesmo que ao Congreso. Os puntos de encontro a buscar están a nivel diferente.

-Quizais sexa máis doado acordar con Compromiso por Galicia ou con Cerna que con Anova.

-Non sei. Estamos abrindo o debate no BNG. Imos ver as formulacións que poremos na mesa para dialogar. E veremos que propoñen outras forzas. Estamos dispostos a dialogar con todos.

-E tamén a renunciar á marca nas xerais para garantir esa representación no Congreso. ¿Non?

-Para o BNG o fundamental é garantir que Galicia está presente no Congreso como nación e que vaia cunha candidatura para defender os intereses do país. A marca non é o que debe delimitar iso. O importante é o proxecto.

-¿A marca sairá dese diálogo?

-A marca non é a cuestión fundamental neste momento.

-¿E non haberá resistencias internas no BNG a ese cambio?

-En toda organización hai distintos enfoques. Creo que é compartido no BNG que o prioritario é que Galicia teña voz propia e potente no Congreso e que iso reforce o proxecto nacionalista.

-¿Descartan unha refundación?

-Non está sobre a mesa. O proceso das asembleas abertas xa é de reactualización continua.

-¿En serio valoran darlle a Deputación a Louzán ou só buscan apertar un pouco a Caballero?

-Non se abriu a negociación. O importante é que sirva para que as deputacións non sexan o que eran co PP, sexan transparentes e axuden ao reequilibrio territorial.