Ángel García Seoane: «Aquí, ou se toman medidas, ou acabamos coma en Nápoles»

Non ten móbil nin tarxeta de crédito, «inventos capitalistas para controlar á xente»


A Ángel García Seoane (Oleiros, 1952) gústalle a música sincopada. Cuba. E Maquiavelo. «¡Que listo era aquel home!». O candidato de Alternativa dos Veciños en Oleiros é un clásico sen complexos que quere manter o bastón de mando.

-Alternativa dos Veciños salta a outros concellos. ¿Por que agora?

-Sempre quixen saltar a ría. Antes en Alternativa outros non pensaban igual. Pero eu creo que hai que incidir na política deste país. Quero ter presenza nos concellos. Fálase dunha mancomunidade e hai concellos que non se integran porque hai politiqueiros que non deixan.

-Fala dos localismos.

-Cada un vai ao seu. A política está corrompida nun 90 %. Fun a Nápoles e os servizos están en mans das mafias: recollida de lixo, limpeza... Aquí, ou se toman medidas, ou acabamos coma en Nápoles.

-Ten o punto de mira na Deputación da Coruña.

-Na Deputación están o PP, o PSOE e o BNG. E aos demais que nos dean mate. Nós non permitiremos que se coloquen aí os zascandiles que teñen os partidos. Eu quería formar unha coalición na comarca para evitar que o PP gobernara a Deputación... Nas mareas teñen que ver máis alá do concello da Coruña.

-¿Que pensa de Podemos?

-Hai xente «maja», pero aí pode entrar de todo. Dicían que non ían ás municipais, vemos baixas e altas... Un partido a nivel nacional non se fai nun día.

-Fálase dos títulos dos políticos. Vostede non pisou unha facultade.

-Podes ter títulos e non ter interese pola sociedade. Ou fracasar como político. Varoufakis, por exemplo, non ten capacidade para negociar. Hai que negociar. E sen vender a pel. Eu nunca a vendín.

-Vostede tamén ten carácter.

-Si, teño carácter, que nace con un. E son de esquerdas. Nunca o neguei. Paréceme mal que Podemos esquive a súa relación con países de Latinoamérica. Pagábanlles, claro. Hai quen cre que a esquerda non come. Ten que ser un orgullo intentar axudar. Non hai unha solución española para estes países. Hai una corrupción instaurada moi forte. Pero hoxe hai menos pobres en Latinoamérica. Chávez fixo un bo traballo.

-¿Pero ve ben Venezuela?

-Nos supermercados do Goberno venden un 50 % máis barato que nos privados. A xente sae e revende. Estamos en diferente órbita. Falan dos dereitos humanos. ¿E os dereitos en China? Como aí hai cartos bailan todos ao seu ritmo.

-Vostede é fillo adoptivo de La Habana. ¿Como ve o tema de Cuba?

-En Cuba, ese país irmán, temos perdido o tren. Aznar fixo aquel fronte en Europa empuxado por Estados Unidos. E agora Estados Unidos entrou a saco e deixou aos europeos como tontos.

-¿Viaxará a EE. UU. nun futuro próximo?

-No vou porque me prenden. Fun fichado pola CIA. Miña irmá foi hai cinco meses. Como viron que era Ángela García Seoane, de Oleiros, retivérona un tempo. Tampouco podo ir a Israel.

-Puxo «Sharon asasino» no mobiliario urbano.

-Se matas xente es un asasino.

-¿Que lle parece Ciudadanos?

-A dereita usou Podemos contra o PSOE e IU. O PSOE está feito unha braga. Pero había votos do PP que se ían a Podemos. Entón déronlle alas a Rivera. É un invento do PP e do Ibex.

-Pero o Ibex está en Oleiros. Pablo Isla, Jove, Sandra Ortega...

-Pois dirán: «¿Onde se vive mellor?». Moitos dinme: «Gelo, non estou de acordo co teu pensamento, pero si cos feitos». Hai veciños que nas eleccións xerais votan ao PP e nas municipais a Alternativa. A dereita culta é intelixente.

-Igual se cruza con eles na estatua do Che.

-O Che. Proxectamos un monumento á cooperación internacional. Una artista trouxo outro proxecto. Custaba moito. E encargámolo en Cuba. O Che é un símbolo da cooperación internacional. E agora é un atractivo turístico. Vén xente de toda España a facerse fotos alí. Sobre o prezo, que pregunten polos boteros que hai por aí, que custaron 60 millóns de pesetas, 45... Isto valeu 108.000 euros coa urbanización da rotonda.

-Tivo problemas co seu chalé.

-No 72 tiña para comprar catro pisos. Traballaba na orquestra Trobadores. Eu quería a miña casa. Tardei anos en facela. Despois tiven que tirar unha parte por unha maldade dun xuíz. Hai unha sentenza de 17 folios onde se me dá a razón en que eu non tiña nada que ver coa medición dun iluminado desde o mar. E despois hai outra dun folio que pon: «Que lo tiren». Sabía que me creaba un dano de unos dez millóns de pesetas.

-Vostede pasea moito, ¿é tamén de viños?

-Son de festas con amigos. Non estou pegado ao móbil. Non teño móbil nin tarxetas de crédito. Son inventos do capitalismo para controlar á xente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
28 votos
Comentarios

Ángel García Seoane: «Aquí, ou se toman medidas, ou acabamos coma en Nápoles»