Ángel García Seoane: «Ti imaxínate que me presento ás eleccións autonómicas e son a chave da Xunta»

María Ballesteros OLEIROS / LA VOZ

ELECCIONES 2016

CESAR QUIAN

Tras ampliar a súa maioría absoluta en tres edís e lograr un representante na Deputación coruñesa, García Seoane pensa xa en dar o salto ao Hórreo

28 may 2015 . Actualizado a las 09:56 h.

O independente Ángel García Seoane vén de lograr un dos mellores resultados do 24M: ampliou en tres edís a súa maioría absoluta no municipio de Oleiros e logrou un escano na Deputación de A Coruña, un obxectivo que se marcou para pór fin ao «maltrato» que, na súa opinión, PP e PSOE inflixiron ao seu concello durante décadas. Mentres se relambe aínda polo éxito de Alternativa dos Veciños, pensa xa nas eleccións autonómicas. «Ti imaxínate que me presento e son a chave na autonomía», suxire.

-¿Deixaría Oleiros polo Hórreo?

-Deixar Oleiros sería difícil, pero teño que lograr que outras administracións invistan aquí. Terei que buscar a fórmula para que o fagan. De cara as eleccións autonómicas, ao mellor tamén terei que pensar nalgunha situación, porque se non temos representantes para defender o noso municipio non nolo vai defender ninguén; nunca o fixeron.

-¿Cre que poderían dar o salto?

-Pola provincia da Coruña. Igual o temos que pensar, claro que si. E se o teño que pensar, téñome que poñer a traballar xa.

-Nas municipais contaba con subir, ¿pero tanto?

-Eu pretendía a maioría absoluta e punto, para ter un goberno estable, pero tamén pensaba que podía ser máis grande do normal porque as candidaturas que se presentaban eran impresentables.

-¿Que vai pasar na Deputación?

-Presentei a candidatura non só para estar, senón tamén para cambiar as políticas da Deputación. Por tanto, haberá que falar con nós e aqueles que non falen están apañados. Hai moitas cousas que cambiar. Marchan uns e veñen outros e os sistemas son os mesmos, e comigo non vale iso.

-¿Por onde empezaría?

-Os funcionarios de carreira, que están aí «ninguneados», hai que restituílos nos seus cargos e eliminar aos directores políticos e a máis do 80 % dos cargos de emprego. A Deputación xa ten asesores entre os funcionarios, non necesita máis.

-Vai mandar a moita xente ao paro...

-Ao mellor son os que tiñan que estar no paro e non outros.

-¿E os plenos?

-Iso de plenos dun minuto... Aí había sempre unanimidade porque se repartían a torta e marxinaban aos demais. A Deputación ten que ser aberta e para todos os concellos, con programas e sen adxudicacións a dedo de cantidades millonarias. Tampouco o imos permitir.

-¿Cre que pode haber xente tremendo?

-Ten que haber xente que estea tremendo porque nós temos moito que dicir. Vou escoitar aos funcionarios, aos responsables das áreas, ao secretario, ao interventor... E se observo que hai algunha irregularidade vou pedir unha auditoría.

-¿Os oleirenses van notalo?

-Teñen que notalo. Non permitirei que nos sigan «ninguneando».

-Non se irá ao outro extremo...

-Non, pero se a ti che fixeron 30 avenidas e a min ningunha, tócame a min agora.